Política Social esquiva revelar ao Parlamento se expedientou un traballador polo seu trato a menores

Fabiola García, conselleira de Política Social, nun pleno recente do Parlamento CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O pasado xaneiro o PP esgrimiu contra BNG e PSdeG que un membro da plataforma que reclama a xestión pública do centro de discapacidade de Ourense fora condenado por abusos a unha menor en 1994. O home, revelaron ambos grupos, traballou despois con menores en centros da Xunta

A finais do pasado xaneiro o xornal La Región publicou que un activo participante na Plataforma ProCAPD, que dende hai case unha década reclama a apertura dun centro de atención público para persoa con discapacidade en Ourense, estivera en prisión por abusos sexuais a unha menor en 1994. O colectivo, que ignoraba o pasado do home, expulsouno nada máis transcender unha noticia que foi empregada polo PP contra BNG e PSdeG, formacións que se mobilizaron activamente pola apertura do centro e a súa xestión pública, que a Xunta mudou a finais do ano pasado por unha concesión a unha entidade social privada.

Nacionalistas e socialistas amosaron o seu convencemento de que a información fora "filtrada" dende a contorna dos populares para desacreditar a loita das familias da Plataforma ProCAPD. Mais tamén advertiron de que o mesmo home, tras a condena, volveu traballar con menores en centros dependentes do Goberno galego. Máis aínda, a deputada do Bloque Noa Presas revelou que "a raíz desta situación tivemos coñecemento" de que a mesma persoa "tivo un expediente aberto na Xefatura Territorial de Vigo" por un incidente acontecido mentres realizou unha substitución, entre finais de 2016 e comezos de 2017, no centro de menores Avelino Montero de Pontevedra.

Manifestación da Plataforma proCAPD Ourense, o pasado xaneiro ante a sede ourensá da Xunta, coa asistencia de Pontón e Besteiro CC-BY-NC-SA PSdeG

Neste contexto, ambas formacións anunciaron unha batería de iniciativas parlamentarias para coñecer se, alén da controversia partidaria en Ourense, a Xunta tiña constancia da situación, tomara medidas ao respecto ou "mirara para outro lado". A primeira resposta vén de recibila o Bloque e nela a Consellería de Política Social esquiva revelar se expedientou o traballador polo seu trato a menores no centro Avelino Montero.

A Consellería responde que "cómpre concretar que tipo de expediente se está a solicitar" tras reclamar o BNG saber se "tivo coñecemento" da apertura dun polo "tratamento a unha menor por parte dun traballador" no centro Avelino Montero de Pontevedra

Na súa iniciativa, o BNG detallaba que "tivo coñecemento da existencia" do devandito expediente e por iso reclamou ao departamento que dirixe Fabiola García saber "cantos expediente e con que resultado se incoaron dende o Centro de Menores Avelino Montero entre 2016 e 2017", así como se "ten rexistro o goberno galego dalgunha comunicación a respecto do tratamento a unha menor por parte dun traballador" e "que actuacións desenvolveu o goberno galego ante a información trasladada polo centro á Xefatura de Vigo". A deputada solicitou coñecer, asemade, ase "algún traballador dese centro" foi "apartado" do seu labor e "por que razóns", así como "que medidas de prevención se impulsaron a respecto desa situación" e "para impedir que se volvesen repetir os feitos noutro centro".

Na súa resposta, datada neste pasado 4 de marzo, a Consellería argumenta que "para poder responder a esta pregunta" cómpre "concretar que tipo de expediente se está a solicitar" porque "a Xunta tramita distintos tipos de expedientes nos seus centros, como por exemplo expedientes de contratación, expedientes de reforma, expedientes de protección, etc." A continuación, agrega que "convén advertir" de que "os expedientes de refomra" ou "calquera outro" que atinxa a persoas menores de idade como as internadas en centros de reeducación coma o Avelino Montero "están suxeitos a unha especial confidencialidade e protección", segundo marca a lei vixente, que "restrinxe de forma explícita o acceso a estes expedientes".

Noa Presas, deputada do BNG, defendendo a iniciativa pola xestión pública do CAPD de Ourense, o pasado xaneiro CC-BY-NC-SA BNG

Aínda que a deputada do Bloque preguntaba explicitamente por un expediente a un traballador e non por información concreta dunha persoa menor de idade, a Consellería resolve deste xeito a resposta, sen achegar máis datos. Tanto Presas como a socialista Carmen Rodríguez Dacosta avanzaran, en calquera caso, máis iniciativas para tentar lograr a información negada por Política Social neste primeiro intento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.