O Bloque advertiu dos riscos para unha muller derivada dende os servizos sociais doutra autonomía tras "coñecer a través da prensa" detalles como "idade, procedencia, nacionalidade, como se desprazou e o seu estado de xestación"
O pasado xullo as deputadas do BNG Noa Presas e Olalla Rodil e mais o deputado Iago Tabarés dirixíronse formalmente á Consellería de Política Social para advertir e pedir contas por unha "filtración" de datos dunha muller vítima de trata acollida no noso país tras ser derivada polos servizos sociais doutra comunidade autónoma. O departamento que dirixe Fabiola García vén de responder para negar ser a orixe desa filtración e da divulgación de información na prensa.
"É preocupante que coñezamos a través dos medios de comunicación non só a idade e procedencia da vítima, senón tamén o seu periplo anterior, a súa nacionalidade, como se desprazou ata Galiza, dende onte e ata onde, que o fixo presuntamente soa e o seu estado de xestación", sinalaba a formación soberanista. Os detalles publicados cando menos no xornal La Voz de Galicia, agregaban, "facilitan a identificación por parte de persoas da súa contorna e por parte dos seus potenciais agresores e captadores".
"A Xunta de Galicia cumpriu fielmente o seu labor, velando en todo momento pola privacidade da vítima, procurando que os seus datos persoais non transcendesen a terceiros", asegura Política Social nunha resposta enviada ao Parlamento a finais de setembro. Fíxoo, agrega, "cumprindo de forma escrupulosa o contido do plan de trata galego publicado e subscrito no ano 2022".
A Xunta asegura que velou "en todo momento pola privacidade da vítima, procurando que os seus datos persoais non transcendesen a terceiros"
A operación, agrega a consellería, seguiu o protocolo vixente dende 2014 para a "coordinación das redes de centros de acollida para as mulleres vítimas da violencia de xénero e dos seus fillas e fillas". Tamén, agrega, "o protocolo marco das vítimas de trata de seres humanos" subscrito en 2011 entre os gobernos autonómicos, o Goberno de España, a Fiscalía e o Poder Xudicial.
No seu cuestionamento á Xunta, o Bloque subliñaba que "o feito de que Galiza teña a capacidade e a vontade de acoller vítimas doutros teritorios e promover a súa atención e recuperación é algo do que nos temos que parabenizar como sociedade" e "sinal de que o noso sistema de protección, atención e intervención ante as distintas formas de violencia machista". Por ese motivo, subliñaban, non cuestionaban que se divulgase a existencia da colaboración interautonómica, senón "o nivel de datos coñecidos a través da prensa" sobre unha vítima en concreto.
"Todas as persoas expertas e protocolos insisten na necesidade da confidencialidade e da privacidade nos casos de violencia machista", porque, alén "do respecto ás vítimas", a "discreción é clave para a supervivencia". De aí que cumpra, advertían, non dar pistas aos agresores sobre o seu paradoiro.