Os cambios en toda a estrutura da consellería que dirixe Fabiola García continúan tres meses despois de que Feijóo ratificase a súa continuidade fronte aos titulares de Sanidade e Educación
A conselleira de Política Social, Fabiola García, foi a única titular dos tres departamentos máis implicados na xestión da pandemia do coronavirus, xunto con Sanidade e Educación, á que Feijóo mantivo no posto tras a formación de goberno para o seu cuarto mandato a comezos de setembro. Pero, por baixo dela, as remudas seguen a producirse, como nas outras dúas consellerías, especialmente no que atinxe ás residencias de maiores, nas que van rexistrados 516 falecementos ata este xoves do total de 1.228 mortes con COVID-19 en Galicia.
O primeiro cambio en Política Social decidiuno o Goberno galego no Consello da Xunta do 17 de setembro, cando creou unha nova Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria xunto á xa existente Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade. Á fronte do novo departamento foi nomeado Antonio Acevedo, epidemiólogo procedente do mundo sanitario, mentres que no xa existente foi cesado Ildefonso de la Campa e nomeado Fernando González Abeijón, que era subdirector xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da consellería, departamento ao que tamén acabou afectando o seu desprazamento.

Este xoves o DOG fixo oficial o nomeamento da xefa territorial da consellería na Coruña, María Milagros Blanco Aller, posto de libre designación convocado o 29 de outubro e que xa exercía esta mesma titular. Á súa vez, o mesmo diario oficial convoca outros dez postos de libre designación da mesma consellería, entre eles dúas das catro subdireccións xerais da Dirección Xeral de Maiores, a subdirección xeral de Recursos Económicos e a de Recursos Residenciais e Atención Diúrna, así como a subdirección xeral de Contratación e Control de toda a consellería.
Tamén se convocan por libre designación os postos de dirección do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) de Santiago (que malia a súa concepción orixinal como centro de atención á dependencia a Xunta está a empregar como residencia integrada á que derivar persoas doutros centros afectados por coronavirus) así como as direccións das residencias de maiores públicas de Santiago, Carballo e Burela. Neste tempo tamén foi resolta o 9 de novembro outra praza de libre designación, a da dirección do Centro de Atención a Persoas con Discapacidades (CAPD) da Coruña.
A promesa de deseñar un novo modelo de residencias aínda comezará “nas vindeiras semanas" coa constitución dun comité asesor
As mudanzas en Política Social de cargos relacionados coa xestión de residencias continúan mentres a conselleira, tras criticar durante a primeira vaga do coronavirus que o Goberno central se estaba a desentender das residencias, segue sen concretar o prometido “novo modelo” de centros. Este martes, na súa comparecencia no Parlamento para presentar os orzamentos para o próximo ano, Fabiola García aseguraba que ese obxectivo de deseñar un novo modelo de residencias aínda comezará “nas vindeiras semanas coa constitución do Comité Asesor, encargado do deseño do esquema sociosanitario da Galicia do futuro”.
Por outra banda, este xoves o presidente Feijóo anunciou, tras o Consello da Xunta, que se van crear catro “equipos de intervención rápida en residencias”, un por provincia, con dez profesionais por equipo. Serán traballadores públicos “que seguen traballando nas residencias pero se comprometen de forma voluntaria no caso de que se requira ser intervida unha residencia”.