Fademga denuncia o "incumprimento" dos compromisos de financiamento destes servizos, lanzados pola Xunta o pasado outono ante a advertencia dun calendario de mobilizacións que as entidades valoran agora retomar
A mediados de outubro do pasado 2025 a federación de 42 entidades que xestionan algo máis da metade das prazas de atención á discapacidade intelectual dependentes da Xunta, Fademga, lanzou unha pouco habitual convocatoria de mobilizacións. Esas prazas (2.813 dun total de 5.188, segundo os datos máis recentes), advertían, estaban "ao bordo do colapso", unha "situación límite" porque a fórmula do chamado concerto social, coa que a Consellería de Política Social lles encomenda a xestión de servizos coma estes, xa non chegaba para cubrir minimamente os custos.
A finais daquel mesmo mes Fademga daba por pechado o conflito. Tras un "intenso proceso de diálogo", sinalaban, viñan de pechar un acordo coa conselleira, Fabiola García. As entidades consideraban que os "compromisos" expresados por Política Social ían "garantir a estabilidade" dos servizos. Agora, menos de medio ano despois, Fademga denuncia "o incumprimento dos compromisos adquiridos pola Consellería de Política Social en outubro" e valora retomar unhas protestas que a Consellería se dispón, outra volta, a tentar desactivar.
As entidades agrupadas en Fademga vólvese expresar en termos de "situación límite". Hai agora unha semana, o 24 de marzo, aseguraban levar "múltiples chamadas e tres meses de espera" tras "reiteradas solicitudes de reunión" con Política Social. As "medidas clave para garantir a sustentabilidade dos servizos e a calidade da atención ás persoas con discapacidade intelectual" non pasaron, lamentan, de "anuncios".
Tras advertir as entidades publicamente da "situación límite", da posibilidade de volveren protestar e de que a Consellería non as recibía, Política Social fixou unha xuntanza con elas para o vindeiro 10 de abril
O departamento de Fabiola García, lamentan, "comprometeu actuacións concretas que seguen sen desenvolverse", tales como unha "revisión áxil dos módulos económicos" que financian estes servizos para "adaptalos aos custos reais". Tamén a actualizar a normativa para "actualizar estes importes de maneira efectiva", así como "revisar rateos en centros residenciais" ou "concertar cen novas prazas" para este 2026.
Un "programa plurianual que permita mellorar e manter os centros" de atención á discapacidade intelectual xestionados por estas entidades ou a "revisión do modelo de transporte adaptado" son outros dos "incumprimentos" sinalados por Fademga, que tamén sinala a un "financiamento estrutural" deficiente que "non é sostible no tempo". "Estamos a falar de servizos esenciais que dependen dun financiamento público axeitado. Sen iso, o sistema reséntese e as persoas quedan no centro do problema”, resume o presidente da federación, Eladi Fernández.
Este pasado luns, seis días despois de que Fademga fixese públicas outra volta as súas reclamacións e a posibilidade de retomar as protestas, a federación volvía dirixirse aos medios de comunicación para explicar que viñan de "pechar unha reunión coa Consellería" para o vindeiro 10 de abril "co obxectivo de avanzar no desbloqueo da situación". "Supón -din- un primeiro paso" nun "contexto marcado pola ausencia de avances no cumprimento dos compromisos adquiridos".