BNG e PSdeG animan a cidadanía galega a unirse á manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego este domingo en Santiago de Compostela e que pide "parar a emerxencia lingüística" e reclama unha "lingua vital xa".
Así, a portavoz do Bloque, Ana Pontón, fixo un chamado á participación na marcha en defensa da lingua e contra as políticas lingüísticas do PP que, segundo ela, supoñen un "acoso" cara ao idioma propio. A líder nacionalista destacou a importancia de que o galego se siga transmitindo de xeración en xeración e advertiu que a súa formación política traballará "para que o galego teña mil primaveras más".

Pontón e Besteiro coinciden na necesidade de manifestarse a prol do galego e de transmitir a lingua ás novas xeracións
Ante a situación actual da lingua, Pontón asegura que a lingua herdada de "pais e avoas" debe ser transmitida a "fillas e netos" para que prenda e se manteña nas seguintes xeracións.
“Sairemos á rúa en defensa do galego e para deixar claro que sentimos orgullo do noso idioma e queremos deixar atrás esas política lingüicidas do goberno do PP, imos dicirlle, desde o amor e desde a confianza no país, que queremos vivir en galego”, dixo Pontón.
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, animou tamén este sábado desde A Fonsagrada a todos os galegos e galegas a unirse á manifestación a prol do galego por ser un acto “que non vai contra ninguén, senón a favor do noso idioma, que temos que protexer e preservar”.
Besteiro trasladou a importancia de potenciar o uso “do noso sinal de identidade máis íntimo”, como é o idioma propio, durante a súa visita á 28ª edición Feira do Butelo. Alí, animou tamén a "difundir" a lingua popia para que "máis galegos" pero tamén a xente que non é de Galicia "a abrace con cariño".
Logo, nunha mensaxe en redes, Besteiro destacou que a mobilización deste domingo é "para enxalzar o noso idioma, o que nos une a todos os galegos e galegas". "O futuro do noso país pasa tamén polo futuro do noso idioma; temos que lanzar unha mensaxe clara e firme de que o galego nos importa moito", dixo quen cre que a manifestación é "unha cita á que non podemos faltar".
Ademais, Pontón, desde Vilar de Santos, referiuse aos últimos estudos sobre a evolución do galego para destacar que son "os peores datos" e atribuíu esta tendencia ás "políticas de acoso e derruba" do PPdeG, as que levaron, segundo ela, á lingua a unha "situación crítica".
Ambos líderes da oposición parlamentaria anunciaron xa a súa asistencia a unha marcha que sairá ás 12 do mediodía da Alameda compostelá e que rematará na praza do Obradoiro coa actuación de Mondra.
Baixo o lema Lingua vital xa!, que remite inevitablemente á onda vital do protagonista de Bola de Dragón, Son Goku, Queremos Galego explica quere "animar a cidadanía a transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora". Esa forza, manteñen, pretende "reaxir" fronte ao que, temen, pode ser "un pacto do enterro do galego", en referencia á reformulación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega lanzada pola Xunta.