A Xunta négase a facer público o pacto que asinou con Altri en 2021 o daquela vicepresidente Francisco Conde e tampouco publicou o concerto asinado este ano co hospital vigués de Ribera Salud polo que lle vai pagar un 20% máis
"Faga públicos eses acordos secretos que ten con Altri e con Ribera Salud". Así esixiu este mércores a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que amose os documentos asinados en 2021 con Altri para a contestada fábrica de Palas e este mesmo ano con Ribera Salud para renovar o concerto do Sergas co seu hospital vigués Povisa cun 20% máis de custo para as arcas públicas.
A Xunta segue sen facer públicos eses documentos. Pero a resposta que deu Rueda á líder do BNG é que para poder facer esixencias "primeiro, señora Pontón, hai que gañar unhas eleccións".
No caso de Altri o daquela vicepresidente da Xunta, Francisco Conde, asinou o 1 de outubro de 2021 un acordo coa empresa para a súa chegada a Galicia que o Goberno galego di que foi parte dun "negocio xurídico privado", polo que se vén negando a amosalo tanto ao Parlamento como aos medios de comunicación. Pola súa banda, da renovación do concerto con Povisa a Xunta limitouse a publicar a resolución de adxudicación asinada o 13 de marzo deste ano pero non o contrato ou concerto coas cláusulas concretas detalladas.
"Sigamos cada un no noso papel, nós gobernando e vostede na oposición do non", di Rueda
Ante estes feitos, e tras a nova manifestación deste domingo contra Altri e a polémica polas ordes de Ribera Salud de reducir atención a pacientes nun hospital madrileño para así ter máis beneficios, Pontón reclamou a Rueda que "non se esconda tras dos técnicos". A nacionalista considera que a chegada de Altri a Galicia "foi unha decisión política do PP antes de que houbera un só informe sobre a mesa", polo que reclama coñecer ese "acordo secreto". E sobre Povisa Pontón reclamou tamén que a Xunta "faga público ese contrato millonario e se realice unha auditoría para que se certifique que esa empresa non está facendo negocio a costa da saúde".
Nas súas respostas Rueda insistiu en que no caso de Altri "por riba das decisións políticas están os técnicos" e evitou referirse a Povisa. Ante a petición de explicacións de Pontón o presidente retrucou que "para iso primeiro señora Pontón hai que gañar unhas eleccións". "Sigamos cada un no noso papel, nós gobernando e vostede na oposición do non", concluíu Rueda.
Democracia Ourensana
Democracia Ourensana pide máis investimentos no interior de Galicia polos efectos dos incendios
Como sucede unha vez por período de sesións do Parlamento, este mércores tamén formulou pregunta ao presidente Rueda o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea. A cambio, como vén sendo habitual, de que non preguntase o PSdeG.
Ojea criticou que a prioridade de gasto da Xunta sexa embelecer o litoral e reclamou máis investimentos este ano no interior en xeral e en Ourense en particular polos efectos dos incendios forestais do pasado verán. Rueda respondeu que a Xunta xa leva pagado en tres meses case 18 millóns de euros en axudas a persoas e empresas afectadas polos incendios e fixo repaso a distintos investimentos de todo tipo do Goberno galego en Ourense.