O presidente despreza as peticións de Pontón e Besteiro de aproveitar a quita da débeda ofrecida polo Goberno de España para máis investimentos públicos
As críticas do Goberno galego á quita de 4.000 millóns de débeda da Xunta por parte do Estado volveron centrar este mércores a sesión de control do Parlamento de Galicia. No debate, tanto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediron ao presidente da Xunta que aproveite a quita para realizar máis investimentos públicos, pero Alfonso Rueda teimou en asegurar que a decisión do Goberno de España prexudica a Galicia porque beneficia máis a outras comunidades.
Na súa intervención Ana Pontón puxo o foco no problema da vivenda, "principal preocupación" da cidadanía. E preguntouse "cantas poderíamos construír cos 4.000 millóns de euros da quita negociada polo BNG". A nacionalista propuxo a Rueda declarar zonas tensionadas para controlar os prezos da vivenda, establecer un tope ás vivendas turísticas en función da poboación e retirar "todas as vivendas turísticas ilegais que hai no rexistro da Xunta".
"Que a vivenda sexa para a xente e non para substituír hoteis", resumiu Pontón. E en referencia á petición dunha concesión de Costas por parte da parella de Alberto Núñez Feijóo para a o seu chalé en Moaña, a nacionalista dixo que "os galegos e as galegas non están preocupados por se as súas casas de veraneo teñen acceso directo á praia" senón polos seus problemas de vivenda.
Desde o PSdeG Besteiro tamén apelou a "o que se podería facer con eses millóns" da quita proposta polo Estado e defendeu que Galicia vai recibir máis que o que lle tocaría por poboación ou PIB. "Evítese o ridículo que vai facer e evítenos a todos un problema", dixo o socialista a Rueda, ao que pediu pensar "no que podemos facer con ese financiamento extra".
Porén, a resposta común de Rueda foi presentar a quita como un "premio" a Catalunya por parte dun "utilizado" Pedro Sánchez e do seu "goberno chantaxeado". Un ofrecemento de perdón da débeda que o presidente considera que prexudica a Galicia porque beneficia máis a outras comunidades que non realizaron no seu momento tantos recortes como a Xunta.