Tras "anunciar a gratuidade das matrículas universitarias, supoño que o PP deixará as escusas e asumirá a gratuidade dos libros de texto que reclama o BNG", sinala Ana Pontón
En vésperas do inicio do curso escolar, a portavoz nacional do BNG recibiu no Parlamento unha representación de asociacións de nais e pais de diferentes puntos de Galicia. Fíxoo para escoitar as súas demandas ante un período académico que, ao xuízo de Ana Pontón, principia "cos mesmos problemas de sempre" e para o que urxe, de entrada, a remudar o "ineficaz" sistema de axudas e préstamos parciais de libros de texto da Xunta por un sistema de gratuidade universal.
Co modelo de axudas parciais para os libros, "obsoleto e totalmente insuficiente", o Goberno de Rueda "deixa o 30% das familias sen ningún tipo de axudas". E faino, acrecenta, mentres dende a mesma Consellería "anuncia a gratuidade de todas as matrículas universitarias, con independencia" de que quen acceda á universidade "sexa o fillo un traballador ou dun millonario".
"Supoño que o PP deixará de utilizar esa escusa", sinala Pontón, e "asumirá a gratuidade universal que reclama o BNG". Máis aínda tendo en conta, resalta, que "en Galiza a inflación sobe sistematicamente por riba da media estatal" e, polo tanto, a escalada de prezos de libros e material escolar é tamén maior.
Familias de alumnado con discapacidade
"Non pode ser que todos os anos teñan que estar pelexando para que os seus fillos e fillas teñan o persoal de apoio que necesitan", di Pontón sobre as familias de estudantes con necesidades educativas especiais
Dese encontro con representantes de ANPAs a líder do Bloque salienta especialmente a "desesperación" que, asegura, detectou en nais e pais de estudantes con necesidades educativas especiais. "Non pode ser que todos os anos teñan que estar pelexando para que os seus fillos e fillas teñan o persoal de apoio que necesitan". A algúns dos asistentes, mantén, "quebrábaselles a voz expoñendo a situación" mentres "a Xunta do PP é insensible".
"Incumprimento das ratios oficiais" ou "deficiencias nos servizos complementarios" que dan lugar a, por exemplo, "alumnado sen praza no transporte escolar" ou ausencia de autobús para alumnado de Bacharelato aínda que sexa menor de idade son outras das eivas sinaladas nun encontro que tamén abordou a situación dos comedores xestionados por familias e concellos. "O Goberno do PP segue ignorando a reclamación de que sexa a Consellería de Educación a que os asuma".
"Fronte a estes problemas -conclúe Ana Pontón- o que fai o Goberno de Rueda é multiplicar a súa propaganda". "O mellor retorno que imos ter como sociedade é o de cada euro que se destina á educación pública", defende.