PP e PSdeG empatan tamén no voto exterior, que mantén a escasa participación dos últimos anos

Unha urna nun colexio electoral neste 10N CC-BY-NC-SA En Común

O voto exterior deixou as cousas igual en Galicia tras este 10N. Unha vez máis, como vén sendo habitual desde que se instaurou o voto rogado e a necesidade de solicitar exercer este dereito, a participación foi moi baixa entre a emigración, dun 3,6%. É case un punto superior á dos comicios do pasado 28 de abril e semellante á dos de xuño de 2016, pero con cifras moi afastadas do 35% que adoitaba roldar antes do cambio de sistema.

A participación da cidadanía galega no exterior volveu ser moi baixa, do 3,6%, como leva acontecendo desde que se instaurou o voto rogado

Participaron un total de 16.769 cidadáns inscritos no CERA, censo de residentes ausentes, cuns resultados parecidos aos que se deron no voto dos galegos e galegas residentes no país, polo menos no que ten que ver cos dous grandes partidos. Todo malia que aquelas persoas que rogaran o voto nos anteriores comicios do 28 de abril non tiñan que volver facelo. 

O PP recibiu o apoio de algo máis do 30% dos electores no estranxeiro, fronte ao 31,9% do reconto en Galicia, mentres que o PSdeG alcanzou o 29%, algo menor ao 31,3% do pasado domingo.

O apoio ao PP e ao PSdeG entre os residentes no estranxeiro é case idéntico ao acadado en Galicia

Por provincias, no entanto, o PSdeG superou en votos ao PP na Coruña e en Lugo, mentres que a formación conservadora foi a triunfadora en Pontevedra e en Ourense, aínda que a distancia total entre as dúas formacións foi escasa, de tan só uns 200 votos, practicamente  un empate técnico. 

En Común Unidas Podemos, pola súa banda, chegou ata o 20,5% dos sufraxios no exterior, unha porcentaxe case oito puntos maior á obtida nas mesas electorais galegas. A diferenza quizais máis salientable é a de Vox. A ultradereita acadou entre a poboación galega no estranxeiro –emigrantes ou descendentes deles-- máis de 1.500 votos, o que supón case o 10% dos sufraxios e un apoio de punto e medio superior ao obtido en Galicia. 

Vox aumenta 1,5 puntos o seu apoio entre a emigración, é terceira forza en Ourense e supera o BNG en todas as circunscricións

O partido ultradereitista é, ademais, terceira forza entre o CERA da provincia de Ourense, sumando máis que En Común e triplicando os votos do BNG, a quen supera en todas as circunscricións galegas no exterior. Alcanzou nesa provincia o 13% do total de votos da diáspora. 

O Bloque, pola súa banda, queda como cuarta forza entre a emigración cun total de 859 votos, un 5,15% dos sufraxios, o que supón tres puntos menos que o obtido entre o censo de residentes no país. 

A fin do voto rogado?

O voto rogado, que se puxo en marcha en 2011, obriga os electores no exterior a solicitar previamente o voto en cada convocatoria de xerais, autonómicas e europeas. A participación dos inscritos no CERA caeu a niveis mínimos nas últimas convocatorias electorais, tamén en Galicia, ao rexer un sistema que minguou moitísimo o número de votantes pero acabou tamén coa fraude que pairou durante décadas en todas as citas electorais, nomeadamente en territorios con importantes colectividades emigrantes, como no caso galego.

PP e PSOE, que instauraron o voto rogado en 2011, levan anos querendo acabar con este sistema

Este sistema vixente é co que queren acabar desde hai tempo PP e PSOE, os mesmos partidos que acordaran poñelo en marcha hai oito anos co apoio de BNG, CiU e PNV. Os dous grandes partidos instaron xa dar marcha atrás neste aspecto da nova lei electoral aos dous anos de implantalo e seguiron intentando acabar con el nesta lexislatura, co apoio tamén de Podemos e Ciudadanos. Coa chegada de Sánchez á Moncloa, os socialistas volveron deixar clara a súa prioridade no caso de impulsar outra modificación lexislativa.

O último informe ao respecto, elaborado por Exteriores, Migracións e Interior, en consonancia co portavoz do PSOE na subcomisión de reforma electoral, apostaba por que os inscritos fóra de España reciban directamente a documentación electoral sen necesidade de ter que rogar o voto e cunha particularidade á hora de exercelo: terán que escribir a súa opción electoral na papeleta. Este cambio abre a porta a que máis de 400.000 persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA) dalgunha das catro provincias galegas sen control de identidade previo

De non cambiar as posturas anteriores, e tendo en conta que Unidas Podemos apostou tamén por acabar co voto rogado e por unha reforma que podería multiplicar a colectividade galega no exterior, a fin do voto rogado debería estar preto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.