A reunión de PSOE e Unidas Podemos para retomar as negociacións tras a investidura fracasada de xullo concluíu o xoves sen avances tras catro horas e cuarto de conversa. A covoceira de Unidas Podemos, Ione Belarra, asegurou ao termo da cita, que se celebrou nunha sala do Congreso dos Deputados, que saían "preocupadas" porque o PSOE se limitara a presentar un "programa electoral" e denunciou que permanece "inamovible" na súa intención de gobernar en solitario. "Constatamos diferenzas, pero quedamos en seguir falando", dixo a portavoz socialista, Adriana Lastra. O pesimismo é patente en ambas as partes, pero ningunha quere levantarse aínda da mesa.
Pasadas as 21:15 horas da noite, Belarra compareceu durante 34 segundos para explicar o resultado do encontro á prensa e sen admitir preguntas, afirmou que ambas delegacións se emprazaron "a seguir falando nos próximos días e, se é posible, a manter algunha outra reunión". Atendendo ás palabras da deputada de Unidas Podemos, nin sequera está garantido que vaia haber unha segunda cita.
O pesimismo cara a un posible acordo que evite a repetición electoral é patente en ambas partes, pero ningunha quere levantarse aínda da mesa
"Marchamos sinceramente preocupadas porque basicamente viñeron presentarnos un programa electoral, mostráronse profundamente inamovibles coas posicións nas que xa mantiñan", afirmou Belarra ante as cámaras. "Viñeron presentar unha terceira vía que en realidade é a primeira e a única vía que mantivo o PSOE, que é a do partido único", resolveu a deputada de Unidas Podemos.
Fontes do grupo confederal aseguran que o seu equipo negociador "propuxo ao PSOE negociar en serio un goberno, programa e equipos para desenvolvelo", pero que os socialistas se negan a "negociar un Executivo".
Uns minutos despois da declaración de Belarra, Adriana Lastra compareceu tamén sen ningunha euforia ante os medios na Carreira de San Jerónimo: "Constatamos diferenzas, pero quedamos en seguir falando". "Sentamos a falar e o que nós esperamos é seguir facéndoo", repetiu a portavoz socialista no Congreso.
O principal atranco da negociación segue sendo a negativa dos socialistas a aceptar a coalición e o rexeitamento de Unidas Podemos a votar favorablemente á investidura de Sánchez sen entrar no Goberno
Lastra aproveitou a ocasión para asegurar que os socialistas "se moveron moitas veces" desde o 28 de abril, en referencia ás distintas propostas que Sánchez fixo no mes de xullo, pero non quixo responder á pregunta de se ofreceran cargos concretos aos seus interlocutores nesta ocasión. O principal atranco da negociación segue sendo a negativa dos socialistas a aceptar a coalición e o rexeitamento de Unidas Podemos a votar favorablemente á investidura de Sánchez sen entrar no Goberno. "Para preservar unha negociación que este partido quere que chegue a bo porto é necesaria a discreción", aseverou.
Fontes dos dous partidos confirman que, cara a dentro, desde a parte do PSOE non se concretaron cales son eses cargos fóra do Goberno que Sánchez está disposto a ceder a representantes de Unidas Podemos. "Non entramos", recoñecen fontes socialistas.
Na Moncloa aseguran que Sánchez non irá a unha nova investidura sen os apoios amarrados
Aínda que ambas partes se emprazaron a seguir falando e a "intercambiar papeis", igual que fixeron Pablo Iglesias e Pedro Sánchez na súa primeira cita na Moncloa tras as eleccións xerais, non hai sequera garantida unha nova reunión nos próximos días para tentar desbloquear a situación. Ambos os partidos teñen unha marxe de apenas dúas semanas para alcanzar un acordo que evite a repetición electoral, xa que o rei volverá convocar aos grupos para valorar se algún candidato pode alcanzar a confianza do Congreso para ser investido antes de que as Cortes se disolvan de maneira automática o 23 de setembro. Na Moncloa aseguran que Sánchez non irá a unha nova investidura sen os apoios amarrados.
Os próximos días serán determinantes. En Unidas Podemos están convencidos de que o equipo de Sánchez aproveitará a volta de vacacións para facer enquisas e que a negociación dependerá do resultado das sondaxes. "O que nos transmiten é: ou gobernamos en solitario a pesar de non ter maioría absoluta, ou eleccións", sinalan fontes de Unidas Podemos, que consideran que "ou Pedro Sánchez decidiu levarnos xa a eleccións ou está a esperar ao último minuto para volver facer unha oferta de coalición". Con todo, o PSOE desbota esa posibilidade que Sánchez cualificou de "inviable" e "impracticable".