"Espero que non vete ningunha comparecencia, empezando pola súa e seguindo pola do señor Feijóo", incidiu Pontón ante Rueda en vésperas de rexistrar a comisión de investigación sobre os contratos da Xunta e o sobrecusto do hospital de Vigo
Alberto Núñez Feijóo reprochou durante anos agremente a PSdeG e BNG que, en novembro de 2007, citasen a Manuel Fraga a comparecer na comisión de investigación que pescudou irregularidades na xestación, contratación e construción da Cidade da Cultura. Case dezasete anos e unha eternidade política despois, nacionalistas e socialistas tentarán que o actual líder do PP sexa o seguinte ex-presidente do Goberno galego en comparecer ante unha investigación aberta na Cámara galega.
Este venres o Bloque culminará o trámite para abrir unha comisión de investigación a respecto do sobrecusto de 470 millóns no hospital de Vigo detectado polo Consello de Contas, os contratos do grupo Eulen coa Xunta e os "vencellos familiares" da empresa con Feijóo -onde é directiva a súa irmá- e mais os contratos de emerxencia da Xunta durante os dous primeiros anos da pandemia da COVID. Unha das comparecencias que reclamarán, avanzou este mércores Ana Pontón, será a de Feijóo.
"Espero que non vete ningunha comparecencia, empezando pola súa e seguindo pola do señor Feijóo, e que tampouco vete ningún tipo de documentación, incluídos os contratos con empresas vinculadas a familiares do ex-presidente da Xunta", reclamou a líder do Bloque a Rueda durante a sesión de control. Nun sentido semellante, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanza tamén que o Grupo Socialista requirirá a presenza de Feijóo e Rueda na comisión.
Que o actual líder do PP sexa ou non convocado á comisión forzada polo BNG depende, paradoxalmente, do PP mesmo. O recurso parlamentario que permite activar unha investigación por lexislatura sen o apoio da maioría absoluta da Cámara, que os populares accederon a introducir no Regulamento en 2015, reserva para quen controla máis da metade dos escanos relevantísimos resortes de control. Entre eles, dar o visto e prace ou bloquear o plan de traballo do órgano, incluíndo a listaxe de comparecentes e documentos.
O impacto político da presenza de Feijóo nesta comisión non sería menor. Tanto a nivel galego, dada a súa condición de ex-presidente, como tamén -ou se cadra, sobre todo- no ámbito estatal, onde o líder e outros cargos do PP veñen poñendo o foco en acusacións de presuntas irregularidades contra familiares de Pedro Sánchez como a súa esposa ou o seu irmán
Como presidente, Feijóo xa compareceu dúas veces ante comisións de investigación, nas que derivou a PSdeG, BNG ou En Marea responsabilidades sobre a sanidade ou a fracasada fusión das caixas
Esta non sería, en calquera caso, a estrea de Feijóo como comparecente nunha comisión de investigación. Nos seus anos como presidente da Xunta acudiu a dúas delas. En 2019 foi á forzada por En Marea, PSdeG e BNG sobre os recortes sanitarios despois de que o PP impuxese o seu propio plan de traballo. Alí presentou o Sergas como vítima de "intereses inconfesables" da esquerda, á que acusou de pretender "destruír" a sanidade pública.
Antes, en xuño de 2013, tamén compareceu como presidente na investigación parlamentaria sobre a fracasada fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Naquela ocasión declinara calquera responsabilidade sobre a operación e a súa quebra, repartindo culpas entre o Goberno de España e o Executivo galego de PSdeG e BNG. Previamente, en 2007, fora citado na súa condición de ex-vicepresidente á comisión de investigación da Cidade da Cultura, na que compareceu o mesmo día que Fraga e dixo lamentar non prever o custo final das obras.