Rueda acusa a BNG e PSdeG de "catastrofistas" e "esaxerados" e nega eivas no ensino ou na sanidade

Alfonso Rueda responde ás preguntas dos grupos no pleno do Parlamento CC-BY-SA David Cabezón

"Tremendistas, catastrofistas e esaxeradas". Con estes adxectivos cualificou Alfonso Rueda a denuncia que a oposición fixo na sesión de control no Parlamento deste mércores sobre a situación do ensino público e a atención primaria ou sobre a -na súa opinión- nula resposta do Goberno galego á crise de prezos e inflación en Galicia. 

O presidente da Xunta, ao igual que fixera o conselleiro de Educación o martes, negou o recorte de profesorado que lle atribuíu o PSdeG neste inicio de curso -e que denuncian tamén BNG, numerosas ANPA ou sindicatos educativos- para acusar o portavoz socialista, Luís Álvarez, de "terxiversar, manipular e mentir" sobre a cifra de docentes para "dar unha imaxe que non é real". 

Álvarez esixiu a Rueda que recupere a gratuidade dos libros de texto e se reúna co profesorado para melloras as súas condicións laborais. Ademais, denunciou que a Xunta aínda non teña publicados todos os currículos educativos, algo que xa fixeron 10 das 17 autonomías, incluída Madrid. 

Ana Pontón intervén na sesión de control do Parlamento © Parlamento de Galicia

Rueda cualificou de "tremendistas, catastrofistas e esaxeradas" as diagnoses de PSdeG e BNG sobre o ensino ou a sanidade pública 

Rueda destacou o "bo estado da educación pública en Galicia" e atribuína "aos profesores, ás familias e ao alumnado", pero tamén á Administración, da que presumiu polo seu bo facer, criticando pola contra a actuación do Executivo central. O presidente da Xunta insistiu tamén nos ataques á nova lei educativa (Lomloe) -aprobada no Congreso con ampla maioría e cos votos a favor de sete partidos- por "non ser pactada e ser criticada por moita xente, mesmo que non é do PP".  

Porque Rueda obviou calquera eiva en educación ou en sanidade. Fronte ás críticas pola "deterioración" da atención primaria ou a política de "brazos cruzados" ante a crise de prezos lanzadas pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o presidente da Xunta volveu criticar o "discurso catastrofista, negativo e pesimista" do Bloque. "Felicítoos pola súa perseveranza nestes 40 anos", engadiu. 

O presidente da Xunta anunciou unha nova convocatoria do Bono Comercio e o impulso de 3.400 prazas en escolas infantís

Con todo, anunciou que no Consello da Xunta deste xoves aprobarase unha nova convocatoria do Bono Activa Comercio con 17 millóns de euros e que impulsará a creación, en colaboración cos concellos, de 3.400 novas prazas en escolas infantís para crianzas de 0 a 3 anos. Segundo Rueda, o bono permitirá "dinamizar" a economía local e que 160.000 persoas conten cun desconto de 30 euros, medida xa posta en marcha o ano pasado para favorecer o pequeno comercio. 

Pontón, pola contra, insistiu en que a Xunta "segue sen tomar unha soa medida de impacto" contra a inflación e acusou o Goberno galego de "estar preso da estratexia electoral que marca o PP desde Madrid, no canto peor para os galegos, mellor para os réditos electorais do Partido Popular". 

Así, Pontón lembrou as "axendas pechadas, os PAC sen persoal médico, as vacacións non cubertas, a falta de citas ou os recortes de persoal que chegan ao 66%" que se deron na atención primaria en Galicia durante as últimas semanas, unhas críticas ás que apenas houbo resposta por parte de Rueda. 

Luís Álvarez, durante a sesión de control no Parlamento CC-BY-SA PSdeG

Si retrucou o presidente advertindo da implantación da gratuidade nas escolas infantís, da incorporación no Sergas da vacinación contra a meninxite B ou das axudas ás familias. Ademais, presumiu do "transporte público gratuíto para os menores de 21 anos" e da bonificación da metade do importe "para o resto". "Pagado exclusivamente polo Goberno de Galicia, por moito que se empeñe o Goberno central", dixo, en resposta ás críticas por atribuír á Xunta un desconto que será sufragado ata o 30% por fondos estatais antes de que remate o ano

Pontón (BNG) acusa a Xunta de "estar presa da estratexia electoral que marca o PP desde Madrid" e Álvarez (PSdeG) pide que volva a gratuidade dos libros de texto

Ademais, Rueda censurou a Pontón, á que lembrou a súa "viaxe a Chile en agosto", á que atribuíu que, se cadra, non se decatase dalgunhas das medidas da Xunta. "Estou feliz de que viaxe, vénlle especialmente ben porque o mundo non acaba no Padornelo", espetoulle. A portavoz nacional do BNG lamentou os "ataques persoais", acusouno de "facer oposición da oposición" e de estar "desconectado da realidade". "Igual está facendo prácticas para a próxima lexislatura", respondeu. 

Tamén pediu Pontón "explicacións" polo gasto en patrocinios do Xacobeo de 2,5 millóns para o concerto de Muse en Vigo, o que cualificou de "dispendio". "É unha tomadura de pelo usar cartos públicos para repartir entradas VIP entre cargos do seu partido", dixo a líder nacionalista. "Moléstalles moitísimo o Xacobeo porque cren que se pode asociar cun éxito do Goberno galego; intentan contelo pero ao final exteriorízano", respondeu Rueda. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.