A portavoz nacionalista pregúntase se coaccionan "os milleiros de galegos que se manifestan en contra" e o presidente lembra que o votou máis xente a el
"Houbo coacción aos funcionarios, de vostede, señora Pontón". Así acusou este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, á portavoz nacional do BNG dun suposto delito polas súas críticas contra o proxecto de Altri que está a apoiar politicamente o Goberno galego mentres os seus técnicos o tramitan administrativamente. Un proxecto que pola súa banda Ana Pontón cualificou como "franquismo industrial".
A suposta coacción do BNG aos funcionarios que deben decidir sobre Altri, fronte á suposta independencia do Goberno galego ante o proxecto que apoia de xeito activo, foi cualificada por Rueda este mércores na sesión de control á Xunta no Parlamento como "inxusta, irresponsable, continuada e indocumentada". "Supoño que nos réximes totalitarios que a vostedes lle gustan tanto, os políticos presionan aos funcionarios e os funcionarios son uns peleles, pero en Galicia a cousa é distinta", dixo o presidente.
Pola contra, Ana Pontón preguntouse: "Quen coacciona? Os milleiros de galegos e galegas que se manifestan en contra de Altri?" A nacionalista tamén pediu a Rueda explicacións de "por que dimiten algúns técnicos e vostedes colocan comisarios políticos do PP".
Segundo a portavoz do BNG, con Altri o PP "o que nos está ofrecendo é recuperar o franquismo industrial das celulosas". E preguntouse, xa que Altri é unha empresa portuguesa, "se ese proxecto é tan fantástico, por que non o queren en Portugal?". "Esta é unha decisión política que ten adoptado o PP para beneficiar a Altri e para hipotecar o futuro deste país", sentenciou a nacionalista.
![](https://praza.gal/storage/uploads/20240321-texto-pnl-altri-f58d7ac.jpeg)
Rueda, non obstante, teimou no seu argumento de que o BNG apoiaba o proxecto de Altri ata que as eleccións de febreiro do pasado ano volveron darlle a el a presidencia da Xunta. "Votoume moita máis xente a min, ao PP, por iso estamos gobernando", concluíu.