Altri aposta por Galicia como "fonte de madeira" coa fábrica de Palas estancada

Altri aposta por Galicia como fonte de madeira mentres segue tramitando a fábrica de Palas CC-BY-SA Imaxe: Altri | Montaxe: Praza Pública

Outra marcha percorre Santiago este domingo contra o proxecto industrial, sen axudas á descarbonización e sen conexión eléctrica mentres a empresa salienta a compra de empresas forestais como "paso estratéxico" para consolidarse en Galicia

Catro anos e dous meses despois de que a Xunta asinase un acordo aínda secreto con Altri para o seu desembarco en Galicia cunha fábrica de celulosa e fibras téxtiles, o proxecto que acabou poñendo os seus ollos en Palas de Rei afronta este domingo unha nova manifestación en contra polas rúas de Santiago. Unha marcha que busca a cancelación do proxecto e non se conforma co estancamento dos últimos meses, logo de que a empresa quedase sen axudas europeas á descarbonización, sen conexión á rede eléctrica e siga pendente da autorización ambiental definitiva por parte da Xunta, que deita nela a decisión final sobre a fábrica. 

Pero á espera do que pase coa fábrica de Palas, a empresa portuguesa segue adiante co seu desembarco en Galicia e nas súas últimas contas trimestrais, feitas públicas hai dúas semanas, salienta a compra de empresas significativas do sector forestal galego como "paso estratéxico na consolidación da presenza do Grupo Altri en Galicia" para "reforzar as actuais fontes de fornecemento de madeira do grupo"

Manifestación contra Altri o 15 de decembro de 2024, co 'río Ulla' na praza do Obradoiro CC-BY-SA Ana Liste/ Praza

A manifestación deste domingo en Santiago, con saída ás 12 da Alameda e chegada á praza do Obradoiro, foi convocada no aniversario da gran marcha do 15 de decembro do pasado ano e ten como lema "desde o río ata o mar, polas que somos e polas que virán". Unha protesta que chega en medio do estancamento do proxecto rexistrado nos últimos meses.

O proxecto de Altri en Palas comezaba este ano recibindo en marzo da Xunta a declaración de impacto ambiental (DIA) positiva. Pero nove meses despois aínda non recibiu o segundo gran permiso ambiental, a Autorización Ambiental Integrada (AAI), que concreta os parámetros que a instalación debe respectar para cumprir coa declaración de impacto ambiental. Como comparación, a planta de pasta a partir de papel e cartón reciclados que Ence impulsa nas Pontes conseguiu a AAI da Xunta só dous meses despois de obter a súa DIA.

Fragmento da declaración de impacto ambiental ditada hai 9 meses pola Xunta para Altri, aínda pendente do segundo permiso ambiental do Goberno galego, a autorización ambiental integrada CC-BY-NC-SA Praza.gal

Rueda di agora que o segundo permiso ambiental da Xunta para a fábrica de Palas, aínda pendente, é "secundario" ante a "decisión" que tome a empresa de seguir ou non co proxecto

Un mes despois de obter a declaración de impacto ambiental, en abril Altri recibía o pau de quedar fóra das axudas á descarbonización que solicitou para instalarse en Galicia. E en setembro a conexión eléctrica que necesitaría a fábrica tamén quedaba fóra da planificación da rede estatal para os vindeiro anos. 

A Xunta atribuíu a decisións políticas do Goberno de España esas dúas novas negativas para Altri, pero ao tempo vén demorando a súa propia segunda autorización ambiental (AAI) mentres incide en que agora é cousa da empresa decidir se segue adiante co seu proxecto. Así o reiterou o pasado martes o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para quen a autorización ambiental pendente da Xunta é "secundaria" ante a "decisión" que tome a empresa de seguir adiante ou non co seu proxecto.

Neste contexto, Altri presentou hai dúas semanas os seus resultados do terceiro trimestre do ano, nos que di que o seu proxecto para Palas "continua na sua tramitação ambiental e obtenção de licenciamento". Pero fai máis fincapé noutro paso dado nos últimos meses, a compra de Greenalia Forest e Greenalia Logistics a Smarttia, matriz da mesma Greenalia de cuxa man impulsou a fábrica para Palas. Dúas empresas especializadas na xestión forestal e na loxística da madeira coas que di dar "um importante passo estratégico na consolidação da presença do Grupo Altri na Galiza". "Esta aquisição irá reforçar as atuais fontes de fornecimento de madeira do Grupo, para o processo de produção", salienta a empresa.

Plano da factoría que Altri proxecta en Palas, incluído na documentación exposta ao público para a tramitación ambiental © Greenfiber S.L.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.