Rueda anuncia unha nova vacina e 150 millóns contra a crise ante as críticas de Pontón e Besteiro pola súa inacción

O presidente Rueda na sesión de control no Parlamento deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente avanza que o Sergas vacinará aos 12 anos contra o meningococo B e asegura que aprobará medidas económicas o vindeiro luns, dez días despois do Goberno de España

BNG e PSdeG centraron este mércores a sesión de control ao Goberno galego no Parlamento en reclamar ao presidente Rueda que actúe ante a escalada de prezos pola guerra en Irán e ante as demoras cada vez maiores que se rexistran na sanidade pública. A resposta do titular da Xunta foi anunciar unha nova vacina no Sergas aos 12 anos e avanzar que o vindeiro luns aprobará medidas contra a crise por 150 millóns de euros.

O debate iniciouno o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticando o "abandono" e a "demolición programada do sistema de saúde público no noso país". Porén, Rueda atribuíu as demoras en aumento tanto na atención primaria como na especializada ás folgas dos profesionais, que atribuíu a decisións do Goberno de España obviando que parte das protestas son contra medidas da Xunta.

O socialista José Ramón Gómez Besteiro no pleno deste mércores CC-BY-SA PSdeG

Besteiro reclamou a Rueda "un sistema público sanitario forte, sen desviacións cara á sanidade privada". E a resposta que obtivo de Rueda no remate da súa última réplica foi insistir nas "cifras de investimento" actuais do Sergas, "siderais comparadas coas que tiñan vostedes". E, como broche final da súa intervención, anunciou que o Sergas vai "introducir unha nova vacina fronte ao meningococo B" aos 12 anos.

Rueda volveu tirar de ETA para criticar o BNG e Pontón proclamou "non ao imperialismo, non á OTAN e non á guerra"

Tras ese debate foi a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a que reprochou a Rueda inacción ante a suba de prezos derivada da guerra en Irán. Pontón criticou o "tándem criminal Netanyahu-Trump" e proclamou "non ao imperialismo, non á OTAN e non á guerra". Ante o que logrou que Rueda admitise que "se Trump está facendo disparates, como creo que está facendo, hai que dicilo", pero reprochando ao BNG que non critique tamén a Irán ou Rusia. 

Nesa liña, o popular volveu tirar de ETA para cargar contra o BNG facéndoo responsable pola súa sintonía con Bildu de excarceracións de terroristas condenados que está a decidir o Goberno vasco, no que non está presente Bildu.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, na sesión de control ao presidente deste 25 de marzo CC-BY-NC-SA BNG

Canto á crise económica, Rueda avanzou que "no próximo consello da Xunta levaremos un plan de máis de 150 millóns de euros". Será 10 días despois das medidas aprobadas polo Goberno de España, que este mércores Rueda insistiu en criticar por rebaixar en 120 millóns os ingresos da Xunta polos impostos que agora rebaixa o Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.