O presidente asegura que el non vai criticar as programacións festivas locais tras facelo o PPdeG
Logo de que o PPdeG fixese público un vídeo no que tenta patrimonializar os festivais de música subvencionados pola Xunta e critica ao tempo as festas de Santiago como "as peores de toda Galicia", o presidente Rueda asegurou este luns que el non vai criticar as programacións festivas. Ao tempo, dixo das demais administracións que "se o fan peor, pois que melloren".
O vídeo das Novas Xeracións populares, gravado dentro do recinto do festival O Son do Camiño durante a súa preparación, di que "o PP na Xunta si aposta polos grandes eventos musicais, non como o BNG en Santiago, que temos as peores festas de toda Galicia", en referencia a unha programación que incluíu artistas como Tanxugueiras, Grande Amore ou Guadi Galego. Ante esa frase, o presidente Rueda foi preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns se comparte as críticas do PP sobre as festas de Santiago e se o vídeo supón patrimonializar O Son do Camiño, que este ano recibiu un patrocinio de Turismo de Galicia de 3,03 millóns de euros.
A resposta de Rueda comezou asegurando que "ao contrario do que fan algúns alcaldes e alcaldesas", sen citar quen, el non vai "criticar as programacións festivas", algo que vén de facer o seu partido. Segundo o presidente, a súa obriga, "e máis achegándose o Xacobeo 2027", é "facer a mellor programación". Por iso di alegrarse "de que un festival como O Son do Camiño fora o éxito que creo que foi". "Eu tento responsabilizarme do que temos participación, os demais se o fan peor pois que melloren", sentenciou o presidente.
O BNG pregunta no Parlamento "por que o PP, por medio dos seus cargos públicos, despreza a música galega e as institucións que a poñen en valor"
Pola súa banda, desde o BNG xa se rexistrou unha pregunta parlamentaria para coñecer "por que o PP, por medio dos seus cargos públicos, despreza a música galega e as institucións que a poñen en valor e visibilizan, mentres destina millóns de euros dos galegos e galegas a eventos onde a música galega non existe ou é marxinal". Segundo a deputada nacionalista Mercedes Queixas, "o PP gábase de gobernar a Xunta para desprezala, desde os prexuízos e con diñeiro público".