Rueda culpa a Sánchez da crise sanitaria e industrial de Galicia e fai cómplice ao BNG

Rueda durante a sesión de control no Parlamento deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Pontón di que a Xunta é “un problema para a saúde dos galegos” e Luis Álvarez lembra que ten as “competencias exclusivas” en materia industrial

As crises sanitaria e industrial que sofre Galicia foron os asuntos nos que centraron este mércores BNG e PSdeG as súas preguntas ao presidente Alfonso Rueda na sesión de control á Xunta no Parlamento de Galicia. A resposta do interpelado foi, nos dous casos, culpar ao Goberno de Pedro Sánchez.

Sobre a situación sanitaria pronunciouse a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen salientou as protestas que se veñen rexistrando por toda Galicia, con “puntos de atención continuada atendidos só por enfermeiras” ou coa recente condena da Xunta por vulnerar dereitos laborais do persoal, feitos que ao seu ver fan que a atención primaria estea “ferida de morte por responsabilidade do PP”. “Que ten pensado facer o seu Goberno para deixar de ser literalmente un problema para a saúde dos galegos e das galegas?”, preguntou a nacionalista.

Ana Pontón durante a sesión de control deste mércores © Parlamento de Galicia

"Que ten pensado facer o seu Goberno para deixar de ser un problema para a saúde dos galegos?" ou "acaso non sabían que os profesionais se ían xubilar?" foron dúas das preguntas que lanzou Pontón

A resposta de Rueda foi enumerar algunhas das solucións que vén propondo a Xunta nos últimos tempos e anunciar que este xoves abrirá unha nova convocatoria para contratar un cento de profesionais, pero fundamentalmente culpou ao Goberno central da falta de facultativos por non autorizar máis convocatorias extraordinarias de prazas MIR de formación médica. Nesa liña, o popular mesmo reclamou a Pontón que lle pida ao deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, “que fale de cousas útiles, que lle diga a Sánchez que atenda ás comunidades” na reclamación desas novas prazas MIR. 

Pontón replicou a Rueda ao respecto que “non hai médicos porque o PP deliberadamente nin planificou nin anticipou, ou acaso vostedes non sabían os profesionais que se ían xubilar?”. “Introduciron unha precariedade que fai que os profesionais marchen”, sentenciou a nacionalista.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, centrou na crise industrial as súas preguntas. O socialista lamentou que “a política da Xunta é afirmar que o Estado é o responsable do futuro industrial de Galicia cando é sabido que teñen vostedes as competencias exclusivas”. E a resposta de Rueda foi que “a crise non é industrial, a crise é enerxética e responsabilidade do Goberno de España por non planificar adecuadamente as redes eléctrica e de hidróxeno.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, na sesión de control deste mércores CC-BY-SA PSdeG

Álvarez acusou a Rueda dunha “busca implacables de culpables e castigo exemplar de inocentes”, mentres o presidente respondeu que "a crise non é industrial, é enerxética"

O presidente tamén acusou ao Executivo de Sánchez de non impulsar o corredor atlántico de mercadorías ferroviarias xa que “non hai industria sen loxística, temos que conseguir que se distribúan os produtos galegos”. E a resposta do socialista foi defender a actuación do Goberno de España neses eidos eléctrico, do hidróxeno e do transporte e acusar a Rueda de pretender unha “busca implacables de culpables e castigo exemplar de inocentes”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.