Rueda defende a súa "xestión eficaz" fronte as acusacións de BNG e PSdeG de malgastar cartos públicos

Alfonso Rueda e o seu conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, na sesión de control deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A do seu Goberno é unha “xestión eficaz e eficiente que os galegos sempre aprecian cando se lles pregunta”. Así respondeu este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control no Parlamento de Galicia na que tanto a voceira do BNG, Ana Pontón, como o do PSdeG, Luis Álvarez, puxeron o foco no xeito en que a Xunta está a xestionar os seus ingresos e gastos, con acusacións de malgastar os cartos públicos.

A sesión de control deste mércores foi así unha sorte de continuidade da comparecencia do presidente do martes, na que publicitou diversas novidades dos orzamentos da Xunta para o próximo ano mentres a oposición centrou as súas intervencións na súa decisión de rebaixar o imposto do patrimonio á cidadanía máis rica. 

Ana Pontón na sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA BNG

Ana Pontón acusa o presidente de rebaixar impostos aos ricos mentres organiza eventos do Xacobeo para unhas poucas persoas

Este mércores a nacionalista Pontón incidiu nesa liña de críticas e salientou que o presidente non fora quen de explicar ou xustificar as bondades para a economía galega ou para as persoas máis desfavorecidas de rebaixar impostos aos máis ricos. “Con menos faise menos”, insistiu Pontón, quen salientou que mentres se rebaixa o imposto do patrimonio a Xunta organiza concertos do Xacobeo por 2,5 millóns de euros, en referencia ao do grupo Muse en Vigo, e facilita entradas VIP para cargos do PP.

O voceiro socialista, Luis Álvarez, insiste en pedir unha investigación do destino dos fondos COVID estatais que chegaron a Galicia

Na súa resposta o presidente asegurou que ao BNG “lle fastidia que baixemos impostos á xente” e volveu acusar a nacionalistas e socialistas de que o seu goberno de coalición que rematou hai máis de 13 anos deixou un suposto “buraco” nas arcas públicas. 

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, insistiu na petición do seu partido de que se cree unha comisión de investigación polo “desvío” de 159 millóns de euros dos fondos COVID que Galicia recibiu do Estado. A denuncia dos socialistas baséase nun informe do Consello de Contas que constata que, fronte ás denuncias de supostos agravios a Galicia que lanzara Feijóo, a Xunta recibiu fondos “suficientes” para os gastos extraordinarios que lle supuxo a pandemia. 

Os socialistas din que ese informe tamén certifica que 159 millóns non foron destinados a cuestións sanitarias ou sociosanitarias e preguntan polo seu destino, ao que Rueda contestou este mércores que unha cousa foi que o Estado empregase criterios sanitarios para decidir o reparto e outra que as comunidades tivesen que dedicar os recursos a ese fin, xa que “non eran criterios finalistas”. 

Luis Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG, na sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA PSdeG

“Pode asegurar que se gastaron todos eses fondos para combater a grave crise sanitaria?”, foi a pregunta final de Álvarez, ao que Rueda respondeu dando a entender que os fondos que non foron a cuestións estritamente sanitarias permitiron entre outras cuestións axudar a empresas ou autónomos. E sentenciou, citando o informe do Consello de Contas, que a Xunta gastou todo o recibido do estado. Porén, nada dixo este mércores de que eses fondos fosen insuficientes, como denunciara Feijóo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.