En vésperas das eleccións xerais de novembro de 2019, a Xunta Electoral da Coruña ordenou á Xunta retirar unha campaña de propaganda que, en varios soportes e baixo o lema En Marcha, facían promoción de diversos investimentos presentes ou futuros da Xunta. Tras unha denuncia, a autoridade electoral resolveu que o Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo estaba a transgredir a prohibición legal, vixente dende 2011, de que os gobernos desenvolvan actos ou campañas sobre os seus "logros" dende que as eleccións son convocadas ata que se celebran.
Malia ao veto legal aos actos nos que os gobernos enxalcen os seus "logros" en período electoral, a Xunta organizou a sinatura dun convenio cos regantes nun acto público en Xinzo no que Rueda subliñou o "investimento importante" da Xunta no proxecto ante un panel coa lenda "2,5 millóns de euros"
Este 11 de xullo o Goberno agora presidido por Alfonso Rueda organizou nun parque de Xinzo, a alameda do Toural, un acto público para "asistir á sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta e a Comunidade xeral de Regantes Nova Limia". Alí, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, o delegado da Xunta na provincia, Gabriel Alén, o voceiro municipal do PP e outros cargos, o presidente da Xunta "destacou a aposta do Goberno galego na modernización de regadíos da Limia", un "investimento importante que servirá para seguir potenciando unha zona de Galicia moi potente e cualificada en todo o que ten que ver con cultivos", dixo.
Ante un panel de grandes dimensións encargado para a ocasión no que podía lerse o título do convenio e mais a lenda Investimento 2,5 millóns fondos propios, o conselleiro rubricou coa Comunidade de Regantes Nova Limia a achega para instalar "equipos de bombeo e electrificación para o seu correcto funcionamento" en 40 pozos de regadío. Previamente, indica a Xunta, foran achegados 4 millóns á construción de pozos. As obras, non obstante, encádranse nun proxecto máis amplo de mellora dos regadíos asinado polos regantes coa Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias o pasado xuño, 16 millóns de euros financiados polo Estado ao 80%.
"Vestiron a sinatura dun convenio administrativo da Xunta cunha comunidade de regantes nun mitin electoral do PP" para "comprar vontades en plena campaña", acusan os socialistas
Para o PSdeG de Ourense, o evento celebrado este 11 de xuño na Limia quebranta con claridade o devandito precepto da lei electoral. A través dun comunicado, cualifican o acto como "mercenario e ilegal" e atribúeno a unha intención de "comprar vontades en plena campaña electoral", facendo ver que o Goberno do PP "rega a comarca con subvencións". "Vestiron a sinatura dun convenio administrativo da Xunta cunha comunidade de regantes nun mitin electoral do PP inzado de pompa, publicidade enganosa, propaganda barata e mentiras", acusan.
Aseguran os socialistas de Xinzo que se dispoñen a "denunciar estes feitos ante as autoridades que corresponden", porque "usar cartos de todos e todas para vender logros e recibir aplausos nese mitin disfrazado de acto do Goberno de Galicia é bochornoso".
Rueda "e o alcalde de Xinzo posto a dedo polo PP" -Amador Díaz, da formación independente AXIL, cogobernou o mandato pasado co PSdeG e o BNG e desta volta foi investido alcalde polo PP malia liderar a terceira forza nas eleccións-, censuran, "citaron os regantes para vender o financiamento das bombas dos pozos". Así, viraron a sinatura do convenio "nun acto de propaganda e un aplausómetro persoal pagado pola Xunta no medio dun parque da vila".
"Actuaremos coa contundencia que merece etsa deplorable actitude", afirman, "denunciando todas as prácticas ilegais e antidemocráticas dos que se rebaixan a arrabuñar un puñado de votos e vontades, por se non estaban xa asegurados entre os regantes", agregan. Ao tempo, afirman, que reclamarán que a Xunta "non pague unicamente as bombas e os pozos e sufrague tamén o 20% que poñen os regantes do seu peto".
Tras o acto institucional na Limia, Rueda continuou xornada na provincia de Ourense con axenda electoral do PP. Alí ten convocados senllos actos electorais con José Manuel Baltar na capital ourensá e mais no Pereiro de Aguiar.