Rueda pon en dúbida a seguridade do tren en Galicia cando Pontón e Besteiro lle reclaman mellor sanidade pública

Rueda na sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Ante as limitacións temporais de velocidade que Adif implantou na liña Ourense-Santiago, como noutros puntos por todo o Estado, o presidente pregunta se "antes iamos demasiado rápidos e inseguros"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, preguntouse este mércores no Parlamento se na liña de alta velocidade Ourense-Santiago os trens ían "demasiado rápidos e inseguros". Pero non o dixo a conta da recente sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que vén de avalar que a normativa ferroviaria permitise en 2013 un accidente como o que ocorreu na curva de Angrois. Díxoo pola decisión de Adif de rebaixar temporalmente a velocidade como medida de precaución en distintos puntos desa e doutras moitas liñas en todo o Estado tras os recentes accidentes de Andalucía e Cataluña. 

Besteiro na sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA PSdeG

A sesión de control deste mércores no Parlamento centrárona BNG e PSdeG na sanidade como servizo público, ás portas dunha nova manifestación o vindeiro domingo en Santiago da plataforma SOS Sanidade Pública. Con ese pano de fondo, o presidente retrucou ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que tamén o ferrocarril é un servizo público. E preguntoulle se é "capaz de asegurarlle" á cidadanía galega que a redución temporal de velocidade agora decidida "non responde a que antes iamos demasiado rápidos e inseguros".

Rueda mesmo chegou a chancear con que Besteiro "hai tempo que non lle dá un bico a un tren". Pero nada dixo da relevante sentenza que quere poñer fin xudicial ao caso de Angrois coa condena só do maquinista avalando que o sistema ferroviario permitise unha curva tan insegura.

Pontón na sesion de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA BNG

Rueda chanceou con que Besteiro "hai tempo que non lle dá un bico a un tren" e desbotou as críticas de Pontón asegurando que "a sanidade é un asunto serio"

Previamente Beteiro pedíralle a Rueda maiores investimentos en sanidade, para o que apelou a que a Xunta acepte o novo financiamento autonómico ofrecido polo Goberno de España ou expoña cal é o seu modelo. Rueda nada dixo ao respecto máis que asegurar que o modelo socialista só busca contentar ao nacionalismo catalán.

Tamén Pontón criticou o volume de cartos que a Xunta dedica á sanidade concertada en lugar de reforzar a pública. E lamentou que ante "a Atención Primaria colapsada" e "as Urxencias desbordadas" o presidente limítase "a pedir tranquilidade á xente". Rueda desbotou as críticas da líder nacionalista asegurando que "a sanidade é un asunto serio".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.