Tres días despois de que o PP rexeitase no Parlamento ampliar a data límite das solicitudes, fixada para este martes 30 de setembro, o presidente admite o "complicado" de reunir a documentación necesaria e dá un mes máis
O 29 de agosto o Consello da Xunta aprobou diversas liñas de axudas para as persoas e negocios afectados pola vaga de incendios deste verán fixando o prazo límite de solicitudes neste martes 30 de setembro. Durante este tempo a oposición de BNG e PSdeG e os sindicatos pediron de xeito reiterado que se ampliase ese prazo ante as dificultades das posibles persoas beneficiarias para recompilar toda a documentación necesaria.
PP e Xunta viñeron obviando esas peticións ata este luns. Un día antes do remate do prazo, o presidente Rueda admitiu o "complicado" que é nalgúns casos obter a documentación e aprobou ampliar un mes, ata o 30 de outubro, o límite para as solicitudes.

Aínda o pasado venres o PPdeG rexeitou no Parlamento de Galicia, coa súa maioría absoluta, unha petición expresa do BNG, co apoio do PSdeG, para que "se amplíe o prazo de solicitudes de axudas de xeito que todos podan recibir axudas". Unha petición que os populares desbotaron co argumento do deputado Miguel Ángel Viso de que a convocatoria formulada pola Xunta é "seria, eficaz e xusta".
"Se fixera falta un prazo maior, non habería problema en concedelo", di agora Rueda tras reiteradas negativas a amplialo
Pero este luns o propio presidente Rueda admitiu que hai "casos complicados" nos que as posibles persoas beneficiarias están a ter problemas para "reunir documentación". Por iso, dixo, "ampliamos o prazo de solicitude ata o 30 de outubro", unha medida que tamén "permite que os damnificados polos lumes recentes tamén poidan facer solicitudes" dentro das mesmas liñas de axudas convocadas anteriormente. Rueda chegou a asegurar que "se fixera falta un prazo maior, non habería problema en concedelo".
O presidente tamén fixo balance das axudas xa outorgadas e cifrou en 19 as xa concedidas para reconstrución de vivendas, "practicamente todas as vivendas habituais afectadas e algunha das vivendas ocasionais", dixo. Tamén foron outorgadas xa 13 axudas por danos en terreos cinexeticamente ordenados (tecores), unhas das primeiras subvencións anunciadas polo Goberno galego.