O presidente acusa aos socialistas de "converter as infraestruturas ferroviarias que eran un orgullo nunha vergoña" e a nacionalista pregúntase se "hoxe estariamos nesta situación" se tras Angrois "se fixeran ben as cousas"
"Había dous últimos mohicanos do sanchismo e un xa caeu onte, estabamos toda España desexándoo; vostede é outro pero eu quero que vostede quede". Con esa referencia á dimisión do ministro de Transportes, Óscar Puente, comezou a responder o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cando lle preguntou este mércores no Parlamento por políticas sociais.
Durante boa parte dese primeiro debate entre popular e socialista, o presidente da Xunta centrou as súas intervencións arredor do accidente de Urda para esixir responsabilidades políticas ao PSOE. Cando chegou o segundo debate da sesión, coa nacionalista Ana Pontón, foi esta a que lle lembrou as manobras dos populares tras o accidente de Angrois.
Ante as preguntas de Besteiro sobre políticas sociais da Xunta e posibles recortes se Feijóo chega a ser presidente do Goberno de España, Rueda replicou acusando os socialistas de "converter as infraestruturas ferroviarias que eran un orgullo nunha vergoña", asegurando que "a xente pasa medo cando sube ao tren". Nesa liña Rueda chegou a dicir que o actual Goberno de España é "o goberno dos cartos desviados das infraestruturas ferroviarias para pagar pisos de prostitutas e enchufes das queridas dos ministros".
Rematado ese primeiro debate, o segundo debía xirar arredor de preguntas de Pontón sobre a igualdade, logo de que a Xunta veña de mudar de responsable desa área por terceira vez en cinco meses. Pero tamén este debate acabou derivando a cuestións ferroviarias, desta volta porque foi Pontón a que retrucou a Rueda coas diversas manobras do PP tras o accidente de Angrois de 2013.
Ante as acusacións de Rueda de "utilizar politicamente os accidentes de tren" Pontón retrucou que o BNG pediu o mesmo "en Angrois e agora" e "vostede non pode dicir o mesmo"
Pontón lembrou que "o mesmo Feijóo que agora di que España merece saber, fixo todo o que puido para que en Galicia non se coñecera a verdade" e que "o mesmo que pide dimisións, permitiu que a ministra Ana Pastor seguise tres anos máis no cargo" tras o accidente de Santiago. Esa, di Pontón, é unha "ferida que segue aberta porque o PP impediu que as vítimas dese accidente tiveran xustiza, verdade e reparación". Por iso, amosou a súa esperanza en que "as vítimas de Toledo non teñan que pasar polo calvario que pasaron as vítimas de Angrois, porque neste país houbo un pacto de silencio do bipartidismo para tapar as súas responsabilidades". E preguntouse: "Se se fixeran ben as cousas en Angrois, hoxe estariamos nesta situación?"
Rueda respondeu a Pontón acusándoa de "utilizar politicamente os accidentes de tren" e ser supostamente tibia co PSOE. Pero na súa última intervención Pontón defendeuse lembrando que o BNG pediu que se investigaran os accidentes, se asumisen responsabilidades políticas e se mellorase a seguridade "en Angrois e agora". "Vostede non pode dicir o mesmo", sentenciou.
Tras a sesión e control, o Pleno deste mércores no Parlamento continuou coa lectura por parte do presidente, Miguel Santalices, dunha declaración institucional de apoio ás vítimas de Urda que lembra que "Galicia coñece ben a fondura desa dor" porque "na nosa memoria colectiva permanece o accidente ferroviario de Angrois".