Sánchez dá por cumprida a metade do pacto de investidura co BNG e reivindica o seu "compromiso con Galicia"

Pedro Sánchez, no seu escano de Congreso durante a primeira xornada do debate de política xeral, o 12 de xullo de 2022 © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa

O pacto rubricado polo BNG co PSOE nos primeiros días de 2020 en Madrid para garantir o "si" da formación soberanista á investidura de Pedro Sánchez supuxo un fito no regreso do Bloque ao Congreso e un notable impacto da súa portavoz nacional, Ana Pontón, na escena política estatal. Máis de dous anos despois, a relación entre ambas formacións no Congreso pasou por diversas fases, dende os desencontros en torno aos Orzamentos Xerais do Estado ata acordos, máis recentes, en torno ao primeiro decreto de medidas contra a crise de prezos.

O deputado do BNG reclama ao presidente do Goberno de España que "cumpra con Galiza" impulsando os puntos pendentes do seu pacto 

Este é o pano de fondo co que chegou a intervención do deputado do Bloque, Néstor Rego, no debate de política xeral que se desenvolve no Congreso, o primeiro con Sánchez como presidente do Goberno de España. O cumprimento íntegro daquel pacto de investidura foi, precisamente, un dos eixos do discurso de Rego, quen afirma que facelo é tanto como reclamarlle que "cumpra con Galiza" mediante "proxectos para reverter a grave crise industrial, garantir a capacidade produtiva, rescatar a concesión da AP-9" ou "transferir as competencias pendentes", entre outros asuntos.

Néstor Rego, deputado do BNG, intervindo no debate de política xeral no Congreso, este 13 de xullo © Congreso dos Deputados

Na súa resposta a Rego, Sánchez considerou "cumpridos" un total de 21 dos "en torno a 40 compromisos" daquel pacto. "Algúns moi importantes", subliñou, como a posta en marcha das subvencións ás peaxes da AP-9 (con máis de 50 millóns ao ano, resaltou), os convenios "de transición xusta" para as vilas onde pechan ou van pechar as centrais térmicas (Cerceda e As Pontes) ou o Estatuto do Consumidor Electrointensivo. Tamén está na órbita deste pacto, agregou, o plan para "potenciar a política industrial" que traerá consigo unha nova lei estatal de industria.

Para o líder socialista, estas son mostras do "compromiso rotundo" do seu Goberno con Galicia. Insta ademais a Rego a que teña en conta "que Galicia recibiu un 27,1% máis" de recursos económicos co Executivo do PSOE e Unidas Podemos que co PP, que incrementou os fondos do -caducado- sistema de financiamento autonómico ou que os algo máis de 1.000 millóns en investimento territorializado previstos nas contas de 2022 supoñen "máis que o que representa" Galicia en termos de Produto Interior Bruto e poboación, arredor do 5% no conxunto do Estado.

Un intre do debate de política xeral no Congreso, este 13 de xullo © Congreso dos Deputados

Medidas contra a crise "na boa dirección", mais con "dúbidas"

Alén da avaliación do pacto de investidura e dos investimentos do Estado en Galicia, Rego dedicou tamén parte do seu discurso a avaliar as "medidas conxunturais" anunciadas por Sánchez na súa intervención inaugural, tales como os impostos extra a enerxéticas e bancos, trens de balde e bolsas adicionais para estudantes. Coida o deputado do Bloque que "está ben que a presión social os empurre na dirección da que forzas coma o BNG reclamamos cando falamos de impostos ás grandes enerxéticas, á banca ou ás grandes fortunas". Non obstante, manifesta "dúbidas" sobre a súa aplicación. "Falan de impostos temporais sobre beneficios extraordinarios; e cales son? Os escandalosos 11.000 millóns das enerxéticas do IBEX?", preguntouse.

Rego: "En Galiza non existe Cercanías e os trens de media distancia necesitan mellorar en frecuencias, horarios e prezos"

Tamén manifesta Rego receos a respecto dalgunhas delas. Especialmente sobre as bonificacións no transporte ferroviario xa que, resalta, en Galicia o servizo de proximidade "non existe" -en rigor, só opera na antiga Feve Ferrol-Ribadeo- e "os de media distancia necesitan mellorar en frecuencias, horarios e prezos de maneira permanente".

Para Rego, estes plans encádranse nunha acción de goberno con "moitas sombras e menos luces das necesarias". "Nós -advertiu- nunca imos propiciar o acceso da dereita e da ultradereita españolista" ao Goberno de España e precisamente por iso "denunciamos as renuncias e incumprimentos do PSOE e Unidas Podemos", porque "a nosa obriga é defender, por riba de todo, os intereses de Galiza e das clases populares", pero "tamén porque nunca imos deixar o campo libre ao populismo e á demagoxia das forzas reaccionarias".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.