Sánchez queda só na súa exculpación de Marrocos

Sánchez e o rei de Marrocos en febreiro de 2024 © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

A entrevista do presidente do Goberno de España non convence nin aos socios nin ao PP, que comparten a desconfianza sobre o país alauí

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, tratou este luns de despexar algunhas das moitas incógnitas que seguen rodeando a entrada masiva de miles de migrantes en Ceuta a finais de xullo e que provocou unha crise humanitaria e política que aínda continúa. Sánchez asegurou que detrás da crise non estivo Marrocos, senón as redes sociais que, segundo o socialista, foron manexadas por Rusia e Israel e "unha internacional ultradereitista que utiliza sempre a migración non soamente para atacar e dividir a España, senón tamén a Europa".

O presidente sostivo na Cadena Ser que nin as Forzas de Seguridade, nin o CNI nin outros servizos de intelixencia manexan información que permita atribuír ás autoridades marroquís unha participación nos feitos do 30 e 31 de xullo e reivindicou a "cooperación instantánea e inmediata" de Marrocos, que cualificou de "francamente positiva". Trátase da mesma liña que xa defenderon a pasada semana no Congreso os ministros de Interior, Fernando Grande-Marlaska, e de Exteriores, José Manuel Albares. 

Unhas explicacións que, con todo, non convenceron nin á dereita nin aos seus socios parlamentarios. O Partido Popular cuestionou a través do seu portavoz nacional, Borja Sémper, que ese desprazamento masivo ata unha fronteira fortemente vixiada se producise sen coñecemento das autoridades marroquís. "Alguén cre que 80 mil persoas poden desprazarse sen que o país de orixe o saiba? Que o Goberno [marroquí] non o sabía?" , expuxo en rolda de prensa desde Génova 13. 

Pedro Sánchez, o ministro Grande-Marlaska e mandos policiais, en Ceuta hai un mes observando puntos fronteirizos a través de videovixilancia © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa.

Un argumento similar ao que expuxo o líder de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Oriol Junqueras, que sostivo este luns que era "moi difícil de crer" que Marrocos non soubese nada sobre o cruzamento masivo da fronteira con Ceuta. Fontes da formación independentista inciden na idea de que "é insostible seguir tapando a Marrocos" e móstranse convencidas de que o réxime de Mohamed VI estivo detrás.

Pola súa banda, Vox aprobou este luns unha declaración política para esixir a suspensión inmediata do Tratado de Amizade con Rabat. Ademais, o seu líder, Santiago Abascal, cualificou de "lacaio" ao presidente por descartar a implicación alauí e sostivo que España non pode manter un tratado de "boa veciñanza" cun país que lanzou unha "invasión".

O socio minoritario cuestiona a “diplomacia” que exculpa a Marrocos

O socio minoritario do Executivo, Sumar, tamén reprochou a Sánchez unha falta de contundencia cara a Marrocos e pediu maior empatía do socialista coa poboación ceutí e cos dereitos das persoas desprazadas. Unha das voces máis categóricas foi a do deputado de Compromís, Alberto Ibáñez, que sostivo a través da súa conta de X que "non é crible" que o presidente do Gobierno "acuse á internacional reaccionaria de Trump, Israel ou a Rusia mentres agradece a colaboración de Marrocos coma se o seu rei non fose socio desa internacional". Unha postura similar á de Podemos, onde consideran "inaceptable" que o Executivo descargue de responsabilidade ao Goberno alauí e sostén que a magnitude do sucedido na fronteira non pode explicarse como un feito espontáneo nin desvinculado da xeopolítica marroquí.

Pola súa banda, formacións como Junts, EH Bildu e PNV xa cuestionaron o pasado venres, nas comparecencias ministeriais, a dependencia de Rabat, e as diferenzas exhibidas entre a postura da ministra de Defensa, Margarita Robles, que sostivo que o CNI detectou como se "quentaba" a situación nos días previos e informou e compartiu esa documentación coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, e a que proporcionou despois o propio ministro Grande-Marlaska, que asegurou que non existían alertas previas da magnitude do que ocorreu. Algúns dos socios tamén cuestionaron a política seguida desde o xiro español sobre a autonomía do Sahara.

Pedro Sánchez e o rei de Marrocos en febreiro de 2024 © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

Así, tanto o bloque da dereita como a maioría dos socios parlamentarios do Executivo interpretan que o discurso de Sánchez ten que ver cos equilibrios diplomáticos. O que busca Sánchez, baixo esta interpretación que algúns só realizan de portas para dentro e outros si explicitan en público, é esquivar o uso sistemático da presión migratoria por parte do rei Mohamed VI como unha ferramenta de chantaxe xeopolítica contra España e a Unión Europea. 

Tamén consideran alarmante que o Executivo cualifique a Marrocos de "socio fiable" mentres ministros en Rabat reclaman dereitos "históricos e xeográficos" sobre as cidades autónomas. Así, formacións como ERC, Podemos ou o PNV sinalan que tolerar o pulso da monarquía marroquí e os seus métodos de presión fronteiriza a cambio dun compromiso de estabilización que sempre queda exposto aos vaivéns políticos e intereses propios do país veciño, o que á súa vez demostra unha pasividade cómplice ante os asaltos aos valos fronteirizos de Ceuta e Melilla.

A visita do rei, outro motivo de fricción

Na citada entrevista, Sánchez admitiu que existiron “informes de situación” do CNI e a Policía sobre o aumento de entradas irregulares durante xullo, pero sostivo que ningún anticipou a escala do ocorrido. É a tese que defendera Grande-Marlaska o venres, sobre que había sinais de maior presión migratoria, pero non unha alerta que permitise prever decenas de miles de cruces. O presidente destaca ademais que Marrocos despregou forzas en Castillejos unha vez desencadeada a crise, que colaborou nos retornos e comprometeuse a facilitar reunificacións familiares de menores.

Para explicar o detonante, Sánchez apuntou á terxiversación dunha sentenza do Tribunal Supremo e á propagación masiva de contos, especialmente en redes sociais. Asegurou que o Servizo Europeo de Acción Exterior comunicou ao Goberno que redes rusas e israelís difundiron desinformación e inseriuno nunha ofensiva máis ampla dunha “internacional ultradereitista” contra España e Europa. Sánchez, ademais, asegurou que o rei Felipe VI visitará Ceuta e Melilla “cando se dean as condicións para iso”.

O feito de que Sánchez non poña data á visita do monarca acendeu de inmediato o debate parlamentario sobre a figura do Xefe do Estado. Desde a dereita, tanto o Partido Popular como Vox cargaron con dureza contra A Moncloa, acusando o presidente de "secuestrar" a axenda da Casa Real e de someter a presenza do monarca en territorio nacional ao beneplácito implícito de Rabat.

É máis, algunhas voces do PP como Cayetana Álvarez de Toledo e líderes autonómicos como Alejandro Fernández sosteñen que o "veto" da viaxe de Felipe VI a Ceuta e Melilla non responde unicamente á cautela con Rabat, senón a unha estratexia premeditada para compracer aos seus socios independentistas e soberanistas —como ERC, EH Bildu ou Podemos—, cuxo ideario pasa abertamente pola abolición da monarquía parlamentaria. Unha narrativa da "república encuberta” que Génova evita, por agora, apoiar.

Israel contraataca contra Sánchez

A outra fronte aberta pola entrevista está en Xerusalén. Gideon Sa’ar, ministro de Exteriores israelí, acusou a Sánchez de “mentir descaradamente” e rexeitou que Israel difundise información enganosa sobre Ceuta despois de que Sánchez atribuíse a redes vinculadas a Israel —non directamente ao Gobierno israelí— parte da difusión de contos.

Este choque diplomático excede o incidente puntual. España liderou no ámbito europeo unha postura crítica fronte ao Gobierno de Benjamin Netanyahu en Gaza, izando a bandeira dos dereitos humanos e invocando o dereito internacional para condenar os asentamentos e reclamar protección para a poboación civil. Pero tamén evidencia que mentres que Sánchez non dubida en sinalar publicamente a sombra de redes vinculadas a Israel, aplica unha cautela extrema cara a Marrocos. 

Ademais, Israel e Marrocos manteñen unha alianza estratéxica, militar e diplomática privilexiada. En decembro de 2020, Marrocos e Israel normalizaron plenamente as súas relacións diplomáticas baixo o marco dos Acordos de Abraham, patrocinados por Estados Unidos. Dous anos e medio despois, Israel deu o paso de recoñecer formalmente a soberanía de Marrocos sobre o Sahara Occidental.

CCOO e UXT cualifican a entrada de “invasión”

O malestar tampouco cabe nos esquemas ideolóxicos habituais. Nun comunicado conxunto difundido ao cumprirse un mes dos feitos, CCOO Ceuta e UXT Ceuta cualificaron o ocorrido de “invasión”, “ataque” á soberanía e crise “fomentada e/ou permitida” por Marrocos. As dúas organizacións acusan o Executivo central de reaccionar tarde, consideran insuficiente a resposta europea e reclamaron maior firmeza con Rabat, un reforzo fronteirizo e unha “relocalización inmediata” fóra de Ceuta das persoas mentres se resolven os seus expedientes.

Pola súa banda, asociacións veciñais anunciaran que suspendían mobilizacións para evitar que grupos ultras e mensaxes racistas se apropiasen das protestas, como ocorreu a pasada semana, pero finalmente si se realizaron. No entanto, neste caso foron de carácter pacífico. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.