Sanidade afirma que os seus convenios cunha multinacional americana "son públicos", pero divulga só unha parte

Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade © Xunta

O pasado setembro a Consellería de Sanidade viuse obrigada a entregar á Asociación de Pacientes do Hospital Clínico de Santiago copias íntegras de tres dos seus cinco convenios coa multinacional sanitaria estadounidense Medtronic. Fíxoo despois de que o colectivo tivese que acudir para conseguilos á Comisión da Transparencia, órgano dependente do Valedor do Pobo que constatou que a Xunta saltara un precepto "esencial" lei de transparencia" ao negarse a facilitar os documentos á asociación sen antes consultar coa empresa. Cando o fixo, Medtronic non viu "impedimento" en revelalos á asociación e a Xunta tivo que entregalos.

Os detalles concretos dos acordos do Sergas con Medtrónic debúllanse nos anexos dos convenios, que a Xunta tivo que entregar a unha asociación de pacientes tras a intervención de Transparencia, pero non divulgou para a cidadanía en xeral

Como vén informando Praza.gal, o Servizo Galego de Saúde pon cartos e persoal para executar estes convenios, que atinxen aos complexos hospitalarios públicos da Coruña, Lugo, Santiago e Vigo -un quinto convenio regula xenericamente os acordos-. A través deles Medtronic proba os seus produtos e servizos nos hospitais galegos coa intención declarada de "aumentar a súa oferta" e "fortalecer a súa posición" no mercado. Mentres duren, persoal da compañía instálase en servizos como os de Cardioloxía de Santiago e Lugo, monitoriza o seu funcionamento e instala alí maquinaria "exclusivamente para servir os fins deste acordo". Todos eses detalles inclúense nos "anexos" aos convenios, que a Xunta tivo que entregar á asociación de pacientes pero que non divulgou á cidadanía en xeral. Así e todo, a Consellería asegura que os convenios son "públicos".

Catálogo de produtos de Medtronic incluído no convenio asinado co Sergas para o HULA

A Consellería defende en resposta a En Marea que "estes convenios son públicos e o texto dos mesmos atópase dispoñible no portal web da Xunta", onde os anexos non foron publicados

Despois de que transcendesen os contidos destes anexos mediante informacións como as publicadas por este diario a voceira de En Marea en materia sanitaria, Eva Solla, dirixiuse por escrito ao departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña para pedirlle aclaracións sobre a "incidencia que están a ter , nas unidades hospitalarias de cardioloxía", os convenios con Medtronic. Na súa resposta Sanidade admite que "formalizou acordos de colaboración" coa empresa "para a mellora continua e para incrementar a calidade asistencial e eficiencia operativa de unidades asistenciais".

Nesa mesma resposta a Consellería asegura que "estes convenios son públicos e o texto dos mesmos atópase dispoñible e accesible no portal web da Xunta", di antes de transcribir o enderezo da parte pública do Rexistro de Convenios, portal que dende hai meses padece constantes carencias de actualización, con numerosos convenios xa asinados que aínda non foron publicados. A 24 de outubro de 2018 ese rexistro público segue sen incluír os anexos aos convenios con Medtronic, polo que continúa a non ser certo que os pactos coa empresa sanitaria americana sexan "públicos" integramente.

Referencia ao seguimento de pacientes a distancia no acordo con Medtronic para o HULA

Alén do referido á transparencia, Sanidade volve defender estes acordos e nega que Medtronic estea a exercer control ningún sobre unidades de hospitais públicos galegos. "Os profesionais da unidade de Cardioloxía non teñen ningún incentivo específico" a este respecto e "os profesionais da empresa Medtronic non forman parte nin das unidades correspondentes nin da dirección das mesmas e non teñen relación xerárquica ningunha a respecto do persoal do Sergas", subliña. Así e todo, algúns destes convenios -como o de Santiago- si implican a presenza "a xornada completa" xun executivo de Medtronic no hospital.

A resposta da Consellería á deputada de En Marea remata advertindo de que "non hai integración xerárquica de ningún membro dunha empresa externa no cadro de dirección das unidades asistenciais" e asegura que "os profesionais do Sergas non están a ser titorizados por ningunha empresa privada". Os acordos asinados e vixentes, pola súa banda, reflicten unha influencia directa de Medtronic no futuro destas unidades -ata o punto de promover unha "transformación integral" do servizo de Cardioloxía, caso de Lugo-, aspectos que para a Asociación de Pacientes que pediu os convenios revelan "unha intervención do sector privado na sanidade pública contraria ao interese xeral".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.