O TSXG desestima un recurso contra a retirada dunha Cruz dos Caídos en Neda logo de que a xustiza inadmitise demandas contra feitos similares en Vilagarcía, unha charla sobre Lenin na Coruña ou a retirada pola Xunta dun monumento a Xoán Paulo II
Abogados Cristianos, primeiro como asociación e agora como fundación, hai tempo que vén preiteando en todo o Estado en suposta defensa "da vida, a familia e a liberdade relixiosa". Pero en Galicia vén obtendo sucesivas derrotas xudiciais en procesos nos que defendeu símbolos da ditadura, quixo limitar a liberdade de expresión e mesmo reprochou sen éxito á Xunta que retirase un monumento a Xoán Paulo II na remodelación que acometeu hai uns anos no Monte do Gozo. A estas derrotas en Santiago, A Coruña ou Vilagarcía vén de sumar agora un novo fracaso en Neda, onde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de rexeitar o seu recurso contra a decisión do Pleno municipal de retirar unha Cruz dos Caídos da ditadura.
O Pleno de Neda acordou retirar a Cruz dos Caídos do lugar do Coto, con referencias ao "glorioso movemento nacional", o 16 de setembro de 2024, retirada que se fixo efectiva un mes máis tarde. Fronte ao acordo do pleno, como relata agora a sentenza do TSXG, presentouse un recurso reclamando a súa anulación "en escritos con membrete da Asociación de Abogados Cristianos" e por parte dun avogado que se identifica como membro dese colectivo. O seu argumento era que o monumento non supuña unha exaltación da guerra civil e da ditadura senón "unha manifestación da fe e de recordo ás vítimas que sufriron persecución relixiosa", polo que a súa retirada non quedaba amparada na lei de memoria histórica e mesmo vulneraría a protección do patrimonio cultural.
A demanda foi desestimada o pasado outubro por un xulgado do Contencioso-Administrativo de Ferrol que considerou que a cruz "se enmarcaba dentro dun proceso de exaltación dos caídos do bando gañador da guerra civil, en tanto que a súa apariencia relixiosa pretendía lexitimar o bando sublevado". A sentenza foi recorrida pero o TSXG ratifícaa e salienta que a cruz de Neda tiña "un significado marcadamente político e unha finalidade moi distinta" tanto da lembranza dos falecidos como da "estrita manifestación da fe católica". E lembra que o Tribunal Supremo xa estableceu que "unha cruz, cun listado de persoas falecidas dun só dos bandos contendentes na Guerra Civil, supón exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura".
O pregón do Entroido de Compostela de 2018
Tras denunciar o pregón do Entroido de Compostela de 2018 por supostamente ofender os sentimentos relixiosos o TSXG respondeulle que "o dobre sentido é un recurso da linguaxe humorística, non dun discurso ofensivo"
Unha das primeiras derrotas de Abogados Cristianos en Galicia hai que remontala a 2018, cando o actor e dramaturgo Carlos Santiago pronunciou o pregón do Entroido de Compostela interpretando un dos seus personaxes máis populares, unha versión satírica do Apóstolo Santiago, personaxe coa que caricaturizou diversos aspectos da actualidade compostelá e galega en innumerables ocasións. Abogados Cristianos denunciou un suposto delito de ofensa contra os sentimentos relixiosos, pero tanto un xulgado compostelán a finais de 2019 como a Audiencia da Coruña a finais de 2020 desestimaron a demanda.
A Audiencia da Coruña considerou "relevante" que o pregón se producise no Entroido xa que "dende sempre, as comunidades utilizaron o carnaval como instancia de catarse programada" e "romper" por uns días co "ordenamento social". Un contexto no que "o dobre sentido é un recurso da linguaxe humorística, non dun discurso ofensivo". Nesa liña, o tribunal argumentou que "o patrón de ofensividade para determinar a relevancia penal dunha conduta cambia na función do contexto" e as normas penais non poden ser aplicadas de xeito "irracional", igual que "os límites da liberdade de expresión" non poden quedar "nas mans dos que se senten ofendidos".
A Cruz dos Caídos da igrexa de Santa Eulalia en Vilagarcía
Abogados Cristianos tampouco tivo éxito ao preitear contra a retirada dunha Cruz dos Caídos en Vilagarcía en 2021 coa autorización do Arcebispado
Moito antes da retirada da cruz de Neda, en 2003 o arcebispado de Santiago informara a favor da retirada dunha cruz semellante "e lápidas dedicadas aos caídos" da fachada da igrexa de Santa Eulalia de Arealonga, en Vilagarcía. A actuación tamén obtivo o visto bo de Patrimonio da Xunta en 2004 pero por diversos problemas o Concello non a executou ata 2021. Foi nese momento cando Abogados Cristianos presentou unha demanda que foi inadmitida por un xulgado do contencioso de Pontevedra en maio de 2022.
Esa decisión foi recorrida ante o TSXG que en decembro dese mesmo ano considerou que Abogados Cristianos non estaba lexitimada para preitear en defensa da liberdade relixiosa porque a súa letrada "non acreditou o prexuízo que supuña a decisión que impugnou". Pero o TSXG si considerou que a entidade estaba lexitimada para defender o patrimonio histórico, polo que devolveu o caso ao xulgado de orixe para que o volvese analizar. E o que fixo es xulgado e en outubro de 2023 foi inadmitir de novo a demanda por considerar que o Concello de Vilagarcía fora en 2021 "un mero executor" dos acordos do Arcebispado e de Patrimonio de 2003 e 2004 para retirar a cruz, que non foran impugnados por Abogados Cristianos e polo tanto xa se converteran en firmes. Unha decisión que despois sería ratificada en xaneiro de 2024 polo TSXG.
A charla na Coruña sobre a vida de Lenin
En abril de 2024 o Concello da Coruña deu permiso para que o Centro Cívico da Cidade Vella acollese unha charla sobre a vida e a obra de Lenin organizada pola Asociación de Mulleres Libres e Combativas de Galiza. Abogados Cristianos recorreu esa decisión por considerar que incumpría a lei de memoria democrática e outras normas de dereito internacional. Un xulgado do contencioso da Coruña desestimou o recurso por considerar que a entidade non estaba lexitimada e esta recorreu ante o TSXG.
Ao criticar unha charla sobre a vida de Lenin nun centro cívico da Coruña a xustiza díxolle a Abogados Cristianos que "por ser pública, podería asistir algún avogado cristián para ofrecer e defender a súa postura ao respecto"
O tribunal pronunciouse o pasado outubro ratificando a decisión do primeiro xulgado nunha sentenza na que argumentou que nos estatutos sociais de Abogados Cristianos "non se aprecia que os fins que perseguía esa asociación para a defensa dos seus asociados tivera algo que ver con lexítimos postulados ideolóxicos ou políticos, nin menos aínda coa vida e obra de personaxes históricos (aquí Lenin), senón coa defensa xurídica da vida, da familia natural e da liberdade relixiosa, de modo que nada lle podía afectar que a concelleira do Concello da Coruña cedese a outra asociación a sala de usos múltiples do Centro Cívico". O TSXG mesmo di que á charla, "por ser pública, podería asistir algún avogado cristián para ofrecer e defender a súa postura ao respecto".
O monumento a Xoán Paulo II retirado pola Xunta
Pero os recursos de Abogados Cristianos non só se dirixen contra concellos ou colectivos de esquerdas. Tamén a Xunta de Feijóo foi obxecto dunha demanda por retirar en 2021 do Monte do Gozo o monumento que alí se levantara en 1989 en homenaxe á visita do papa Xoán Paulo II. A remodelación da contorna por parte de Turismo de Galicia recomendaba "a demolición da estrutura" polo seu "mal estado", depositando as placas conmemorativas do mesmo no chan cunha nova configuración.
Abogados Cristianos considerou que esa actuación do Goberno galego vulneraba a liberdade relixiosa. Pero novamente a xustiza, nunha sentenza de decembro de 2022 dun xulgado do contencioso de Santiago, declarou inadmisible o seu recurso. A xuíza dixo que a entidade non podía xustificar a súa lexitimidade para preitear nese caso só porque estivese interesada nunha defensa xenérica da legalidade. Iso, dixo o sentenza, "non pode ser título lexitimador, pois non se distinguiría dunha acción popular" e "aceptar tal posibilidade equivalería a admitir como lexitimada a calquera asociación que se constituíse co obxecto de impugnar disposicións de carácter xeral".