O candidato popular pasa de reclamar máis fondos para Galicia cando presidía a Xunta a obviala no seu programa electoral ao tempo que aloumiña as comunidades máis poboadas do Mediterráneo que poden decantar as eleccións
O Feijóo candidato á presidencia do Goberno de España vén modulando hai meses os seus discursos sobre os investimentos territoriais do Estado en infraestruturas ou o financiamento autonómico dun xeito moi distinto a como o facía o Feijóo presidente da Xunta. Se en San Caetano consideraba a Galicia prexudicada fronte a outras comunidades, como aspirante á Moncloa está a aloumiñar rexións máis poboadas do Mediterráneo, como a Comunitat Valenciana ou Andalucía, que polo seu peso poden decantar as eleccións xerais.
O xeito en que se vén referindo aos corredores de mercadorías que quere impulsar a Unión Europea, priorizando o Mediterráneo e relegando o Atlántico a un "tamén" pode ser un exemplo da nova perspectiva política de Feijóo, que evita plasmar por escrito nun programa electoral que nada concreta sobre Galicia ou sobre o novo sistema de financiamento autonómico que quere para o Estado.
Este martes, nunha entrevista en Antena 3, preguntado pola súa visión territorial do Estado, Feijóo lamentou o deseño radial das infraestruturas en función da capitalidade de Madrid. Comezou poñendo o exemplo de que en Galicia se remataron moito antes as dúas autovías de conexión coa Meseta que a A-8 que articula o Cantábrico e enlaza co resto de Europa. Pero tras esa referencia ao pasado, a continuación el mesmo citou como exemplo de infraestruturas non radiais e de conexión con Europa que quere potenciar se é presidente "o Corredor Mediterráneo", para engadir algo despois "tamén o Corredor Atlántico".
A entrevistadora preguntoulle a continuación se "apostará" polo primeiro deses dous corredores, e a súa resposta foi que "sen dúbida, pero non só desde o punto de vista político, é unha prioridade económica", dixo, xa sen matizar nada sobre o Atlántico.
En materia de financiamento Feijóo iniciou o seu xiro nas eleccións andaluzas de hai un ano, cando fronte á dispersión ou o avellentamento que pedía primar desde Galicia pasou a defender o peso poboacional do Mediterráneo
Xa durante a pasada campaña das municipais do 28 de maio Feijóo lanzara todo tipo de mensaxes en localidades como Valencia, Alacante ou Granada en favor do Corredor Mediterráneo, presentándoo, malia o seu maior avance en trámites e obras que o Atlántico, como unha mostra do agravio do Goberno de Pedro Sánchez cara a esas comunidades.
Pero no que ten que ver coa súa postura sobre o financiamento autonómico, o xiro do Feijóo líder do PP estatal a respecto do Feijóo presidente da Xunta produciuse antes mesmo desta xeira electoral. Foi hai un ano, ao pouco de facerse coa presidencia do partido, cando a campaña electoral andaluza levouno a mudar algunhas das súas prioridades. Se en Galicia a prioridade era financiar mellor o avellentamento e a dispersión, en Andalucía pasou a dicir que debía primar o criterio do peso poboacional.
As características territoriais de Galicia deixaron xa daquela de ser a prioridade para un Feijóo que pasou a defender que "o custo efectivo dos servizos públicos que xestionamos ten unha relación directa coas persoas, non cos territorios". "Se Andalucía ten máis poboación que o resto de España non pode ser que teña un financiamento por baixo da media de España", argumenta o novo Feijóo.
Menos dun ano antes, nun cumio de comunidades organizado por el mesmo en Santiago en novembro de 2021, Feijóo impulsaba unha declaración que pedía atender máis a "custos fixos, superficie, dispersión, baixa densidade, orografía, baixa natalidade ou envellecemento".
Fronte ás súas demandas previas para Galicia, desde que é presidente do PP estatal Feijóo defende que "o financiamento con Valencia non é xusto" ou que "se Andalucía ten máis poboación que o resto de España non pode ter un financiamento por baixo da media"
Tras ese xiro iniciado nas eleccións andaluzas, un ano máis tarde a mensaxe do Mediterráneo agraviado polo financiamento autonómico segue en boca de Feijóo. E non só nas habituais mensaxes localistas que todos os candidatos lanzan en cada praza na que dan un mitin, senón que o propio PP estatal salienta ese agravio nas súas notas de prensa xerais sobre eses actos. Así o fixo por exemplo tres días antes das pasadas municipais cando nun acto en Valencia Feijóo dixo que "efectivamente o financiamento con Valencia non é xusto", afirmación salientada polo propio partido.
Pero se as mensaxes de Feijóo en Andalucía ou Valencia pretenden que nesas comunidades calle a idea de que aposta polo Corredor Mediterráneo ou polo seu financiamento autonómico máis que Sánchez, nada queda por escrito no seu programa electoral que o poida atar para o futuro ou que se lle poida reprochar xa nesta campaña desde outras comunidades.
En materia de infraestruturas de transporte o programa dos populares limítase a sinalar que se gobernan seguirán "impulsando o desenvolvemento dos corredores ferroviarios", situándoos en igualdade de condicións. Sen ningún tipo de referencia expresa a Galicia, a única que se fai nese eido é o compromiso "a impulsar a modernización e mellora das infraestruturas ferroviarias clave, de forma especial a conexión con Estremadura". Do resto do Estado, salvando particularidades xeográficas de illas e cidades autónomas, limítase a indicar que o PP apoiará "todas as actuacións en territorio español recollidas na Rede Transeuropea de Transporte".
O programa electoral de Feijóo, que non cita Galicia en ningún momento, non concreta ningunha medida en materia de financiamento autonómico ou infraestruturas
E en materia de financiamento autonómico o programa é aínda máis inconcreto. Formula obxectivos ideais que poderían ser asinados polo PSOE ou mesmo por calquera partido soberanista pero non concreta con que medidas pretende chegar a eles. "Acordaremos unha reforma do sistema de financiamento autonómico que substitúa o vixente desde hai 15 anos e o negociaremos con todas as comunidades autónomas, buscando os consensos necesarios para a súa aprobación", di o texto, que engade que "a reforma partirá da suficiencia e a sostibilidade das finanzas públicas, buscando un reparto equitativo dos recursos, preservará a autonomía fiscal das comunidades autónomas e reforzará a súa responsabilidade financeira". E nada máis, nin unha soa referencia ao custo real dos servizos, o peso demográfico, a dispersión ou o avellentamento.