A principios de 2021, xusto despois de que o nuncio do Papa en España anunciase que o Vaticano decidira prolongar o Ano Santo Compostelán ao 2022 por mor da pandemia, a Xunta fixo o mesmo coa bandeira da súa política turística, o Xacobeo. O Xacobeo 2021 pasaba a ser 2021-2022, pero apenas unha hora despois do anuncio eclesiástico, un empresario tentara rexistrar como súa a marca Xacobeo 2022.
Foi daquela cando o Goberno galego iniciou o proceso contemplado na lei para opoñerse formalmente a que o empresario quedase coa marca e, ao tempo, rexistrou Xacobeo 21-22 Galicia e mais Bienio Santo Xacobeo. Tentaba evitar así o acontecido anos atrás cando, por exemplo, o Goberno de Fraga non rexistrara con antelación a marca Xacobeo 93 e, cando o fixera, xa se adiantara outro empresario que a explotou durante anos ata que a Xunta acabou gañando o litixio.
Outro episodio coma este é o que agora tenta evitar a Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia. Este ente con dependencia orgánica directa da Presidencia do Goberno galego vén de encomendar á empresa Gallaecia Patentes y Marcas -compañía con sede en Madrid e Galicia á que adoita para este tipo de xestións- que evite, ante a Oficina Española de Patentes y Marcas, que unha empresa privada rexistre como súas as marcas Xacobeo Televisión, Xacobeo TV e Xacobeo Radio.
'La Región, S.A.' solicitou ser a propietaria das tres marcas para "servizos de telecomunicacións" e "difusión de programas de radio e televisión"
Eses rexistros foi tramitados a finais do pasado 2021 por parte de La Región, S.A., empresa editora do xornal ourensán do mesmo nome. A súa intención é utilizar estas marcas para "servizos de telecomunicacións" e "difusión de programas de radio e televisión".
A principios de xaneiro, as súas solicitudes adquiriron publicidade e, a finais de febreiro, a Xunta opúxose formalmente a que a compañía con sede en San Cibrao das Viñas quede con esas marcas. Nos últimos días do pasado xuño, Turismo concretou tres contratos menores con Gallaecia Patentes y Marcas por 363 euros cada un por estas xestións.