A tarefa de "captar oportunidades para as empresas galegas aproveitando o ecosistema económico empresarial da capital" será para Loreto Sanmartín Gómez, que pasou por varios cargos da Asociación para el Progreso de la Dirección (APD)
Hai case un ano a Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), creou un cargo de alta dirección de libre designación co "obxectivo declarado de captar oportunidades para as empresas galegas na capital" e "configurar unha rede de contactos e oportunidades que posibilite ofrecerlles un mellor marco competitivo".
Ese posto de lobista, conseguidor ou conseguidora, non foi convocado no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o venres 10 de abril, con só dez días de prazo para presentar candidaturas, e agora o Igape vén de facer público que só se presentou unha candidata, Loreto Sanmartín Gómez, que foi directora xeral de Xuventude no último Goberno de Manuel Fraga e vén ocupando diversos postos na Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).
O cargo creado no Igape ten como denominación Directora da Oficina Económica de Galicia en Madrid, estendendo así as competencias dese órgano de promoción económica dependente do Igape e reactivado e renomeado varias veces durante os gobernos de Feijóo e Rueda. [A terceira vida da "oficina económica" da Xunta].
A nova alta directiva da Xunta deberá tamén comunicar ás empresas "oportunidades relativas á obtención de axudas públicas"
A conseguidora non só debe buscar "oportunidades" ás empresas galegas na capital senón tamén canalizar a chegada a Galicia de empresas e persoas emprendedoras "con ou sen vinculación anterior con Galicia". Entre as súas funcións terá a de "busca especializada de contactos singularizados [...] aproveitando o ecosistema económico empresarial da capital do Estado". Ecosistema do que non se detallan as súas peculiaridades.
Tamén deberá comunicar ás empresas "oportunidades relativas á obtención de axudas públicas" e "colaborar, na interacción co resto de administracións e axentes públicos tanto autonómicos, estatais como europeos relacionados co ecosistema das axudas públicas e dos proxectos". A nova figura supón unha nova estratexia no apoio da Xunta ás empresas galegas fóra de Galicia, marcada polo fracaso das oficinas internacionais que o Goberno de Feijóo pagou durante anos á patronal da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
A única candidata ao cargo, pendente da súa elección formal, Loreto Sanmartín Gómez, licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación, foi primeiro asesora (1996 a 1999) e despois xefa de gabinete (1999 a 2002) da Consellería de Familia, Muller e Xuventude con Manuel López Besteiro como conselleira. Entre 2002 e 2005, con Pilar Rojo como conselleira, foi directora xeral de Xuventude. Posteriormente ocupou diversos postos en Galicia e Madrid na Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).