Vítimas de Angrois piden aos traballadores de Talgo que colaboren coa investigación sobre o suposto borrado de datos do Alvia

Vítimas de Angrois ás portas da sede de Talgo CC-BY-SA Praza Pública

Afectados polo sinistro concéntranse ás portas da empresa a tres semanas de que técnicos da firma declaren no xulgado sobre a denuncia lanzada por un antigo mecánico

A Plataforma de Vítimas do accidente de Angrois concentrouse este venres ás portas das instalacións de Talgo en Madrid para pedir aos seus traballadores que colaboren coa investigación do sinistro contando todo o que saiban sobre o suposto borrado de datos do tren Alvia denunciado por un antigo mecánico da empresa. Tras esa declaración xurada entregada hai unhas semanas pola propia plataforma de vítimas ao xulgado, o xuíz chamou a declarar os próximos días 12 e 13 de decembro a varios técnicos da empresa que deberán aclarar o sucedido.

Segundo o antigo mecánico de Talgo, a mesma noite do accidente varios responsables da empresa se presentaron no taller no que se revisara o Alvia sinistrado para pedir que se borrasen datos informáticos sobre posibles “avarías críticas” do tren. Talgo negou as acusacións e anunciou accións xudiciais contra o seu antigo traballador.

Fragmentos da documentación achegada polas vítimas de Angrois ao xulgado sobre a declaración xurada do mecánico de Talgo CC-BY-NC-SA Praza Pública

As vítimas piden ás portas de Talgo “a vós, os profesionais que amades o tren, que por humanidade, xustiza e dignidade, colaboredes con nós para esclarecer toda a verdade desta terrible traxedia"

Este venres as vítimas concentradas ante a sede de Talgo entregaron aos traballadores que ían saíndo dela cartas nas que piden “a vós, os profesionais que amades o tren, que por humanidade, xustiza e dignidade, colaboredes con nós para esclarecer toda a verdade desta terrible traxedia. Será a mellor maneira de que Talgo siga sendo competitiva”.

Na carta entregada ao persoal de Talgo as vítimas tamén sinalan que xa se dirixiron en dúas ocasións ao presidente de Talgo, Carlos de Palacio, “para solicitarlle que nos recibira en persoa e nos explicara os detalles da investigación interna que se levara a cabo” sobre o ocorrido. Segundo os afectados, o responsable de Talgo respondeulles dicindo que “se facía cargo da nosa dor e nos transmitía a súa fonda solidariedade” pero non contestou á súa petición dunha reunión. 

“As vítimas e familiares só queremos pasar páxina e para iso é necesario que se saiba toda a verdade. Esperamos que tanta dor e sufrimento non vos sexa indiferente”, conclúe a carta das vítimas aos empregados de Talgo. 

A denuncia sobre o suposto borrado de datos do Alvia vira o foco de atención da seguridade da liña á do tren

A declaración prevista no xulgado de Santiago para dentro de tres semanas tanto do antigo traballador denunciante do borrado como dos tres técnicos da empresa aos que este involucra nos feitos producirase cando o xulgado xa propuxera xulgar como responsables do sinistro ao maquinista do tren e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif por non habilitar medidas de seguridade na liña de AVE Ourense-Santiago que evitasen o despiste que sufriu o condutor. Agora, a denuncia sobre o suposto borrado vira o foco de atención da seguridade da liña á do tren.

Vítimas de Angrois na sede de Talgo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.