Xa son 52 parques eólicos en 67 concellos os suspendidos cautelarmente polo TSXG polos posibles efectos ambientais

Concellos con parques eólicos suspendidos cautelarmente polo TSXG CC-BY-SA Praza Pública

O tribunal permitiu ata o momento a continuidade de catro proxectos ao desestimar neses casos as peticións de paralización formuladas por ecoloxistas ou veciñanza

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) divulgou este martes varios autos con novas decisións sobre suspensións cautelares de parques eólicos logo de adaptar os seus criterios sobre ese tipo de medidas temporais ao establecido polo Tribunal Supremo na súa sentenza do pasado decembro na que validou a tramitación dos proxectos que estaba a facer a Xunta. Ante a aceptación por parte do Supremo da tramitación reducida no tempo que impulsou a Xunta, agora o TSXG está a paralizar os eólicos de xeito cautelar pola posibilidade de que os seus efectos ambientais poidan ser irreversibles se continúan adiante mentres o tribunal analiza o fondo da cuestión e se as súas autorizacións cumpriron coa legalidade. 

Cos novos autos agora coñecidos xa son 52 os proxectos suspendidos de xeito cautelar repartidos entre un total de 67 concellos de toda Galicia. 

Os novos parques paralizados polo tribunal son os denominados Festeiros (en Forcarei e Silleda), Vacaloura (en Monterroso e Portomarín) e Bustelo y Baralláns (en Cabana de Bergantiños e Coristanco). Fronte a estas paralizacións, o TSXG rexeitou suspender cautelarmente, como pedían varios veciños, o parque Monte Inxeiro (en Ordes e Cerceda), co que son catro os proxectos aos que ata o momento o TSXG permitiu continuar adiante.

O TSXG di que primar nunha medida cautelar os intereses económicos sobre os ambientais só é admisible "cando compromete de forma esencial a economía da nación ou produce un dano particularmente intenso"

O TSXG sinala, para defender a paralización primando os intereses ambientais sobre os económicos, que "a ponderación favorable de intereses económicos como prevalecente é extremadamente excepcional, só admisible cando compromete de forma esencial a economía da nación ou produce un dano particularmente intenso". 

Ademais de adaptar os seus criterios para decidir sobre as peticións de suspensión cautelar de proxectos, e ao tempo que segue ditando paralizacións, o TSXG preguntou ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea se a lexislación estatal e galega -e a decisión do Supremo que a avalou- é correcta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.