O ex-presidente estatal foi recoñecido hai unha década como embaixador do Camiño pero a Xunta nunca lle entregou o título, mentres que o galego ten pendentes de publicarse os seus discursos parlamentarios
O 23 de xaneiro Alberto Núñez Feijóo asistiu á presentación en Madrid dun libro editado polo Congreso dos Deputados cos discursos parlamentarios de Mariano Rajoy. O acto foi empregado polo PP como nova homenaxe ao seu ex-presidente e lembranza dos tempos en que os populares gobernaban no Estado. Esa mesma posibilidade, a de auto-homenaxearse e lembrar os tempos pasados como mellores, tena aberta tamén o PP galego desde hai anos sen executala tanto con Rajoy como con Feijóo.
Ao primeiro a Xunta aínda non lle entregou o título de Embaixador do Camiño que lle outorgou hai dez anos e que xa entregou a outros varios galardoados posteriores e do segundo o Parlamento aínda non editou os correspondentes libros cos seus discursos das tres últimas lexislaturas.
O titulo de Embaixador do Camiño foi creado por Feijóo en 2013 para entregar un máximo de 8, tantos como camiños oficiais hai a Santiago. O primeiro foi aquel ano para o daquela príncipe Felipe, que o recolleu en outubro de 2015, e o segundo para o seleccionador de fútbol Vicente del Bosque, elixido en xuño de 2014 e ao que se entregou o título en outubro de 2016.
Dous meses despois de outorgar esa segunda distinción, en agosto de 2014, tras a reunión en Santiago da chanceler alemá Angela Merkel con Mariano Rajoy, e malia as protestas sociais que suscitou aquel encontro, Feijóo avanzou a súa intención de dar ao presidente do Goberno central o terceiro título de embaixador do camiño, algo que non se concretaría ata última reunión da Xunta daquel 2014.
Porén, dez anos despois, Rajoy aínda non recolleu o seu galardón. E iso que despois del o título tamén foi outorgado a outras tres persoas: o Rei emérito Juan Carlos, o xornalista da Cadena COPE Carlos Herrera e o ex-conselleiro e impulsor do Xacobeo 93 Víctor Manuel Vázquez Portomeñe. No listado non hai aínda ningunha muller cando a Xunta xa só pode entregar dous títulos máis de embaixador ou embaixadora.
Igual que a Xunta aínda non entregou o título a Rajoy, o Parlamento de Galicia aínda ten pendentes de editar varios libros cos discursos parlamentarios de Feijóo. Nesa colección a Cámara está a editar un volume cos principais discursos de cada presidente en cada unha das lexislaturas. Ata o momento están todos publicados e presentados dos presidentes Albor, Laxe, Fraga e Touriño e ata a primeira lexislatura de Feijóo, a 2009-2012, cuxo volume foi presentado en 2017. Pero oito anos despois non se volveu saber dos seguintes tres volumes de discursos de Feijóo, os correspondentes ás súas tres lexislaturas posteriores, 2012-2016, 2016-2020 e 2020 ata a súa dimisión en 2022.