A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a CIG-Ensino e mais A Mesa organizan este vindeiro sábado no IES As Fontiñas, de Santiago de Compostela, as IV Xornadas de Normalización Lingüística dirixidas ao colectivo docente. Será un espazo de debate e análise que cobra se cadra aínda máis importancia por realizarse no comezo deste ano 2025, no que o actual Goberno da Xunta se propón renovar o vixente Plan Xeral de Normalización aprobado en 2004, e poucos meses despois de que os últimos datos do IGE reflectisen a cada vez máis complexa situación da lingua, especialmente entre a xente máis nova.
As xornadas levan por título O galego en situación de emerxencia lingüística e nelas cómpre destacar a presenza da Xunta. Valentín García, secretario xeral da Lingua do Goberno galego, será un dos participantes na mesa redonda que se desenvolverá de 12 a 14 horas. Nela, como indica o título do debate, tratarase a Emerxencia lingüística e perspectivas de acordo arredor da lingua galega, xusto cando os traballos para a elaboración dese novo plan para o idioma botan a andar.
CIG-Ensino, AS-PG e A Mesa organizan as xornadas 'O galego en situación de emerxencia lingüística', nas que participará Valentín García, secretario xeral da Lingua
Valentín García compartirá esta mesa redonda con Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino; Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Ana Pérez Rico, presidenta da AS-PG; Hakan Casares, en representación do Consello da Cultura Galega; e Henrique Monteagudo, pola Real Academia Galega.
As xornadas transcorrerán desde as 10 até as 20 horas no salón de actos do instituto e contará con relatores que tratarán a realidade doutros territorios como o País Vasco, como Kike Amonarriz, profesor de soliciolingüística e expresidente de Euskaltzaleen Topagunea.
As xornadas buscan "reverter a situación de perda de falantes en xeral e de competencia na nosa lingua en particular por parte do alumnado" e "incentivar o profesorado" a usar o galego nas aulas
O obxectivo das xornadas, nas que xa están inscritas máis dun cento de docentes, é "poñer en común proxectos e ideas que revertan a situación de perda de falantes en xeral e de competencia na nosa lingua en particular por parte do alumnado no ámbito de ensino", segundo explican os organizadores.
As xornadas tamén se propoñen "incentivar o profesorado a empregalo nas aulas e a crear materiais didácticos en galego, analizar os resultados da política educativa desde a aprobación do decreto do plurilingüismo por parte da Xunta e instar a Administración a levar a cabo reformas de calado que actualicen o Plan de Normalización Lingüística á situación na que se atopa actualmente o noso idioma".
Estas xornadas celebraranse só días despois de que o Consello da Cultura fixese público un informe que destaca que a mocidade galega en idade escolar fala peor a lingua propia que cataláns e vascos e que os seus datos de competencia e usos son peores que os maiores, á inversa que en Catalunya e Euskadi.
Xa en decembro, fora a RAG quen alertara noutro informe de que o galego está preto do "limiar do colapso" con menos de 35.000 falantes entre 5 e 14 anos. A propia Academia demandara "un cambio do modelo educativo e un conxunto amplo de medidas para reverter o devalo do galego", tras coñecérense os datos do Instituto Galego de Estatística que advertían que só se expresa sempre ou máis en galego ca en castelán o 16 % da rapazada.