A obra nace co obxectivo de recoller o legado das pioneiras do xornalismo galego e ligalas as referentes femininas da profesión na actualidade, establecendo un diálogo entre elas
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia presentou este venres na sede do Consello da Cultura Galega As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada, unha obra que nace co obxectivo de recoller o legado das pioneiras do xornalismo galego e ligalas as referentes femininas da profesión na actualidade, establecendo un diálogo entre elas.
O proxecto, que foi premiado nos VI Premio “Luísa Villalta” da Deputación da Coruña, componse dun volume de máis de 200 páxinas e dun espazo web con materiais adicionais. Os textos investigan e reivindican as biografías das xornalistas pioneiras, que se complementan con entrevistas a comunicadoras que marcaron a profesión no pasado máis recente e na actualidade.
Entre elas destacan Rita Alonso, Isabel Bravo, Pilar Fariña, Ujué Foces, Cristina Huete, Cristina Lombao, Margarita Ledo, Carmen Merelas, Tareixa Navaza, Concha Pino, María Xosé Porteiro, María Rey ou Ana Romaní. As autoras das entrevistas son Noemí Alonso, Ángela Casal, Ana G. Liste, Eliana Martíns, Natalia Puga, Carmen Quintela, Belén Regueira e Sonia Vizoso. A publicación conta con fotografías de Lucía Junquera.
Belén Regueira destacou a importancia das trece comunicadoras entrevistadas, pertencentes a "unha xeración non abondo coñecida ou recoñecida" e sen as cales "non pode contarse a historia do periodismo en Galicia"
A decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal, abriu o acto e afirmou que este é un proxecto "no que se fala fundamentalmente de xornalismo". Regueira destacou a importancia das trece comunicadoras entrevistadas, pertencentes a "unha xeración non abondo coñecida ou recoñecida" e sen as cales "non pode contarse a historia do periodismo en Galicia.
Interveu tamén a deputada da área de Igualdade da Deputación da Coruña, promotora dos premios Luísa Villalta, Soledad Agra Tuñas, que destacou que este libro "permítenos coñecer as pioneiras do xornalismo galego, no seu diálogo con referentes actuais, na análise dos retos de futuro para as futuras xeracións de xornalistas”.
A coordenadora do proxecto, Eliana Martíns, explicou que existen moitos estudos sobre o tratamento das mulleres nos medios, pero "faltábanos falar de nós mesmas, de como foi entrar nas redaccións".
A coordenadora do proxecto e membro da Xunta de Goberno do Colexio Eliana Martíns Alvela, destacou o traballo de todas as mulleres que fixeron posible a obra. "unha viaxe de preto dun século", destacou, polo xornalismo galego con nome de muller, na que "se pon a dialogar o pasado co presente".
Martíns explicou que existen moitos estudos sobre o tratamento das mulleres nos medios, pero "faltábanos falar de nós mesmas, de como foi entrar nas redaccións". A través dos materiais recollidos, documéntanse as mudanzas producidas neste tempo no rol da muller, non só no mundo do xornalismo, senón no conxunto da sociedade.
“O triunfo verdadeiro só se acada cando se mira ao ceo e se ve nel a inmensidade do espazo que temos para voar”, escribiu Villalta nunha reflexión sobre as escritoras. "Que sirva esta crónica revelada para alumear sobre o voo das xornalistas que nos abriron un ceo máis amplo, diverso e xusto", rematou Martins a súa intervención.
Un proxecto que busca o diálogo entre xeracións de xornalistas
Na liña do diálogo aberto polo proxecto, xornalistas novas que cubrían o acto preguntaron ás entrevistadas presentes que lles dirían ás novas xeracións, ante un futuro que, como definiu Tareixa Navaza, está "moi difícil, sobre todo a nivel laboral".
Na liña do diálogo aberto polo proxecto, xornalistas novas que cubrían o acto preguntaron ás entrevistadas presentes que lles dirían ás novas xeracións, ante un futuro que, como definiu Tareixa Navaza, está "moi difícil, sobre todo a nivel laboral"
Isabel Bravo desexoulles que "sigades unidas e acompañándovos unhas ás outras" e María Xosé Porteiro pediu que "igual que vós estabelecedes este nexo con nós, que outras que veñan detras o estabelezan con vós", mentres Carmen Merelas insistiu en que "a vocación está moi ben, pero hai que ter vida a parte da profesión, mesmo para ser mellores xornalistas".
Pola súa banda, Ujué Foces apostou por que "un bo xornalista sempre vai ser necesario" e só lles pediu que "traballen con honestidade", e Pilar Fariña botou man da memoria para concluir que "foi difícil, pero despois foi bonito, para min a profesión é en verdade extraordinaria".