A inxesta de plásticos foi a causa da morte do tiburón de catro metros que ficou varado nunha praia de Oleiros

Momo (Cetorhinus maximus) que ficou varado na praia de Bastiagueiro (Oleiros) © CEMMA

O pasado sábado 25 a presenza na praia de Bastiagueiro (Oleiros) dun animal mariño de gran tamaño xerou unha importante expectación. Tratábase dunha quenlla de máis de catro metros de lonxitude que ficara varada

O pasado sábado 25 a presenza na praia de Bastiagueiro (Oleiros) dun animal mariño de gran tamaño xerou unha importante expectación. Tratábase dunha quenlla de máis de catro metros de lonxitude que ficara varada na beiramar. O acceso á auga foi pechado no areal ata que se puido identificar a especie do animal, que resultou ser un momo ou peixe-bobo (Cetorhinus maximus), tamén chamado tiburón-peregrino, unha especie completamente inofensiva para o ser humano.

O animal ficou varado posteriormente na praia de Santa Cristina, pero puido ser reintroducido no mar grazas á acción de socorristas, Protección Civil e voluntarios de Habitat baixo a coordinación de CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños). Porén, a última hora da tarde volveu varar de novo, falecendo pouco despois.

Restos de plásticos atopados no organismo do animal varado en Oleiros © CEMMA

Persoal do CEMMA levou a cabo unha análise do cadáver do animal, atopando no seu organismo un gran número de obxectos plásticos: fibras procedentes de artes de pesca degradadas ou un tapón de botella

O domingo persoal veterinario de CEMMA levou a cabo unha análise interna do cadáver do animal, atopando no seu organismo un gran número de obxectos plásticos, dende fibras procedentes de artes de pesca degradadas, ata un tapón de botella. 

Algúns destes obxectos taponaban a válvula espiral, un órgano interno que facilita que se aumente a superficie de absorción no reducido tamaño intestinal dos tiburóns e raias. CEMMA sinala que "esta oclusión foi identificada como causa do debilitamento e varamento do tiburón". 

Algúns destes obxectos taponaban a válvula espiral, un órgano interno que facilita que se aumente a superficie de absorción no reducido tamaño intestinal dos tiburóns e raias. CEMMA sinala que "esta oclusión foi identificada como causa do debilitamento e varamento do tiburón"

A entidade subliña que "a presenza de obxectos estraños é habitual nos individuos desta especie, xa que ao ser 'filtradores', calquera obxecto que haxa na columna de auga será inxerido coma se fose alimento". CEMMA subliña o grave prexuízo que están a sufrir esta e outras especies mariñas por mor "da contaminación por plásticos dos nosos océanos".

Neste caso, tratábase dun exemplar novo, pois os tiburóns peregrinos adultos miden uns 8 metros, o que a converte na segunda especie de peixe máis grande despois do tiburón balea. Na costa galega prodúcense cada ano uns dous ou tres avisos de avistamentos, moitas veces no interior das rías e sobre todo na primavera.

Microplásticos achados nunha praia de Nigrán © CEMMA

"Hai medidas que se poden tomar a nivel individual no que atinxe ao uso de plásticos, pero todo isto é moi insuficiente se non van acompañadas doutras medidas de maior calado, que deben comezar por cambios na lexislación"

A entidade leva anos denunciando a crecente presenza de plásticos e microplásticos no mar e os graves efectos que teñen para moitos animais. "Hai medidas que se poden tomar a nivel individual no que atinxe ao uso de plásticos, pero todo isto é moi insuficiente se non van acompañadas doutras medidas de maior calado, que deben comezar por cambios na lexislación", destacaba o mes pasado nesta entrevista Alfredo López (CEMMA), que engadía que "hai moitas cuestións que son estruturais e mentres non se cambien os hábitos de consumo, de explotación do medio e de xeración e xestión de residuos non haberá moita marxe de actuación".

"Os microplásticos están invadindo todo o medio mariño, de xeito que o 100% dos exemplares que analizamos teñen estes residuos nos seus corpos. Grandes ou pequenos, provocan danos enormes"

"Os microplásticos están invadindo todo o medio mariño, de xeito que o 100% dos exemplares que analizamos teñen microplásticos nos seus corpos. Estes residuos, grandes ou pequenos, provocan uns danos enormes, como sucedeu cun golfiño que atopamos en Fisterra, que tiña o corpo atrapado nunha cinta de plástico que pouco a pouco se fora pechando. Afortunadamente conseguimos quitarllo", explicaba tamén López nesta conversa

A entidade salienta tamén o perigo que supón a pesca accidental, especialmente para os golfiños. sinalando que "a principal ameaza da especie segue sendo a morte por captura accidental en artes de pesca" e que un 43% dos golfiños comúns que aparecen varados presentan indicios de que a súa morte é compatible con esta actividade humana. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.