A illa acolleu este xoves unha homenaxe ás 5.600 persoas que foron recluídas neste campo de concentración carcerario e tamén ás mulleres que os auxiliaron, un acto organizado conxuntamente polo Goberno de España a través da Secretaría de Estado de Memoria Democrática e o Concello de Redondela.
Entre o mes de outubro de 1936 e o 15 de marzo de 1943 a Illa de San Simón foi un "campo de concentración carcerario" polo que pasaron máis de 5.600 presos, dos que un número moi elevado morreron no lugar. Están documentadas máis de 517 mortes ademais das que se produciron por paseos e fusilamentos.
Este xoves a illa acolleu unha homenaxe aos presos e tamén ás mulleres que os auxiliaron, as coñecidas como as madriñas de San Simón, un acto organizado conxuntamente polo Goberno de España a través da Secretaría de Estado de Memoria Democrática e o Concello de Redondela. No acto participou o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, canda ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, ademais doutras autoridades, representantes de entidades memorialistas e familiares das vítimas.
Fernando Martínez reivindicou o legado dos presos e das madriñas como "un referente para a defensa dos valores democráticos". "O seu legado dános forza para seguir defendendo a liberdade, a democracia e os dereitos humanos", dixo, subliñando ademais que "a memoria das vítimas é un dos principais antídotos para combater tantos bulos e mentiras que esparcen os herdeiros do fascismo e da ditadura"
"O seu legado dános forza para seguir defendendo a liberdade, a democracia e os dereitos humanos", dixo o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez
Un dos momentos centrais da xornada foi a entrega das Declaracións de Recoñecemento e Reparación Persoal a familiares e descendentes de 28 presos. Estas declaracións supoñen o recoñecemento e a reparación moral por parte da democracia española a quen padeceron persecucións, condenas, sancións, prisión ou outras formas de violencia por razóns políticas, ideolóxicas ou de crenza durante a Guerra Civil e a Ditadura.
O acto recoñeceu 28 presos, das máis de 5.600 persoas que pasaron polo penal de San Simón entre outubro de 1936 e marzo de 1943. Trátase dun primeiro recoñecemento que terá continuidade máis adiante para homenaxear tamén a outras persoas que sufriron a represión no penal.
A homenaxe recoñeceu igualmente a solidariedade das coñecidas como madriñas. O acto contou coa intervención de María Barros, descendente de vítimas e madriñas, e co testemuño do escritor e xornalista Manuel Rivas
A homenaxe recoñeceu igualmente a solidariedade das coñecidas como madriñas, fundamentalmente mulleres de Cesantes que axudaron aos presos levándolles alimentos e roupa e actuando como ligazón coas súas familias. O acto contou coa intervención de María Barros, descendente de vítimas e madriñas, e co testemuño do escritor e xornalista Manuel Rivas, ademais da proxección de pezas audiovisuais dedicadas ás vítimas e ás mulleres que as auxiliaron.
O acto contou tamén coa participación de Uxía e a lectura a cargo de Olga Novo do seu Canto Matricial das Augas Libres. A homenaxe concluíu co descubrimento da placa de Lugar de Memoria Democrática e unha ofrenda floral, acompañada pola actuación da chelista Margarita Mariño.
O acto recoñeceu 28 presos, das máis de 5.600 persoas que pasaron polo penal de San Simón. Trátase dun primeiro recoñecemento que terá continuidade máis adiante para homenaxear tamén a outras persoas que sufriron a represión no penal
O Goberno central declarou o pasado mes de agosto as illas de San Simón e San Antón como Lugar de Memoria Democrática, recoñecendo oficialmente a súa relevancia como espazo de represión e encarceramento durante a Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura.
Os 28 presos homenaxeados
- Diego San José de la Torre — natural de Madrid; tras saír de San Simón fioxu a súa residencia en Redondela.
- Segundo Freire Rivas — Redondela.
- Manuel Blanco Camiña — Redondela.
- Manuel Barros Montero — Redondela.
- Alfredo Bautista Alconero — natural de Ponteareas e veciño do Porriño.
- Alfonso Moreda Vázquez — Vigo.
- José Benito García Santiago — Pontevedra.
- Jaime Agra Blanco — Lalín.
- Luis Agra Blanco — Lalín.
- Antonio Gómez López — Vila de Cruces.
- Dámaso Giráldez Piña — A Caniza.
- Joaquín Nores Rodríguez — Cangas do Morrazo.
- Antonio Fernández Fernández — Cangas do Morrazo.
- Ramón Costas Otero — Cangas do Morrazo.
- Dámaso Carrasco Duaso — Vilagarcía de Arousa.
- Antonio Blanco Solla — Marín.
- Andrés Santos Rodríguez — Marín.
- Eduardo Otero Molas — Marín.
- José González Táboas — Mondariz.
- Celestino Carbia Campaña — Valga.
- Antonio Rodríguez González — Vilacoba, Salvaterra de Miño.
- Manuel Graña Pouseu — Bueu.
- Amancio Caamaño Cimadevila — natural de Negreira e veciño de Pontevedra.
- José Adrio Barreiro — Pontevedra.
- Germán Adrio Mañá — natural de Vilagarcía de Arousa e veciño de Pontevedra.
- Celestino Poza Cobas — Pontevedra.
- Luis Poza Pastrana — Pontevedra.
- Celestino Poza Pastrana — Pontevedra.