68.000 nenos, nenas e adolescentes viven en Galicia en risco de pobreza ou exclusión social, 10.000 máis que o ano anterior
68.000 nenos, nenas e adolescentes viven en Galicia en risco de pobreza ou exclusión social, 10.000 máis que o ano anterior. Galicia foi a comunidade autónoma na que máis aumentou a pobreza e a exclusión social infantil segundo a análise da Enquisa de Condicións de Vida, elaborada pola Plataforma de Infancia en colaboración coa Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia. A taxa AROPE acada en Galicia o 19,3% dos nenos, nenas e adolescentes, 3,3 puntos máis que o ano anterior, mentres que no conxunto de España se reduciu 0,9 puntos, ata situarse no 33,2%.
Os datos galegos seguen a ser moito mellores, polo tanto, que os que se rexistran no resto do Estado, de xeito que é o segundo territorio con menos pobreza infantil, só por detrás do País Vasco. Porén, no último ano Galicia foi a comunidade autónoma na que máis empeoraron os datos.
A evolución é especialmente significativa no caso da pobreza severa. Galicia rexistra un aumento de 1,8 puntos, ata situarse no 6,8 %, mentres que no conxunto do Estado este indicador se reduciu 1,6 puntos, ata o 12,5%. Actualmente, 25.000 nenos, nenas e adolescentes viven en Galicia en situación de pobreza severa.
Os datos galegos seguen a ser moito mellores que os que se rexistran no resto do Estado, de xeito que é o segundo territorio con menos pobreza infantil, só por detrás do País Vasco. Porén, no último ano Galicia foi a comunidade autónoma na que máis empeoraron os indicadores
Ante estes datos, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia considera necesario "reforzar as políticas destinadas a previr e reducir a pobreza infantil e garantir que as familias poidan acceder aos apoios que precisan".
O informe alerta, ademais, da vulnerabilidade de quen se atopa xusto no límite da pobreza. En Galicia, o 7,2% dos nenos, nenas e adolescentes, máis de 25.000, sitúase nunha franxa de ingresos de apenas un 3% por riba ou por debaixo do limiar da pobreza. Isto significa que unha variación mínima dese limiar podería facer que estes nenos, nenas e adolescentes pasasen a estar estatisticamente en situación de pobreza, aínda que a súa situación económica real non cambiase.
A Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia considera necesario "reforzar as políticas destinadas a previr e reducir a pobreza infantil e garantir que as familias poidan acceder aos apoios que precisan"
Mónica Viqueira, presidenta da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, sinala que "os datos amosan unha realidade que as cifras non sempre permiten ver: miles de nenos, nenas e adolescentes atópanse apenas por riba do limiar da pobreza e continúan nunha situación de enorme vulnerabilidade. Non podemos limitar a resposta a quen cruza estatisticamente ese limiar; precisamos políticas que preveñan a pobreza e dean estabilidade ás familias".
Propostas da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia
Entre as súas propostas, a Plataforma reclama avanzar na mellora da renda garantida de cidadanía, para que alcance un maior número de familias en situación de vulnerabilidade, mediante a modificación da Lei de Inclusión Social de Galicia, simplificando a súa tramitación e asegurando unha adecuada complementariedade entre a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) e o Ingreso Mínimo Vital (IMV).
A Plataforma reclama avanzar na mellora da renda garantida de cidadanía para chegar a máis familias vulnerables, avanzar en políticas que garantan o acceso á vivenda digna e accesible para fogares con crianzas
Considérase prioritario tamén avanzar na elaboración dun Plan de apoio ás familias monoparentais, co obxectivo de facer fronte aos elevados índices de pobreza que afectan estes fogares. No ámbito da infancia migrante, a POIG reclama a aprobación dun Plan galego de acollida e inclusión dos nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados, dotado de recursos, prazos, estándares de calidade, protocolos de coordinación interadministrativa e mecanismos de avaliación pública.
A Plataforma reclama tamén avanzar en políticas que garantan o acceso a unha vivenda digna, adecuada e accesible para as familias con nenos, nenas e adolescentes a cargo. Así mesmo, propón destinar un mínimo do 5% dos recursos do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) do marco plurianual 2021-2027 á redución da pobreza infantil, a través de plans operativos específicos de Garantía Infantil. No ámbito educativo, a Plataforma considera necesario reforzar as medidas destinadas a compensar as desigualdades sociais, incluíndo bolsas de comedor, actividades extraescolares, actividades de lecer e tempo libre, así como medios tecnolóxicos e conexión a internet.