A salvo os 11 tripulantes dun pesqueiro de Marín á deriva no Gran Sol

Un barco no Gran Sol © http://barcosdelgran-sol.blogspot.com.es/

Salvamento Marítimo sinala que rexistrou unha vía de auga a 64 millas de Irlanda

O pesqueiro Piedras, con base en Marín e que operaba no Gran Sol, quedou á deriva nas últimas horas a 64 millas de Irlanda tras rexistrar unha vía de auga e un incendio a bordo. Salvamento Marítimo informa de que os seus 11 tripulantes foron “rescatados en bo estado” por outro pesqueiro, o Armaven Uno.

Localización do sinistro divulgada por Salvamento Marítimo © Salvamento Marítimo

Segundo Salvamento Marítimo, a operación de rescate foi coordinada polos centros de salvamento de Falmouth, no Reino Unido, e Valentia, en Irlanda, e seguida polo servizo de salvamento español. O buque presenta unha forte escora e quedou á deriva. Entre os tripulantes rescatados hai españois, marroquíes e ghaneses.

O novo accidente chega tres meses e medio despois do afundimento doutro pesqueiro de Marín, o Villa de Pitanxo, en Terranova, cando faleceron ou desapareceron 21 dos seus 24 tripulantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.