A Audiencia Nacional cita para a próxima semana aos tres acusados para "evitar dilacións indebidas" nun proceso que se remonta a febreiro de 2022, hai máis de catro anos, cando o barco afundiu en Terranova
A Audiencia Nacional vén de abrir xuízo oral a dous directivos da empresa armadora do pesqueiro Villa de Pitanxo e ao capitán da embarcación pola morte de 21 tripulantes durante o naufraxio ocorrido en febreiro de 2022 en augas de Terranova (Canadá). Así o decidiu o maxistrado titular da Praza 2 da Sección de Instrución do Tribunal Central de Instancia, Ismael Moreno, que acorda enviar a xuízo ao administrador de Pesquerías Nores Marín, ao director de Flota e ao capitán do barco por 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e un delito de lesións imprudentes en concurso ideal con outro delito contra os dereitos dos traballadores.
Na súa resolución, na que recolle os escritos de Fiscalía e acusacións particulares, o instrutor sinala como responsable civil subsidiario á mercantil Pesquerías Nores Marín SL e á entidade aseguradora British Marine Luxembourg SA como responsable civil directo.
Moreno require aos tres acusados para que no pazo dun día depositen 44 millóns de euros como fianza para garantir as responsabilidades pecuniarias que se lles poden impoñer en sentenza e requira á responsable civil subsidiaria, Pesquerías Nores, a prestación da mesma cantidade de forma solidaria cos tres anteriores, así como á responsable civil, a seguradora British Marine Luxembourg SA.
O xuíz cita aos tres acusados e ao representante legal de Pesquerías Nores o próximo 28 de xullo ás 10.30 horas para entregarlles o auto de apertura de xuízo oral "dada a transcendencia e as circunstancias concorrentes e co fin de evitar dilacións indebidas" para acelerar a tramitación do procedemento, segundo a Audiencia Nacional.
A instrución do caso sinalou que o barco non estaba autorizado a navegar en zonas de formación de xeo e que os seus tripulantes non tiñan formación sobre os riscos de hipotermia, ademais de decisións incorrectas do capitán
A partir de agora, as defensas dispoñen dun prazo de dez días para presentar os seus escritos de cualificación e propoñer, no seu caso, as probas que estimen oportunas para a vista oral. O xulgado sinalou á Sala do Penal da Audiencia Nacional como o órgano encargado de xulgar este procedemento.
O pasado febreiro, no auto de pase da instrución a procedemento abreviado, o maxistrado instrutor detallara que o barco non estaba autorizado a navegar en zonas de formación de xeo e que os seus tripulantes non tiñan formación sobre os riscos de hipotermia. Tamén sinalaba as decisións do capitán de continuar a virada con mal tempo e dar a orde de abandonar o barco demasiado tarde, e a falta de prevención de riscos por parte da empresa.