Anunciado na campaña das eleccións galegas de setembro de 2016, o Goberno galego suma 4 tobogáns aos 4 que xa funcionaban e eleva a entrada ordinaria de 4,50 a 8 euros
18 días antes das eleccións galegas de setembro de 2016 o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prometía acompañado do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, un parque acuático para a cidade. Facíao despois de que o líder de Democracia Ourensana e hoxe alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, convertese esa nunha das súas principais reclamacións e promesas.
O parque, que supuxo un investimento total duns 13 millóns de euros, construíuse como unha remodelación do complexo deportivo de Monterrei, no veciño concello do Pereiro de Aguiar, e a súa parte acuática non comezou a abrirse por fases ata o verán de 2023. O pasado venres o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, visitouno e deuno por completado ao sumar catro tobogáns aos catro xa existentes. Ao tempo, a Xunta elevou o prezo da súa entrada ordinaria para maiores de idade de 4,5 a 8 euros e para menores de idade de 2,50 a 4,50 euros.
A construción do parque acuático prometido en 2016 comezou coa reforma e mellora das instalacións deportivas de Monterrei por 1,2 millóns de euros pagados pola Xunta, actuacións que non remataron ata 2021. Daquela, cando a demora xa era máis que evidente, o secretario xeral para o Deporte da Xunta aseguraba no Parlamento que "o atraso é unha percepción moi subxectiva".
Foi a finais dese 2021 cando comezaron as obras directamente relacionadas co parque acuático co anuncio de que estaría rematado en 2024, cousa que non sucedeu. A Xunta tivo que contratar dúas veces os traballos polo encarecemento de materiais e acabou abrindo no verán de 2023 o que denominou "piscinas infantil, relax e de ondas, así como a zona splash, o acceso independente, vestiarios e aseos". Sen tobogáns.
A Deputación di que o parque será "unha infraestrutura turística e de ocio de referencia para todo o norte peninsular"
Os catro primeiros tobogáns, de 9 metros de altura, non se abriron ata xuño de 2024, case oito anos despois da promesa de Feijóo. Na súa inauguración o presidente Rueda asegurou que o parque permitirá "dinamizar e dar oportunidades ao interior de Galicia" e con el "a provincia de Ourense vaise converter nun referente do ocio acuático para todas as idades".
Este venres foi o presidente da Deputación, Luis Menor, que asegurou que o parque será "unha infraestrutura turística e de ocio de referencia para todo o norte peninsular".
É agora, 10 anos despois, coa entrada en servizo doutros catro tobogáns, de 11 metros de altura e cualificados como "kamikaces", cando a Xunta dá por rematado o complexo. Xunto con eles tamén se habilitou un circuíto de xogos elevado entre árbores con tirolinas. Se as anteriores actuacións correron por conta da Xunta cun custo duns 9 millóns de euros, a última fase agora aberta foi asumida pola Deputación de Ourense con 3,7 millóns de euros, elevando o total do parque a preto de 13 millóns de euros de investimento público.
"O atraso é unha percepción moi subxectiva", xustificaba a Xunta hai cinco anos
Coincidindo con esta posta en servizo da totalidade do complexo, a Xunta tamén eleva os prezos das entradas "para adecualas aos servizos que agora se ofrecen", segundo di. Así, a entrada ordinaria para maiores de idade pasa de 4,50 a 8 euros, a de menores de idade pasa de 2,50 a 4,50 euros e a de menores de 3 anos seguirá sendo gratuíta como ata agora. Seguirá habendo descontos para grupos, familias numerosas ou persoas con discapacidade.
A Xunta salienta que o parque permanecerá aberto ata o 13 de setembro e que as instalacións "contan cun equipo de máis de 70 profesionais, entre os que se inclúen 30 socorristas con acreditación profesional, persoal técnico sanitario e traballadores destinados ao mantemento, limpeza, atención ao público, cafetería e supervisión".