As denuncias por acoso continúan a provocar reaccións nos partidos galegos. Na Coruña, a alcaldesa Inés Rey e o tenente de alcaldesa José Manuel Lage Tuñas foron sinalados por presunto "acoso laboral" por parte de dúas ex-concelleiras socialistas a través das canles internas habilitadas polo PSdeG. Uns feitos que a propia Rey xa vinculou nun comunicado con "discrepancias políticas".
Pola súa banda, o BNG informa da "expulsión" dun concelleiro de Moraña "por causa dunha acusación de violencia machista", que neste caso non lle foi comunicada á formación polas súas vías internas, senón que a dirección do Bloque tivo coñecemento directo dos feitos a través dunha terceira persoa "do entorno persoal da vítima".
Na Coruña, as ex-edís socialistas Eva Martínez Acón e Esther Fontán empregaron agora a mesma canle interna do PSdeG pola que chegaron as denuncias do caso Tomé para presentar as súas por acoso laboral contra Inés Rey e José Manuel Lage Tuñas. Ambas formaron parte da candidatura coa que Rey acadou a alcaldía en 2019 e non repetiron nas últimas eleccións municipais, e aseguran que no seu día formularon estas acusacións ao daquela secretario de organización do PSOE, Santos Cerdán, sen que tiveran efecto.
Para Inés Rey trátase dun "uso espurio" desta canle, que considera "unha ferramenta útil contra determinados comportamentos machistas", a pesar das súas recentes críticas á xestión da mesma por parte do secretario xeral da formación socialista, José Ramón Gómez Besteiro.
"A ninguén se lle escapa que esta manobra é tamén un axuste de contas por non repetir nas listas", responde Inés Rey
"As dúas denunciantes ostentaron cargos no meu Goberno, polo que a ninguén se lle escapa que esta manobra é tamén un axuste de contas por non repetir nas listas", censura a alcaldesa da Coruña nun comunicado no que tamén advirte que "non se pode confundir a discrepancia política co acoso".
Rey incide en que o procedemento interno do PSdeG non é a vía axeitada para estas denuncias por suposto acoso laboral e cuestiona por que non as presetaron por vía xudicial. "Ningunha denuncia falsa fará que deixe de estar á beira das vítimas e denunciando os casos de violencia machista e de acoso sexual, por moito que haxa persoas que por esa causa tenten agora actuar contra min a través dunha canle que precisamente ten como función a defensa das mulleres", asevera.
"Tolerancia cero coa violencia machista"
A Executiva Nacional do BNG acordou este luns a expulsión do concelleiro de Moraña Rubén Fernández Monteagudo con motivo "dunha acusación de violencia machista da que se tivo coñecemento o día anterior". Destacan que a decisión tomouse "a pesar de o BNG non ter recibido denuncia formal a través da canle interna habilitada pola organización, que chegou verbalmente por unha persoa do entorno da vítima".
De maneira unánime, a Executiva Nacional suspendeu de militancia e solicitou a dimisión e devolución da acta como concelleiro en Moraña a Fernández Monteagudo, que levaba máis dunha década vinculado ao Bloque neste concello. Con todo, o BNG indica que "no momento dos feitos non tiña ningún cargo, nin responsabilidade política algunha dentro da organización".
A Executiva Nacional suspendeu de militancia e solicitou a dimisión e devolución da acta como concelleiro en Moraña a Fernández Monteagudo
Así mesmo, a dirección do Bloque púxose en contacto coa vítima "para trasladarlle o total e rotundo apoio" e a "disposición a asumir as súas indicacións á hora da comunicación pública deste asunto que, na medida do posible, serían asumidas en aras de protexer o seu dereito á intimidade e privacidade".
"O BNG reafírmase na defensa dunha política de tolerancia cero coa violencia machista, veña de onde veña e sexa quen sexa a persoa acusada, e anima a calquera vítima de violencia de xénero a denunciar, sucederan cando sucederan os feitos, porque ningún caso debe quedar impune", manifestan no comunicado feito público este xoves.