As Casas Niño son un servizo impulsado pola Xunta de atención aos nenos e nenas de 0 a 3 anos en concellos rurais, lugares onde debido ao reducido número de nacementos, resulta difícil poñer en marcha escolas infantís, públicas ou privadas. Na actualidade hai máis cen en activo (102 en febreiro de 2026) nun total de 78 concellos
"As Casas Niño son un proxecto marabilloso, pero que está mal montado, pois está sustentado sobre a precariedade das traballadoras". Con esta rotundidade exprésase en conversa con Praza.gal unha muller que durante case oito anos mantivo aberta unha destas instalacións nun concello rural ata que, cansa de atrancos con críticas ás condicións achegadas pola Xunta, optou por pechar a escola. Non é a única traballadora que denuncia unha situación que xa no pasado deu lugar a protestas, recollidas nesta reportaxe ou nesta información sobre as dificultades que sufrían estas falsas autónomas cando quedaban embarazadas.
As Casas Niño son un servizo impulsado pola Xunta de atención aos nenos e nenas de 0 a 3 anos en concellos rurais, lugares onde debido ao reducido número de nacementos, resulta difícil poñer en marcha escolas infantís, públicas ou privadas. Na actualidade hai máis cen en activo (102 en febreiro de 2026) nun total de 78 concellos, sobre todo de Ourense e Lugo, pero tamén en zonas rurais da Coruña e Pontevedra.
Estas instalacións emprestan unha atención personalizada (só poden atender un máximo de cinco nenos e nenas), de luns a venres por un máximo de oito horas ao día. Trátase, ademais, dun servizo gratuíto para as familias, que asegura o coidado dos seus fillos e fillas mentres están no traballo. Un servizo público, polo tanto, imprescindible en moitas localidades da Galicia rural que permite a moitas persoas seguir a vivir na zona. Ata aquí todo ben.
"As Casas Niño son un proxecto marabilloso, pero que está mal montado, pois está sustentado sobre a precariedade das traballadoras", denuncia a ex-responsable dunha destas instalacións
Os problemas comezan coas condicións ofrecidas ás mulleres que se ocupan das Casas Niño, que non están contratadas, senón que traballan como autónomas. En realidade, como falsas autónomas, denuncia a maioría, pois a Xunta é na meirande parte dos casos os seu único pagador, traballan 40 horas á semana para ela e a administración autonómica define as súas condicións de traballo.
"Somos autónomas no papel, pero temos as partes malas de ser autónomas, e tamén as partes negativas de sermos empregadas por conta allea", di a denunciante. "Non temos capacidade de decisión ningunha e, por exemplo, non temos liberdade para decidir abrir e pechar", exemplifica. Esta foi a razón pola que decidiu non continuar, despois de case oito anos. O concello no que abrira a Casa Niño ten moi pouca natalidade e o pasado ano atopou con que a instalación quedou sen nenos e nenas, debido tamén a razóns de saúde dalgúns deles e delas. "Aínda así non me permitían pechar e obrigábanme a estar aí as oito horas como se aquilo fose unha oficina administrativa", di.
"Somos autónomas no papel, pero temos as partes malas de ser autónomas, e tamén as partes negativas de sermos empregadas por conta allea", di a denunciante.
Critica, ademais, as condicións económicas ofrecidas pola Xunta, que paga cada ano uns 29.000 euros a cada encargada dunha Casa Niño que leve tres anos traballando. Con esa cantidade deben facer fronte a todos os custos da instalación, dende o alugueiro e gastos comúns de luz, calefacción e auga (en ocasións os concellos colaboran dalgún xeito), materiais, limpeza, transporte..., ademais de pagar impostos e a cota de autónomos, de xeito que -denuncian moitas delas- ao final practicamente non lles queda ningún beneficio (o que sería equivalente ao soldo dunha persoa asalariada).
"Chega un momento é que é insostible, mesmo cos 29.000 euros. Eu, por exemplo, vivía a unha hora en coche da casa-niño. Imaxina o que estaría gastando agora co que subiu o gasoil, menos mal que pechei", explica. As solucións? Ela teno claro e aposta por facer estable o servizo, a través da contratación das traballadoras.
As dificultades económicas medran cando se produce algunha circunstancia imprevista, como unha baixa por enfermidade. Nese caso, as traballadoras están obrigadas a contratar unha substituta e a pagarlle cunha parte deses 29 mil recibidos do Goberno galego. "Ao final, resulta que non temos dereito a enfermar", di
As dificultades económicas medran cando se produce algunha circunstancia imprevista, como unha baixa por enfermidade. Nese caso, as traballadoras están obrigadas a contratar unha substituta e a pagarlle cunha parte deses 29 mil recibidos do Goberno galego.
Esta prima, de feito, foi medrando nos últimos anos grazas en boa medida á organización e ás protestas das traballadoras, que tamén conseguiron que se garantise un pagamento extra de 150 euros á semana no caso de que quedasen embarazadas, despois de denuncialo publicamente. Porén, non hai axuda ningunha se a baixa é por enfermidade.
"É un proxecto fermosísimo e moi necesario en concellos rurais, pero non pode funcionar a custa das traballadoras", conclúe e engade: "Penso que é importante que as familias coñezan as condicións nas que traballamos, porque moitas veces non o saben"
"O proxecto é marabilloso, pero tal é como o teñen montado a eles sáelles moi barato e esquécense de todo unha vez que fan ese pagamento en xaneiro. E nós en cambio cargámonos de moitas responsabilidades, coas familias e os nenos e nenas, e tamén de moitos gastos, afrontando moitos imprevistos, ás veces económicos", denuncia en conversa con Praza.gal. "Por que non crean eles unha bolsa de substitutos? Por que teño que buscalo eu? Non é tan doado atopar unha persoa que che vaia en días puntuais", advirte. "Ao final, resulta que non temos dereito a enfermar", engade
"É un proxecto fermosísimo e moi necesario en concellos rurais, pero non pode funcionar a custa das traballadoras", conclúe e afirma: "eu non podo ser Xoana de Arco, cheguei á conclusión de que non merece a pena e optei por deixalo". "Penso que é importante que as familias coñezan as condicións nas que traballamos, porque moitas veces non o saben", di.
A Xunta reclámalle 750 euros
Esta traballadora sufriu ademais un problema engadido, derivado do descoñecemento das condicións nas que a Xunta entrega unha subvención puntual, de 1.500 euros, para a adquisición de equipamentos, que se puxo en marcha en 2025, atendendo de novo ás protestas recibidas anteriormente. "En ningún momento nos informaron con claridade de que esta achega ía pola Lei de subvencións de Galicia e que, polo tanto a subvención implicaba unha permanencia obrigatoria de dous anos. Nós somos educadoras, non somos expertas en leis para saber isto", explica.
Ao pechar a Casa Niño un ano despois, a Xunta reclámalle a devolución de 750 euros, unha decisión que ela posteriormente recorreu administrativa e xudicialmente. "Pero eu non pechei porque quixera, senón por non ter nenos", di, engadindo que "eu ben podería ter pasado sen esa aspiradora e sen esa mesa de luz" e que "de saber que estas eran as condicións non tería pedido a subvención".
As propostas do BNG para a mellora do servizo e as condicións das traballadoras
"Malia ser un servizo de atención moi sensible, as profesionais sofren unhas condicións laborais de absoluta precariedade fomentada pola Consellería de Política Social"
O BNG ten denunciado estas situacións no pasado no Parlamento galego e vai facelo de novo nas vindeiras semanas. As deputadas Ariadna Fernández e Olalla Rodil presentaron xa unha proposición non de lei que se debaterá na cámara na que alertan de que "malia ser un servizo de atención moi sensible, a realidade é que as profesionais, maioritariamente mulleres que desenvolven o seu traballo nestas casas niño, sofren unhas condicións laborais de absoluta precariedade fomentada pola Consellería de Política Social".
No texto, o Bloque recolle as críticas e denuncias das traballadoras e propón varias medidas para mellorar a súa situación laboral e, en consecuencia, o funcionamento dun servizo que é esencial en 80 concellos rurais. A iniciativa propón levar a cabo un estudo sobre os custos da prestación do servizo das casas niño "para valorar de xeito oficial e serio a retribución que se lle achega ás titulares anualmente, asegurando que as contías se aumentarán como as propias traballadoras solicitan".
O BNG reclama que a Xunta se faga cargo dos gastos derivados da contratación eventual de persoal no caso das substitucións por incapacidades temporais
O BNG reclama tamén que a Xunta se faga cargo dos gastos derivados da contratación eventual de persoal no caso das substitucións por incapacidades temporais, asegurando a viabilidade dos proxectos nestes casos. Igualmente, pide que se establezan "días de asuntos propios para estas traballadoras, que lles permitan ausentarse por motivos persoais non derivados de situacións imprevisibles ou inevitables".
Finalmente, e atendendo á situación que sofre a traballadora coa que Praza.gal se puxo en contacto, o Bloque propón informar con claridade "na propia orde de axudas das casas niño" sobre as condicións que se aplican nas subvencións para a reposición de material "que evite confusións por desinformación"