As outras gráficas do coronavirus: así mudaron as nosas vidas durante o confinamento

A pandemia está a ter repercusións en moitos ámbitos alén do estritamente sanitario CC-BY-NC-SA Fotografía: Concello de Brión | Montaxe: Praza Pública

Durante as últimas semanas todos e todas afixémonos a mirar a diario gráficas e táboas que amosan a evolución da epidemia de coronavirus. Cifras de mortes, de casos positivos, de hospitalizacións, de casos 'activos', de altas, a taxa de incidencia... mesmo o número reprodutivo básico. Día a día viamos crecer esas liñas e fomos observando como se 'aplanaba' a curva e, últimamente, como os indicadores comezan a mellorar, aproximando o remate desta onda da pandemia e do confinamento.

Porén, pasaron moitas cousas nestes últimos dous meses, houbo grandes cambios en case todos os ámbitos, motivados polos efectos do coronavirus sobre a economía, o emprego, a mobilidade, o comercio ou a contaminación. As mudanzas que tiveron lugar en cada un destes ámbitos e indicadores pódense tamén medir e amosar en gráficas, que lles poñen cifras a un momento excepcional na historia recente da humanidade. Velaquí algunhas delas.

Mobilidade

O domingo 26, no que se permitiu a saída á rúa dos e das menores de 14 anos, os desprazamentos foron un 69% inferiores ao dun domingo normal.

Unha das cuestións que, necesariamente, cambiaron durante o confinamento foi a mobilidade. A maior parte da poboación ficou nas súas casas, reducíndose ao mínimo o tráfico de vehículos, o transporte en avión e mesmo os desprazamentos a pé ou en bicicleta. Tamén caeron ao mínimo os accidentes de circulación. O Ministerio de Transportes e o INE levaron a cabo unha completa análise da mobilidade da poboación a partir dos datos de posicionamento dos teléfonos móbiles. Durante as primeiras semanas do confinamento os desprazamentos fóra do fogar reducíronse un 63% en Galicia, unha porcentaxe que caeu a partir do 13 de abril

Con todo, mesmo cunhas medidas máis relaxadas, os datos de mobilidade seguen sendo notablemente menores que no mes de febreiro, que se toma como referencia. Un dato: o domingo 26, no que se permitiu a saída á rúa dos e das menores de 14 anos, os desprazamentos en Galicia foron un 69% inferiores ao dun domingo normal.

Contaminación 

En paralelo coa redución ao mínimo da utilización de motores de combustión, a contaminación nas cidades galegas tamén descendeu notablemente. Na segunda quincena de marzo os niveis de dióxido de nitróxeno caeron un 56% na Coruña e un 60% en Vigo con respecto á media dos últimos dez anos, e os datos das estacións da Xunta no resto de cidades galegas e en varias vilas amosan resultados semellantes.

A actividade e o impacto acústico en Galicia experimentou unha diminución de entre o 60% e o 70%, segundo Meteogalicia

O aire é máis limpo dende hai ano e medio, un tempo no que as cidades tamén recuperaron un elemento moi valioso: o silencio. Os datos de contaminación acústica das urbes galegas amosan tamén un importante descenso dende a declaración do estado de alarma. Os datos de Meteogalicia sinalan que "a actividade e o impacto acústico en Galicia experimentou unha diminución de entre o 60% e o 70%" dende mediados de marzo. No seu Informe de Ruído Ambiental, publicado hai uns días, Meteogalicia explica que o tráfico e os eventos de ocio seguen a ser os principais axentes de contaminación acústica da comunidade.

Emprego e economía

O coronavirus tivo un impacto sobresaliente na actividade económica, completamente paralizada nalgúns sectores, o que terá consecuencias moi importantes nos vindeiros meses. O Goberno central prevé que este ano a taxa de paro chegará ao 19% e que a economía caerá un 9,2% (de igual xeito, espérase que o incremento do PIB será do 6,8% en 2021), unhas previsións mesmo máis negativas que as que facía hai unhas semanas o Foro Económico de Galicia; así mesmo, a crise do coronavirus elevará o déficit do Estado español ao 10,34% do PIB en 2020 e a débeda pública ao 115,5%.

Os primeiros efectos xa se deixaron notar sobre o emprego nos datos da EPA do primeiro trimestre e nas cifras de paro do mes de marzo. Eses indicadores sinalan que en Galicia destruíronse 13 mil empregos, a maior parte correspondendo aos colectivos maís precarios: mulleres, mocidade, persoal de baixa formación e traballadores/as temporais.

Comercio e hábitos de consumo

A pesar das axudas económicas impulsadas dende as administracións, milleiros de persoas ficaron sen ingresos e as perspectivas do futuro inmediato non son mellores. Como unha reacción en cadea, a menor capacidade de gasto da cidadanía leva a moitos sectores a entrar en crise, ao que xa se está deixando notar no comercio. As cifras do mes de marzo (só afectado en parte pola crise do coronavirus) amosan xa a moi negativa situación que vive o comercio polo miúdo, que caeu un 8,6% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. 

Iso si, dentro do comercio as vendas do sector de alimentación medraron ese mes un 10,8%, ben polo maior consumo directo que fixeron os fogares, ben polos procesos de acaparamento que tiveron lugar os primeiros días do confinamento. Pola contra, o resto de ámbitos do comercio polo miúdo caeron máis dun 21%.

Vivenda

Hai tamén datos relativos ao prezo da vivenda, que se espera que caia durante os vindeiros meses, tanto no que se refire á venda de inmobles como ao seu alugueiro. O importe dos contratos de alugueiro asinados en marzo en Galicia foi de media 139 euros inferior ao de febreiro.

Emerxencias

Máis incidencias sanitarias e asistencias de Protección Civil e menos accidentes de tráfico entre as emerxencias rexistradas polo 112

O coronavirus tamén trouxo mudanzas ao tipo de incidencias rexistradas pola central de emerxencias do 112 en Galicia, que xestiona a Axencia Galega de Emerxencias (Axega). As súas estatísticas diarias amosan un notable aumento das chamadas relacionadas coa atención sanitaria nos primeiros días da crise, que posteriormente foron volvendo ás cifras anteriores, con lixeiros repuntes, como tamén sucedía antes, nas fins de semana, cando outros recursos sanitarios non están dispoñibles. Ao tempo, caeron os accidentes e incidentes de tráfico, de xeito máis acusado nos primeiros días do estado de alarma e durante as dúas semanas de hibernación da economía e aumentando lixeiramente nos últimos días, cos primeiros pasos da reactivación económica.

Outra das mudanzas que reflicten as estatísticas do 112 é un aumento das incidencias relacionadas con Protección Civil durante os días laborables, que a Xunta explica que están motivadas polos novos cometidos encomendandos a eses corpos como a desinfección de determinados espazos ou o reparto de alimentos e mediciñas entre poboación vulnerable. Segundo o Goberno galego, o 112 coordina esas actuacións aínda que a dependencia funcional de cada corpo segue sendo dos alcaldes como máxima autoridade local.

Violencia de xénero

En Galicia, os datos do 016 para todo o mes de marzo amosan un incremento do 16% con resepecto ao conxunto do mes de febreiro

Dende que comezou este periodo de confinamento, foron moitas as voces que alertaron da terrible situación que podían estar vivindo milleiros de mulleres que aínda conviven cos seu maltratadores, obrigadas agora a pasar 24 horas ao día xunto a eles baixo o mesmo teito. Unha situación que, ademais, invisibiliza aínda máis este problema e dificulta a capacidade das mulleres para denuncialo. O Ministerio de Igualdade informou de que na segunda quincena de marzo o número de chamadas ao 016 (teléfono de información e asesoramento para a atención á violencia machista) aumentou un 18% con respecto á segunda quincena do mes de febreiro.

En Galicia, os datos do 016 para todo o mes de marzo amosan un incremento do 16% con resepecto ao conxunto do mes de febreiro. Haberá que agardar ao datos de abril para comprobar se se mantén o aumento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.