Ata 216.000 pitas e 4.000 toneladas de esterco: a macrogranxa en Curtis que xa pasou o primeiro filtro da Xunta

Pitas nunha granxa CC-BY-SA Daisy

A Xunta deu o visto e prace ambiental a un proxecto para a instalación dunha macrogranxa de produción de ovos campeiros con capacidade para ata 216.000 galiñas poñedoras nunha parroquia do Concello de Curtis. No pasado mes de maio, a Consellería de Medio Ambiente formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) positiva, aínda que con condicións, para unha iniciativa da que pouco ou nada se sabe no municipio e entre a veciñanza malia as súas impoñentes dimensións e capacidades. 

A Xunta formulou a declaración de impacto ambiental positiva, pero con condicións, para unha macrogranxa en Curtis con capacidade para 216.000 pitas

"No Concello non se fixo trámite ningún nin sabemos nada máis aló do que publicou a prensa", recoñece a Praza.gal o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, que si lembra unha "consulta" que os impulsores do proxecto fixeran "xa antes da pandemia, en 2018 e 2019". "Tan só nos trasladaran a intención de levar a cabo unha actividade nesa parcela, pero nin tan sequera tiñan claro que ía ser nin tiñan nada definido", engade. 

Anos despois, Finca Bosqueval -empresa que promove a granxa- explica con detalle o plan, como se pode comprobar na DIA da Consellería, que considera "ambientalmente viable" o proxecto sempre que se establezan medidas para evitar posibles vertidos que contaminen a gran cantidade de ríos, regatos e augas subterráneas da zona e que se reduza ao mínimo a contaminación atmosférica e acústica e mais o cheiro. Unha iniciativa sobre a que xa advertiron grupos ecoloxistas, sindicatos ou o PSdeG, que instou a Xunta a "extremar as garantías ambientais" ante "unha potencial bomba de reloxería". 

Localización prevista da futura macrogranxa en Foxado (Curtis) © Google Earthe

A explotación avícola situaríase no Monte Estraviz, na parroquia de Foxado, a menos de dous quilómetros en liña recta do cárcere de Teixeiro e na encrucillada onde se xuntan A-6, N-VI e a N-634. Ergueríase na conca do río Mandeo e nun terreo considerado solo rústico de protección forestal. 

A idea é que o complexo conte con nove naves con cadansúas 24.000 prazas para galiñas poñedoras, ata as 216.000 en total, e que nelas se permita "a libre circulación" dos animais. As pitas chegan á granxa cuns tres meses de vida, teñen unha vida produtiva de 16 a 17 meses e logo son transportadas a un matadoiro para seren sacrificadas. 

A explotación xeraría 4.320 toneladas de esterco ao ano; Augas de Galicia ou Patrimonio Natural advirten dos riscos de contaminación de ríos e regatos

Ademais, calcúlase que a granxa xere 480 toneladas de esterco ao ano por cada nave, 4.320 toneladas en total. Residuos que, segundo a empresa, recollerá dúas veces por semana un xestor autorizado, alén de contar a instalación cunha esterqueira con capacidade mínima para acumular o argueiro de seis meses. 

A Xunta deulle ao proxecto o visto e prace ambiental pero "condicionado" a unha serie de actuacións. Así, Augas de Galicia advirte de que varios cursos fluviais pasan pola zona onde se prevé erguer a macrogranxa, considerando imprescindible que se impermeabilicen de maneira axeitada os lugares de almacenamento para evitar infiltracións e a contaminación da auga. Tamén alerta de sistemas de retención de efluentes en situación de emerxencia e de levar coidado para que as augas pluviais non entren en contacto con material ningún procedente da explotación que puidese contaminalas. 

Ademais, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no seu informe, avisa da fragmentación de hábitats e do efecto barreira que provocan unhas instalacións desa dimensión. Advirte tamén da afectación sobre a rede hidrográfica e reclama poñer en marcha, como mínimo, tres pasos de fauna de polo menos 30 metros de ancho. A presenza de hábitats de interese comunitario e naturais prioritarios obrigan tamén a incluír medidas para preservar a vexetación da zona. 

Do mesmo xeito, desde a Xunta ínstase a que se adopten plans para o control do ruído e a redución dos olores, así como un plan de seguimento e vixilancia ambiental e medidas para evitar a contaminación das augas. 

Os deputados socialistas Martín Seco e Pablo Arangüena, nunha visita á zona onde se proxecta a macrogranxa CC-BY-SA PSdeG

"O proxecto chama a atención pola súa magnitude, pola súa gran dimensión, pero a pesar de todo, aquí non se sabía nada, máis aló de que houbo veciñanza que viu algún movemento nas parcelas", explica María Ferreiro, coordinadora do Sindicato Labrego Galego (SLG) en Curtis e veciña da zona. 

O PSdeG denuncia que a Xunta non fixo análise ningunha da posible afectación á Rede Natura, á que pertence o río Mandeo, en cuxa conca está prevista a granxa

Á espera de saber máis detalles, considera "un risco" a instalación dunha macrogranxa cunha capacidade de pitas "que non se ve en ningunha outra en Galicia". "O modelo en si de explotación xa é negativo, pero hai que ter en conta as consecuencias que podería ter pola cantidade de residuos que produce e máis nunha zona de brañas como na que está previsto instalarse", engade. 

Desde o grupo parlamentario do PSdeG instouse á Xunta a "extremar as garantías ambientais" ante a "potencial bomba de reloxería ecolóxica" que supón a macrogranxa. O deputado Pablo Arangüena rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento nas que lle reclama ao Goberno galego que “aplique con rigor a lexislación ambiental” na tramitación administrativa e que considere e prevea, entre outras cuestións, "a posibilidade de contaminación no río Mandeo, que está integrado na Rede Natura 2000 -nunha zona próxima á instalación- e nos acuíferos da zona, así como o aumento das emisións de amoníaco".

Ademais, o PSdeG lembra que a directiva de hábitats da UE establece a obriga de que calquera plan ou proxecto que poida afectar de forma apreciable á Rede Natura "se avalíe en canto á posible afección aos seus espazos". Porén, neste caso, din, “non se aprecia ningún tipo de análise, nin sequera consideración desa afección, en oposición á normativa comunitaria”.

"A posibilidade de impacto sobre ese espazo de Rede Natura é evidente, pero esta nin sequera foi considerada na DIA”, denunciou Arangüena, quen tamén apela ao principio de “precaución e acción cautelar” que recolle a Lei de avaliación ambiental.

Control reforzado pola súa capacidade

Coa polémica das macrogranxas a nivel estatal aínda candente, o proxecto que se empeza a tramitar na Xunta entra claramente no grupo que abrangue esa denominación que, sen ser oficial, considera macrogranxa -no caso das aves de curral- aquelas explotacións con máis de 40.000 animais. Neste caso, serían case seis veces máis. 

Galiñas nunha granxa CC-BY-SA Cottonbro

De feito, o PSdeG recorda que a propia DIA establece que a macrogranxa está afectada pola Lei de prevención e control integrados da contaminación, que reforza o control ambiental sobre actividades que poidan implicar unha especial carga contaminante. "É o caso das instalacións dedicadas á cría intensiva de aves de curral que teñan máis de 40.000 prazas se se trata de galiñas poñedoras e aquí falamos dun proxecto que multiplica por máis de cinco o tope establecido por esa lei”.

Os trámites para a súa instalación, aínda sen data, chegan só uns meses despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tombase a autorización a unha macrogranxa para 48.000 galiñas en Rairiz de Veiga. Na sentenza, a xustiza anulou o informe de impacto ambiental co que a Consellería de Medio Ambiente autorizara en 2019 á explotación a duplicar a súa capacidade duns 23.000 a uns 48.000 pitos

Arco Iris presentará unha queixa formal ante a UE e considera que a macrogranxa poría en risco cumprir os obxectivos de emisións

O ditame, ademais, deixaba en evidencia outra vez o control ambiental da Xunta, que non só non avaliou os impactos desa ampliación na veciñanza, nas augas ou nas aves malia estar nun espazo protexido pola Rede Natura 2000, senón que tampouco tivo en conta os efectos acumulativos das numerosas explotacións similares que hai na comarca da Limia nin o alcance da contaminación agrogandeira na zona logo de anos de advertencias científicas.

No Concello de Curtis, mentres, agardan a que a tramitación chegue á administración local. "Teremos que comprobar que o proxecto teña todos os permisos e autorizacións necesarias e en regra e procederemos segundo a lei. Calquera dúbida que teñamos, os impulsores serán requiridos para aclaralas", di o alcalde, que prefire non facer aínda máis valoracións sobre unha explotación da que di "descoñecer a realidade concreta". "Haberá que analizar a repercusión que poida ter e as dimensións reais porque a parcela elixida é moi grande", asegura. 

Visita do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a unha explotación avícola en Vilalba CC-BY-SA Xunta

Polo momento, a asociación ecoloxista Arco Iris xa anunciou o seu "rexeitamento" á macrogranxa e advirte a Medio Ambiente de que tramitará "unha queixa formal ante a UE por vulneración da Directiva 2016/2284, relativa á redución das emisións nacionais de determinados contaminantes atmosféricos.

Para a entidade, a entrada en funcionamento desta "bomba de reloxería" suporía "a inmediata vulneración dos compromisos adquiridos polo Estado tras a aprobación desta directiva". "Sería probablemente o primeiro caso en España no que un proxecto rexional poría en perigo o cumprimento de obxectivos asumidos, o que significaría sen dúbida ningunha a apertura dun expediente sancionador". 

Na DIA da Consellería de Medio ambiente especifícanse as emisións á atmosfera como un dos posibles impactos ambientais da macrogranxa. Así, sobre as medidas a tomar en canto ás emisións de amoníaco e outros gases de efecto invernadoiro, a Xunta insta adoptar as "medidas baseadas no código marco de boas Practicas Agrarias da CEPE/ONU e nas mellores técnicas dispoñibles e as súas actualizacións" definidas na normativa comunitaria, así como "empregar unha estratexia nutricional e unha formulación de penso que permita reducir o contido de proteína bruta da alimentación e administrar unha alimentación multifase dependendo dos diferentes requisitos nutricionais, segundo a etapa produtiva".

Ademais, advírtese da necesidade de "retirar cada dous días os excrementos das zonas exteriores de exercicio das galiñas" e reducir todo o posible o uso de combustibles fósiles, entre outras medidas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.