Baiona, Monte Neme, As Catedrais ou a ría de Ferrol, sinaladas con 'bandeiras negras' por agresións ao litoral

Concentración contra a ampliación do porto deportivo de Baiona © Ecoloxistas en Acción

Ecoloxistas en Acción presentou este martes o seu informe Bandeiras negras 2026, que detalla os casos máis significativos de contaminación e mala xestión ambiental das costas en Galicia e no resto do Estado

Ecoloxistas en Acción presentou este martes o seu informe Bandeiras negras 2026, que detalla os casos máis significativos de contaminación e mala xestión ambiental das costas en Galicia e no resto do Estado. A organización outorgou seis bandeiras en Galicia e un total de 48 bandeiras no conxunto do Estado, dúas por provincia con litoral. 

Nesta ocasión a entidade pon o foco en problemas como a contaminación mariña por depuración deficiente ou por vertidos de residuos mineiros, a destrución de zonas de alto valor natural pola construcción de urbanizacións, a perda de biodiversidade ou a ocupación ou mala xestión do espazo público maritimo-terrestre, eivas recorrentes nos espazos litorais que o informe vén denunciando en edicións anteriores.

En Galicia o informe destaca o "grave impacto ambiental" da ampliación do Porto Deportivo de Baiona, as "agresións urbanísticas" na costa de Cabo Estai, a contaminación da mina de Monte Neme, os vertidos contaminantes na costa de Ferrolterra "pola mala xestión dos residuos na rede de saneamento", a "degradación ambiental" da illa Pancha polo "desleixo das administracións" e a "degradación da praia das Catedrais - Augas Santas pola falta de aplicación do seu plan de conservación".

Concentración contra a ampliación do porto deportivo de Baiona © Ecoloxistas en Acción

En Galicia o informe destaca o "grave impacto ambiental" da ampliación do Porto Deportivo de Baiona, as "agresións urbanísticas" na costa de Cabo Estai

Con todo, e co obxectivo "de defender e traballar para que outros futuros sexan posibles", nesta edición a organización ecoloxista puxo o foco nas solucións e para iso, presentou a restauración ecolóxica da natureza como eixo central do informe. No documento propóñense actuacións específicas sobre algúns lugares do litoral que recibiron unha bandeira negra e onde, se se intervén neles mediante a restauración, sería posible reverter, en certa medida, a perda de biodiversidade, aumentar a adaptación fronte aos impactos do cambio climático e mellorar a calidade ambiental dos territorios.

Tamén sinala a contaminación da mina de Monte Neme e os vertidos contaminantes na costa de Ferrolterra "pola mala xestión dos residuos na rede de saneamento"

Ampliación do Porto Deportivo do concello de Baiona. O proxecto de ampliación do Porto Deportivo de Baiona contempla recheos sobre a lámina de auga da ría de Vigo que incrementarían a superficie do porto, a construción dun edificio para usos hostaleiros, un aparcadoiro e un novo varadoiro, así como o aumento do número de amarres de 340 a preto de 550. O proxecto podería vulnerar varias directivas da Unión Europea, sinala Ecoloxistas en Acción, que destada que a plataforma veciñal Salvemosantamarta e diversos colectivos ambientais rexeitan o proxecto, denunciando que o recheo "poría en risco a calidade do litoral, a paisaxe, a praia de Santa Marta e a biodiversidade mariña, perpetuando un modelo de turismo estacional que sobrecarga os recursos locais".

Protesta contra a "urbanización agresiva" no Cabo Estai © Ecoloxistas en Acción

Ademais, denuncia a "degradación ambiental" da illa Pancha polo "desleixo das administracións" e a "degradación da praia das Catedrais - Augas Santas pola falta de aplicación do seu plan de conservación"

Agresións urbanísticas na costa de Cabo Estai (Vigo). Esta Bandeira Negra concédese ao Concello de Vigo e aos promotores da urbanización con seis chalets no espazo natural litoral de Cabo Estai, "unha obra que retorce a legalidade urbanística desprotexendo terreos non urbanizables, afectando ao dominio público marítimo-terrestre e construindo un vieiro asfaltado que usurpa fincas da veciñanza". A Asociación veciñal de San Miguel de Oia oponse ao proxecto e o seu presidente foi denunciado polos promotores "por cuestionar esta desfeita ambiental e urbanística".

Nesta edición a organización ecoloxista puxo tamén o foco nas solucións e para iso, presentou a restauración ecolóxica da natureza como eixo central do informe

A mina de Monte Neme. O 31 de xaneiro de 2026 produciuse a rotura dunha das balsas de residuos mineiros do Grupo Mineiro Monte Neme. O colapso provocou a saída dun gran volume de augas contaminadas e lodos mineiros que descenderon pola ladeira ata alcanzar o rego de Tuixe, o rego dous Riás e finalmente a Praia dos Riás, dentro da ZEPA Costa da Morte, espazo integrado na Rede Natura 2000. A rotura constitúe o segundo episodio grave rexistrado nestas instalacións en apenas doce anos, despois do colapso doutra balsa ocorrido en febreiro de 2014. "A repetición dun desastre similar pon de manifesto o fracaso de décadas de xestión administrativa e a incapacidade das administracións competentes para resolver de forma definitiva un problema ambiental coñecido desde hai máis de trinta anos", di Ecoloxistas en Acción.

Ecoloxistas en Acción denuncia os vertidos procedentes das balsas mineiras do Monte Neme © Ecoloxistas en Acción

O EDAR de Cabo Prioriño (Ferrol) polos vertidos contaminantes na costa de Ferrolterra pola mala xestión dos residuos na rede de saneamento. Durante décadas a costa de Ferrolterra sufriu o impacto da chegada de augas residuais sen tratamento adecuado, o que provocou a degradación dos ecosistemas mariños e o peche de bancos marisqueiros. Entre os problemas máis visibles destaca a presenza de residuos sólidos, especialmente toalliñas húmidas, que chegan ao mar durante episodios de fortes choivas, destaca Ecoloxistas en Acción. Esta situación resulta especialmente preocupante ao tratarse dun espazo de alto valor ecolóxico, integrado na Rede Natura 2000.

A degradación ambiental da illa Pancha. Ecoloxistas en Acción denuncia que Illa Pancha "é un caso de privatización dun ben público pertencente a un espazo protexido, outorgándolle un uso non contemplado na normativa destes espazos sen a preceptiva xustificación do interese xeral, sen contar con informes sectoriais obrigatorios e sorteando o procedemento regrado con falacias e opacidade".

Vista aérea da ría de Ferrol © Concello de Ferrol

O informe alerta de que na praia das Catedrais a Xunta "tardou décadas en deseñar os plans de protección requiridos, facilitando así a súa degradación" e "cando finalmente chegaron eses plans, non se implementan nin se destinan os fondos precisos para a súa xestión, quedando en papel mollado"

A degradación da praia das Catedrais - Augas Santas. Ecoloxistas en Acción sinala que "a historia da xestión da praia de As Catedrais - Augas Santas é moi representativa do xeito de protexer o noso patrimonio natural en Galicia", sinalándose que se aprobaron "recoñecementos ao patrimonio natural que máis que figuras de protección son promoción turística que incrementa a súa vulnerabilidade", pois a Xunta "tardou décadas en deseñar os plans de protección requiridos, facilitando así a súa degradación" e "cando finalmente chegaron eses plans, non se implementan nin se destinan os fondos precisos para a súa xestión, quedando en papel mollado". 

No ano 2025 cumpríuse unha década da publicación do Plan de Conservación do Monumento Natural da praia de As Catedrais e dúas da aprobación desa figura de protección, "mais os problemas seguen aí", destaca o informe: saturación, mal comportamento, degradación "e inacción das administracións responsables alén de seguir a promovela coma reclamo turístico", engade.

Dende hai anos preocupa a "masificación" da Praia das Catedrais © Ecoloxistas en Acción

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.