O chalé da parella de Feijóo, 'premiado' cunha Bandeira Negra como exemplo de ocupación da costa

Ecoloxistas en Acción impoñendo a súa Bandeira Negra por ataques ao litoral no terreo público marítimo-costeiro pechado conxuntamente co chalé da parella de Feijóo en Moaña © Ecoloxistas en Acción

Ecoloxistas en Acción poñen o caso de Moaña como exemplo de "apropiación do espazo público marítimo-terrestre" no informe co que cada ano avalían o litoral de todo o Estado

Todos os anos, xunto coas Bandeiras Azuis a praias ou portos que entega en todo o continente a Federación para a Educación Ambiental en Europa (FEEE), outra asociación, Ecoloxistas en Acción, outorga as súas Bandeiras Negras, coas que sinala as principais ameazas para o litoral de todo o Estado. Este ano o seu informe anual céntrase na ocupación do espazo público marítimo-terrestre "por parte de particulares adiñeirados e pola sobreexplotación turística". E como gran exemplo dese tipo de "apropiación" do litoral a asociación vén de galardoar a ocupación por parte da parella de Alberto Núñez Feijóo dunha franxa de terreo público en Moaña, desvelada en exclusiva por Praza.gal o pasado novembro. 

Tras facer público este diario que a Dirección Xeral da Costa quería recuperar o uso público duns 210 metros cadrados pechados de xeito conxunto co chalé que a parella de Feijóo adquiriu en 2019, Eva Cárdenas pediu unha concesión dese terreo que lle vén de ser denegada. Porén, ten posibilidade de recurso e o caso podería demorarse anos nos tribunais ata que Costas poida facilitar o acceso público á parcela. Segundo Ecoloxistas en Acción, aínda que "a superficie ocupada non representa unha gran extensión como noutros casos, si é moi relevante que o infractor consorte sexa o ex-presidente da Xunta e actual presidente do Partido Popular de España".

As Bandeiras Negras deste ano tamén van para Altri, Alcoa, o porto de Suevos e as illas de Toralla, en Vigo, e Pancha, en Ribadeo

Xunto co caso de Feijóo e Cárdenas en Moaña, o informe deste ano de Ecoloxistas en Acción recolle outras cinco bandeiras negras en todo o litoral galego. Na mesma provincia de Pontevedra tamén se pon o foco na "mala xestión" da illa de Toralla, en Vigo. Na Coruña o informe sinala a Altri "pola ameaza de destrución dos recursos hídricos e biodiversidade na ría de Arousa" e o porto de Suevos "polos vertidos da depuradora". E en Lugo as bandeiras negras son para Alcoa pola ampliación da balsa de residuos que ten en Cervo e para o hotel habilitado no faro da illa Pancha de Ribadeo, espazo natural protexido.

Ademais destas seis bandeiras negras, Ecoloxistas en Acción fan mención especial á factoría de Ence en Pontevedra, "cuxa legalidade está en entredito trás admitir o Tribunal Constitucional o recurso de amparo presentado polo Concello de Pontevedra". "É un dos exemplos de ocupación e uso industrial indebido do espazo público marítimo terrestre e de como algunhas administracións amparan as ilegalidades dunha minoría adiñeirada, mentres que aplican a lei sen miramientos ao cidadán común", di a organización ecoloxista, lembrando que Ence ten "o récord" de bandeiras negras en Galicia en anteriores edicións destes galardóns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.