A Audiencia de Lugo di que "era a súa obriga, en tanto profesional do sector madeireiro, comprobar debidamente, antes da talla, a extensión e límites das fincas sobre as que ía a actuar"
A Audiencia Provincial de Lugo vén de facer pública unha sentenza que condena a Ence Energía y Celulosa SA a indemnizar á propietaria dun predio no que unha das súas subcontratas tallou árbores sen permiso por non respectar as lindes coa leira veciña na que si estaba autorizada a traballar. A sentenza di de Ence que "era a súa obriga, en tanto profesional do sector madeireiro, comprobar debidamente, antes da talla, a extensión e límites dos predios sobre os que ía actuar".
A sentenza agora feita pública condena como igualmente responsables do sucedido a Ence e aos propietarios da parcela na que a empresa si estaba autorizada a cortar árbores. Ence subcontratou os traballos de talla con outra empresa do sector forestal, á que os donos do terreo no que se ía cortar acompañaron ao monte "a fin de identificar e delimitar o predio". Unha identificación que foi errónea "resultando afectadas nas labores de talla varios predios lindeiros".

Segundo a Audiencia de Lugo, Ence é igualmente responsable do ocorrido que os propietarios do predio a cortar "pois tratándose dunha empresa do sector, estimamos que non esgotou a dilixencia que lle era esixible, e era a súa obriga, en tanto profesional do sector madeireiro, comprobar debidamente, antes da talla, a extensión e límites dos predios sobre os que ía actuar, esixindo documentación completa de titularidade e deslindando correctamente o predio".
"A súa actividade profesional esixíalle un previo e rigoroso labor de exame, inspección e comprobación dos límites da parcela cuxo arborado ía a proceder a tallar, máxime cando é sabido que as certificacións catastrais poden non coincidir", di a sentenza
A sentenza di que "non consta que dita entidade esgotase totalmente a súa dilixencia para evitar o dano causado no predio" da propietaria lindeira afectada, "pois a súa actividade profesional esixíalle un previo e rigoroso labor de exame, inspección e comprobación dos límites da parcela cuxo arborado ía a proceder a tallar, máxime cando é sabido que as certificacións catastrais poden non coincidir exactamente coa realidade física dos predios".
"Á marxe das indicacións que puidera recibir a entidade Ence de quen lle vendeu a madeira", engade a sentenza, "parece claro que, dentro da súa específica responsabilidade empresarial ou profesional no exercicio dunha actividade lucrativa e ao propio tempo xeradora de risco, estaba o deber de comprobar dilixentemente que as árbores cortadas pertencían aos predios do vendedor e non a outras alleas".
Por iso, a sentenza da Audiencia de Lugo conclúe condenando de forma "conxunta e solidaria" a Ence e os propietarios da leira que a contrataron a pagar 4.113 euros á propietaria do predio afectada.