O 15 de setembro abrirase unha convocatoria para a recepción de proxectos con capacidade de aplicación, que poidan xerar efectos duradeiros no territorio
Como pode un espazo declarado Parque Natural como o das Fragas do Eume, con tanto valor e potencial, ficar nun segundo plano dentro do imaxinario global do país? Desde a Fundación RIA levan un ano traballando, a través do financiamento do seu convenio coa Fundación MOP (Marta Ortega Pérez), sobre o terreo para protexer os intereses ecolóxicos, ambientais e arquitectónicos dun espazo que pertence a cinco concellos: Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez.
O 15 de setembro abrirase unha convocatoria para a recepción de proxectos con capacidade de aplicación, que poidan xerar efectos duradeiros neste territorio. As iniciativas poderán abordar cuestións relacionadas coa arquitectura e a mobilidade; a recuperación e rehabilitación de espazos, infraestruturas ou elementos patrimoniais; a actividade económica e produtiva; a transformación e comercialización de recursos locais; así como a divulgación, educación ambiental ou a participación cidadá. “Quixemos que a convocatoria fose moi ampla para que poida abarcar a maior diversidade de proxectos posibles”, apunta Lucía Escrigas, coordinadora do proxecto na Fundacion RIA.
O Parque Natural das Fragas do Eume alberga un dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa e reúne unha grande riqueza ecolóxica, paisaxística e patrimonial. A súa condición de espazo protexido convive, porén, cunha realidade territorial complexa: a estrutura da propiedade, a aplicación da normativa, unha forte presión turística concentrada nalgúns puntos, a perda de residentes, o abandono de determinadas actividades produtivas e a dificultade para coordinar múltiples actores fan necesaria unha aproximación integral, capaz de superar a fragmentación sectorial existente.
"Hai máis cousas en común e máis preocupacións compartidas das que a priori pode parecer", salienta Escrigas
O primeiro paso sobre o terreo para o equipo da Fundación RIA, segundo explica Escrigas, foi identificar todos os axentes implicados nas Fragas do Eume. Neste caso, a declaración de Parque Natural é competencia da Consellería do Medio Ambiente, e ademais están os cinco concellos involucrados e a Deputación da Coruña. Por outra banda, hai un número importante de axentes privados, comezando polos propietarios dos terreos que son privados, e por toda a veciñanza da zona, contando tamén coas asociacións medioambientais ou educativas, as entidades vinculadas ao turismo e o propio sector produtivo.
“Resulta indispensable chegar a acordos, máis aínda nun espazo particularmente delicado coma este, cunha estrutura administrativa complexa de tres niveis e cunhas demandas por parte dos propietarios que levan moitos anos pendentes... Detectamos un desgaste histórico e quixemos traballar con esta realidade presente para analizar a situación e buscar puntos de encontro. Resultou que, independentemente de se existe ou non existe actualmente unha relación entre estes, moitos axentes identifican casuísticas compartidas e se preocupan por cousas moi semellantes. Hai máis cousas en común e máis preocupacións compartidas das que a priori pode parecer”, describe Escrigas.
Para o equipo da Fundación RIA “os lugares de oportunidade son os puntos de consenso”. Neste sentido, a convocatoria de proxectos inscríbese nesta ampla visión das Fragas do Eume e na necesidade de seguir identificando iniciativas, persoas ou entidades que “teñan vontade de traballar en vivo neste territorio, que non é só o parque natural, senón tamén a súa contorna”.
"Este é para nós o valor engadido da convocatoria, que non é tanto económico, senón o acompañamento técnico", di Lucía Escrigas
Un aspecto diferenciador desta convocatoria é que non busca simplemente aportar financiamento a un proxecto ou outro. “O apoio principal será técnico e especializado para cada iniciativa. Buscaranse os acordos necesarios para levar a cabo cada proxecto, localizando máis financiamento ou identificando necesidades. Este é para nós o valor engadido da convocatoria, que non é tanto económico, senón o acompañamento técnico“, debulla Lucía Escrigas.
Na convocatoria poderán participar persoas a título individual, empresas, cooperativas, asociacións, fundacións, comunidades de montes, centros educativos e formativos, universidades, administracións públicas e outras entidades ou agrupacións vinculadas ao territorio.
O xurado valorará especialmente as propostas “que contribúan á conservación e á mellora da xestión do territorio, reforcen o recoñecemento das fragas como un activo estratéxico para o desenvolvemento local e incorporen modelos de colaboración abertos”.