Manexar un smartphone pasados os 80: "Moito me queda para saber todo o que ten o móbil"

Obradoiro con teléfonos móbiles na residencia de maiores de Navia de Suarna o 23 de abril CC-BY-SA Deputación de Lugo

“Como ti tiñas a tablet na casa, xa estás acostumada, non é como os que nunca a tivemos”, dille Luis a Ana despois do curso sobre as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) que tiveron na residencia na que viven. Ana ten 96 anos e Luis 83, ambos están no centro de maiores de Navia de Suarna desde que abriu hai pouco máis dun ano.

Dentro do programa Xunt@s da Deputación de Lugo, a residencia acolleu unha serie de obradoiros para aprender a manexarse cos smartphones e as tablets que os residentes teñen ao seu dispor no centro. Cando aínda vivía na súa casa, Ana conta que unha das súas fillas regaloulle unha tableta coa que ten “xogado moitísimo” o Tetris ou a xogos de cartas como o solitario.

Este taller forma parte do programa Xunt@s da Deputación CC-BY-SA Deputación de Lugo

"Estou sempre mirando internet. Teño todo iso de YouTube e WhatsApp, estou vendo cousas todo o tempo, que teño datos ilimitados", conta Luis, de 83 anos

Luis ten alí o seu propio smartphone, co que anda todo o día dun lado para o outro. “Sempre me están a rifar porque estou mirando para o teléfono”, confesa. “Estou sempre mirando internet. Teño todo iso de YouTube e WhatsApp, estou vendo cousas todo o tempo, que teño datos ilimitados. Vexo reportaxes e as televisións que non se ven polo repetidor. Tamén teño Instagram e Telegram. Fago moitas cousas, pero moito me queda para saber todo o que ten o móbil”, engade.

Os compañeiros da residencia que andan polo salón din que Luis tamén emprega o móbil para falar coas mozas, ao que Luis responde que lle teñen moita envexa. A Luis no curso foille ben, pero gustaríalle ter aprendido estas cousas con menos idade: “Aprendín algunhas cousas das que me lembro, dixéronme canais que seguir que me interesan, pero agora como xa teño mala memoria moitas non me acordan”.

Tanto falar do obradoiro a Ana vénlle á memoria a súa infancia alí, en Navia de Suarna, onde aínda ten a súa casa “entre o castelo e a ponte”. “Eu tiven unha mestra moi boa, que era francesa –conta–. Fixen por libre ata terceiro de Bacharelato e pagoumo ela, dona María, pero despois foi co sobresaínte que sacara onde meu pai para explicarlle que non me podía pagar máis, que tiña dúas fillas de seu. E pediulle que interviñera el, pero meu pai díxolle que non podía porque detrás de min había aínda outros dous irmáns. Así que a miña carreira acabouse aí”.

Con doce anos, Anita –como a chamar todos na residencia– conta que se erguía ás catro da mañá para ir amasar o pan e deixaba noventa bolas cocidas antes de ir á escola. Luis lémbralle que despois de traballar na panadería, xa casada, puxo unha droguería na que “tiña de todo canto hai”. E é que nesta residencia coñécense todos, son todos da zona e seguen desde alí o día a día da vila.

Luis é o único que dos que asistiu o obradoiro que ten un smartphone CC-BY-SA Deputación de Lugo

Ana di que agora xa non lle fai falla un smartphone. Ten un “destes para falar” e ben lle chega, aínda que no curso volveu coller unha tableta para “fedellar” cos profesores. Para Luis é mellor a tablet “porque é máis grande que o teléfono e mírase mellor”. Con todo, a Maribel, que tamén participou no obradoiro, resúltalle moi difícil aprender a manexar estes aparellos á súa idade.

"Estás na sala de espera do médico e ninguén fala, case nin saúdan, están todos mirando para o teléfono", critica Maribel

Maribel acaba de facer os 92 anos e perdeu á única irmá que lle quedaba –que estaba con ela na residencia– hai poucos días. Tamén é veciña de Navia de Suarna, tiña unha gran horta na veiga e traballou alí a terra e mais levou a súa casa toda a vida. 

“Agora hai máis cartos, pero antes vivíase moito do que daba a horta. Agora fóronse abandonando os terreos porque ninguén quere traballar a terra. Tiñamos porcos e sementabamos, non é como agora que todo sei van mercar fóra. A xente emigrou porque non quería traballar no campo, tamén antes todo era traballar e traballar pero poucos cartos. Todo era a base de man, por iso a xente nova que viu despois marchou fóra. Antes en Navia había unhas feiras enormes, agora a xente vaise á cidade. Todos estudan e se preparan, os catro fillos que teño todos teñen carreira e eu estou aquí metida”, destaca.

Para Maribel os “cacharros tecnolóxicos” non son de utilidade porque nunca os precisou na súa vida e agora xa oe e ve mal. “Xa non estou para aprender isto”, incide. Luis, pola súa banda, querería ter máis clases: “A min dáme gusto que me expliquen, unha vez que xa vas controlando é bon que alguén che diga como mellorar. Teño moitos amigos aí cos que falar, mándanme un montón de mensaxes por FaceBook”.

Luis pasou toda a vida a cargo do gando: vacas, porcos e ovellas. Pero a apicultura foi o que máis lle enganchou, de feito, seguiu dedicándose ás súas abellas ata que entrou na residencia, que vendeu todo. “Vendía a mel e todo, era moi boa. Pero tiven que deixalo porque xa non me podía dedicar máis a elas”, lembra.

O peor que lle vén aos smartphones é que a xente non fale entre si. “Estás na sala de espera do médico e ninguén fala, case nin saúdan, están todos mirando para o teléfono”, critica Maribel, para engadir que incluso as súas netas agáchanse para coller o móbil sen que as vexan os pais. “Pero que van facer? Ven os maiores que non falan e están coa máquina esa”, engade. Como punto positivo, Luis di que “aínda se poden facer amizades co teléfono”, a pesar de que non é o mesmo que verse as caras. “Dá pena que non se comuniquen pais e fillos, xa non se razoa nas casas”, lamenta Maribel.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.