Medra a audiencia que paga por ler medios en internet nun clima de desconfianza cara ás noticias

Varias persoas len un xornal CC-BY-SA John Schnobrich / Unsplash

A pandemia da COVID mudou moitos aspectos do día a día da sociedade e tamén tivo as súas repercusións na industria dos medios de comunicación. Máis tráfico, maior consumo en móbil e aposta por novos formatos, coma o podcast, foron algunhas das novidades que primeiro se notaron no mercado da información. Un ano despois, e segundo recolle a novena edición do Digital News Report que coordina o Reuters Institute for the Study of Journalism da Universidade de Oxford [consultar íntegro aquí], o panorama está marcado por "zonas de luz", como o crecemento do número de lectores que paga por ler medios en internet, pero tamén por "outras máis sombrías que levan camiño de cronificarse", como o incremento do número de persoas que evita deliberadamente as noticias por fartura, desánimo ou desconfianza.

Así, entre as tendencias favorables para a industria mediática, este informe, que na súa versión española realiza a Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra a partir de máis de 2.000 enquisas a internautas españois, destaca a rápida transición do modelo de gratuidade cara ao de subscrición. Aínda que a porcentaxe de persoas que pagaron por noticias en medios dixitais é idéntico ao da edición anterior de 2020 (11,7%), produciuse un incremento nas subscricións: o 42% opta polo pago regular ou subscrición estándar, once puntos máis que en 2020.

"A era da gratuidade quedou atrás para os principais grupos informativos, que desde 2019 optaron pola estratexia freemium, na que os contidos máis exclusivos diferenciados son de pago", defende o informe. Así, e segundo os datos da propia industria que recolle o Digital News Report 2022, o mercado xornalístico no Estado ten máis de 775.000 subscritores, un 94% máis que hai un ano. Neste apartado o líder é El País, con 204.295 subscritores, dos que 164.200 son subscritores exclusivamente dixitais. Entre os nativos dixitais, destacan elDiario.es (62.000), El Confidencial (35.000), El Español (25.000) e infoLibre (13.300). [Faite de Praza.gal]

Segundo a última edición do Digital News Report, un 11,7% de internautas paga por acceder a medios e o 42% opta polo pagamento regular, once puntos máis que en 2020

Por que deciden subscribir un usuario a un medio? Segundo explica este informe, de todos os factores que inflúen no pago por noticias é "o interese pola información e non a confianza o que máis impacta na decisión de compra". Desde o punto de vista sociodemográfico, o pago concéntrase e crece nas franxas de idade máis novas (o 17% dos menores de 35 anos), entre as rendas máis altas (o 18%) e de maior nivel educativo (o 15%). Ademais, o 48,9% asegura pagar dúas ou máis subscricións a noticias dixitais e case un 25%, a tres ou máis.

Malia este incremento de subscricións, no conxunto dos 40 países onde se preguntou polo pago por noticias dixitais, o 16% dos usuarios declara que pagou por un servizo de noticias durante o ano pasado. É dicir, que o Estado español se atopa por baixo da media e, ademais, entre os dez países con menor porcentaxe de pago. Unha listaxe no que tamén se atopa Italia (12%), Francia (11%) ou Reino Unido (9%). En cambio, a outra cara da moeda protagonízana Noruega (41%), Suecia (33%) e Hong Kong (22%) que encabezan o ranking de países que máis pagan por contidos dixitais.

No entanto, o pago por noticias tamén deita dúas cifras negativas. A primeira, e máis preocupante, é que o 66,8% dos enquisados, é dicir, dous de cada tres, segue sen pagar nada por obter información, tanto dixital como impresa. E, doutra banda, os datos deste ano mostran unha lixeira recuperación no número de persoas que declaran comprar un xornal na semana previa á realización da enquisa. En 2020 foi do 23,2%, mentres que en 2021 foi do 27%. Con todo, a cifra é dez puntos inferior (o 37%) á do 2019.

 

Outra das tendencias positivas é que España é un dos países máis preocupados pola proliferación de bulos. En concreto, ao 62% dos enquisados inquiétao saber que é certo e que é falso nos contidos que se publican. A pesar deste bo dato, o certo é que esta porcentaxe é a máis baixa desde 2018 (cando foi do 69%), o primeiro ano no que o Digital News Report preguntou polo asunto. 

O interese e a confianza nas noticias, en niveis historicamente baixos

No outro extremo da balanza, o Digital News Report 2022 tamén destaca outras tendencias moito máis "desacougantes" e "non só para as organizacións xornalísticas, senón para a sociedade no seu conxunto". Por unha banda, o interese e a confianza nas noticias están en niveis historicamente baixos. No últimos oito anos, a porcentaxe de poboación moi interesada na información caeu do 85% en 2015 ao 55% en 2022. En cambio, o número de desinteresados nas noticias multiplicouse por dez ao longo deste período de tempo: do 1% ao 11%.

Ademais, por primeira vez, os escépticos nas noticias (o 39%) superan aos que se fían delas (o 32%). España atópase entre os dez países con menor credibilidade nas noticias, só por detrás de Grecia (o 27%), Taiwan (o 27%), Francia (o 29%) e Corea do Sur (30%). Ademais, é un dos cinco países nos que a porcentaxe de desconfiados supera ao de confiados nas noticias.

Outra tendencia é que evadir deliberadamente noticias está cada vez máis de moda. Segundo este informe, o 69% dos enquisados recoñecen que evitan as noticias: un 10% faino acotío, un 25% ás veces e un 34% ocasionalmente. Son os menores de 45 anos os que máis evitan as informacións xa que a porcentaxe elévase até o 76%. E, por xénero, son as mulleres, o 72%, as que máis tentan evadirse da información.  

A enquisa amosa un incremento no número de persoas que evitan deliberadamente as noticias por fartura, desánimo ou desconfianza: case un 70%

Por que se evitan as noticias? O informe detecta catro razóns principais. O 44% achácao á cobertura excesiva. O 32% afirman que é porque inflúen negativamente no seu estado de ánimo. O 30% apela á fatiga informativa. E o 28% apunta á desconfianza. Outras causas menos importantes para fuxir da actualidade son que provocan discusións que prefiro evitar (17%), sentir que non se pode nada coa información (15%), non ter tempo que dedicar ás noticias (9%) ou resultar difícil seguir ou entender as noticias (7%).

Doutra banda, aumenta o número de enquisados que perciben os medios informativos como dependentes dos grupos de presión políticos e empresariais. En concreto, un 61% asegura que as empresas informativas non son independentes ante as presións políticas e do Goberno. Así mesmo, un 57% sinala as presións empresariais. Así mesmo, o informe tamén destaca que os usuarios perciben que a maioría dos medios antepoñen os seus intereses particulares (un 56%) ou políticos (53%) aos da sociedade en xeral. Por tramos de idade, esta percepción é "transversal" a todas as xeracións. Iso si, os máis novos teñen unha visión lixeiramente máis positiva que as xeracións máis maiores.

Así mesmo, esta dualidade entre quen se interesan e quen prefiren evitar a información ten unha tradución directa en función da idade. Os máis novos teñen uns hábitos e unhas actitudes ante a información "radicalmente distintas" aos máis maiores. Son máis críticos, desinteresados e escépticos, maioritariamente dixitais, que fixeron do móbil e das redes sociais os seus medios favoritos para coñecer a actualidade, compartir noticias e participar á súa maneira no debate público. 

A importancia da información de proximidade

A información máis próxima é a que máis interesa, segundo o informe

No entanto, aínda queda un reduto de esperanza: hai un grupo importante da sociedade interesada na información centrada en asuntos públicos, especialmente a información máis próxima ou local. Unha tendencia que xa se mostrou en informes anteriores. "A pesar de que non é inmune á perda xeneralizada de credibilidade, este grupo de persoas segue confiando maioritariamente nas principais marcas informativas, tanto dixitais como tradicionais, e mesmo está disposto a pagar ou polo menos a ceder os seus datos persoais para acceder ás súas noticias favoritas", explica o informe.

En concreto, a información de proximidade continúa tendo unha boa valoración entre os internautas españois: o 63% está interesado nas noticias sobre a súa comunidade ou localidade. Séguena moi de lonxe, as informacións sobre o coronavirus (47%), as internacionais (46%), as de cultura (44%), as de ciencia e tecnoloxía (42%), e a política (41%). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.